12 Feb O Río Miño transfronteirizo contará cun Plan de Mobilidade Sustentable centrado nos desprazamentos entre as eurocidades
A AECT Río Miño destacou que esta é a fronteira máis transitada da península ibérica e un dos primeiros plans “transfronteirizos” do mundo
O estudo abranguerá 26 municipios e máis de 3.300 km2
O territorio do Río Miño Transfronteirizo contará cun plan de mobilidade sustentable que favoreza os desprazamentos de persoas e vehículos na fronteira galego portuguesa, prestando especial atención aos fluxos entre os polos urbanos das eurocidades, nos que se concentran máis de 100.000 habitantes. Así o anunciou hoxe o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, nun acto no que estivo acompañado polos alcaldes da eurocidade Tui – Valença, Carlos Vázquez Padín e Jorge Salgueiro Mendes, e o presidente da câmara municipal de Vila Nova de Cerveira e vice director da AECT Río Miño, Jõao Fernando Brito Nogueira.
Segundo explicou o director da AECT Río Miño “este plan supón unha necesaria visión global da mobilidade”, coa característica especial de “ser un plan tranfronteirizo, un dos poucos deste tipo que existen no mundo”. Benítez lembrou que xa se están redactando plans de mobilidade a nivel galego, comarcal e nos concellos, pero “parece que do outro lado do río Miño non hai nada, a pesar de que estamos a falar da fronteira ibérica máis transitada”. Neste senso o director da AECT Río Miño destacou que “nós queremos rachar por completo con ese concepto de fronteira, e queremos realizar un diagnóstico que nos dea unha visión máis acertada desta área xeográfica, que é un territorio común.”
Punto de partida
O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST) é unha das principais accións do proxecto Smart Minho -enfocado na planificación conxunta e intelixente do espazo transfronteirizo e cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional- .
O PMST terá como punto de partida dous documentos previos: a ‘Estratexia do Río Miño Transfronteirizo 2030’ e o ‘Plano de Transporte Público do Vale do Rio Miño Transfronteiriço’, un detallado traballo elaborado por UNIMINHO en 2012.
“A participación cidadá xogará un papel importante no deseño deste plan” que se levará a cabo mediante a realización de enquisas, tanto a pé de rúa como a través da páxina web de Smart Minho, e a organización de varios obradoiros, en territorio galego e portugués, nos que “o tecido asociativo e económico do territorio poderá achegar tanto ideas como as problemáticas ás que se enfrontan no seu día a día en materia de mobilidade”.
Especial énfase nas eurocidades
O plan estudará especialmente a mellora dos desprazamentos entre os tres pares de núcleos urbanos que compoñen as eurocidades de Tomiño – Cerveira, Tui – Valença e Salvaterra – Monçao, que aglutinan un tercio do total da poboación do territorio. Nesta liña se manifestaron os representantes das alcaldías e cámaras municipais presentes, agradecendo os esforzos realizados pola Deputación de Pontevedra na área transfronteiriza para fomentar o traballo en común do territorio galego portugués.
O estudo abrangue máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses, e a unha poboación de ao redor de 376.000. Unha vez recompilada e analizada toda a información obtida a través das enquisas e obradoiros, poderanse extraer as primeiras conclusións e establecer unha visión global do conxunto da mobilidade na área do río Miño transfronteirizo, cunha proposta de accións piloto lista para desenvolver no inmediato, segundo informou o deputado.