1

O AECT Rio Minho traslada aos gobernos de España e Portugal unha declaración conxunta con demandas específicas para o restablecemento da normalidade na fronteira

O AECT Rio Minho trasladou hoxe aos respectivos gobernos centrais de España e Portugal unha declaración conxunta asinada polos representantes das câmaras municipais e dos concellos do territorio transfronteirizo do río Miño a partir das conclusións da reunión telemática mantida entre os e as rexidoras o pasado martes 28 de abril. O documento recolle unha serie de demandas sociais e económicas, algunhas de carácter inmediato, de cara ao proceso de volta á normalidade e o restablecemento da normalidade na fronteira que se desenvolverá durante as próximas semanas e meses, segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Río Miño, Uxío Benítez.

O documento establece como prioridade a apertura inmediata de novos pasos fronteirizos no territorio para a facilitación do tránsito dos traballadores e traballadoras que deben cruzar cada día o río para acudir aos seus postos de traballo. Así mesmo, solicita “o restablecemento da libre circulación entre países cando rematen os estados de alarma español e portugués, condicionada esta aos controis de saúde necesarios”, e “no caso de que se prolongue o control de fronteiras” pide que se valore “a posibilidade de facilitar o paso de residentes entre concellos fronteirizos”, explicou Uxío Benítez.

Ademais de solicitar coordinación entre ambos os Estados, o texto reclama a apertura de novos pasos fronteirizos como medida inmediata para o restablecemento da normalidade na fronteira

Outra demanda fundamental feita polos gobernos locais é a coordinación entre os Estados español e portugués na posta en marcha das medidas de desescalada, “evitando partir en dous as eurocidades existentes e os territorios transfronteirizos en xeral”.

A declaración conxunta destaca tamén a necesidade dunha “avaliación de
danos económicos nos sectores máis afectados promovendo propostas de axuda e
estudos de viabilidade”, e a elaboración de “políticas de apoio coa partipación
dos axentes locais e dos actores socioeconómicos do territorio”, engadiu
Benítez.

“A quebra da actividade produtiva e comercializadora do sector primario, e
singularmente da pesca de lamprea e da pesca marítima, deben constituír unha
oportunidade para aplicar políticas de conservación e rexeneración dos
recursos, que teñan efectos favorables na natureza e na xestión do recurso
natural no futuro”, inclúe o texto. Neste sentido, os e as rexedoras consideran
importante “pactar entre Estados unha dinámica única e coordinada, de
conservación e de explotación, en termos de xustiza e de eficacia das políticas
sobre o río e os recursos naturais comúns”, prosegue a declaración.

Por último, o AECT Río Miño preséntase como o mellor instrumento para propor medidas conxuntas que non produzan desequilibrios entre ambas as beiras do río Miño polo seu coñecemento do terreo e o seu carácter internacional.