Apertura de pasos - abertura de passagens

O AECT e as Eurocidades do Miño estudan medidas de protesta para reclamar a apertura urxente de pasos na fronteira con Portugal

image_pdfimage_print

A directiva da agrupación transfronteiriza xunto aos mandatarios de Tui-Valença, Tomiño-Cerveira e Salvaterra-Monçao mantiveron un encontro no que afirmaron que a situación “agrávase cada vez máis”

O AECT Rio Minho e as Eurocidades do Miño acordaron hoxe nun encontro adoptar medidas contundentes de protesta para reclamar a apertura urxente de pasos na fronteira con Portugal. Segundo explica o director da agrupación transfronteiriza e deputado provincial Uxío Benítez, a situación estase volvendo “insostible”, xa que o territorio do Miño está ‘afogado’ pola existencia dun único paso na fronteira en Tui-Valença debido ás restricións de mobilidade impostas pola COVID-19, o que imposibilita o mantemento das intensas relacións socioeconómicas entre ambas marxes do río.

Na reunión de hoxe estiveron presentes o director do AECT, Uxío Benítez; o vicedirector, Fernando Brito Nogueira, así como alcaldes e alcaldesas dos concellos de Tui (Enrique Cabaleiro), Tomiño (Sandra González) e Salvaterra (Marta Valcárcel), así como o presidente da Câmara de Vila Nova de Cerveira (Fernando Nogueira) e os vice-presidentes de Valença (Jose Temporão Monte), e Monçao (João Oliveira). Todos os dixirixentes amosaron o seu fondo malestar pola restrición e a existencia dun único paso na fronteira, o que obriga a moitos traballadores e traballadoras transfronteirizos a dar rodeos  de ata 200 quilómetros para acudir aos seus postos, coas perdas económicas e de tempo conseguintes. 

Os mandatarios consideran que non é de recibo que a situación siga igual a día de hoxe que dende o inicio do estado de alarma, cando era preciso un confinamento estrito e unha restrición clara da mobilidade. Agora, subliñan, a situación tense modificado en xeral para alixeirar a mobilidade en ambos estados e tense demostrado a necesidade de máis pasos entre ambos países polo seu dinamismo económico conxunto. 

Como argumento desa actividade, na reunión presentáronse os datos do último Observatorio Transfronteirizo España-Portugal (OTEP) publicado polos gobernos español e luso a finais de 2019 sobre a mobilidade na fronteira, que revelan que dos 60 pasos existentes entre España e Portugal, os de Tui-Valença, Tomiño-Vila Nova, e Salvaterra-Monçao están entre os seis máis poboados e suman, entre os tres, máis do 50% do tránsito de vehículos total. 

Con este plantexamento, tanto o AECT como as Eurocidades, adoptaron o acordo de pasar á acción e plantexar medidas de protesta contundentes e  visibles que chamen a atención sobre a situación – ademais de seguir traballando na vía administrativa para conseguir abrir un maior número de pasos e permeabilizar a fronteira-. Neste sentido, estanse a estudiar fórmulas que, cumprindo os actos autorizados dentro da fase actual da desescalada, poñan de manifesto de xeito simbólico e chamativo o malestar tanto das e dos dirixentes como da cidadanía afectada. De feito, nos vindeiros días convocarase ao resto das cidades da ‘raia’ para consensuar as medidas de presión de maneira conxunta co fin de que teñan un maior respaldo.

As e os dirixentes, subliñaron que a situación agrávase cada vez máis para toda a cidadanía transfronteiriza producíndose colas de ata dúas horas para realizar o paso entre ambos paíes, á vez que denunciaron que non hai coordinación entre os corpos policiais, así como que os problemas no sector do transporte son continuos. Lembran que non só están afectados polo peche da fronteira os traballadores e traballadoras, senón que tamén a cidadanía xeral, que habitualmente mantén relacións económicas e sociais estreitas que se ven imposibilitadas.

Hai que lembrar que o AECT Rio Minho, personalizado no seu director, Uxío Benítez, e no seu vicedirector, reuniuse nos días pasados co propio delegado do Goberno en Galicia, quen tramitou a solicitude de apertura de pasos aos Ministerios de Sanidade e Interior sen ter aínda unha resposta frutífera. Tamén se realizou un encontro co secretario xeral da Asociación de Rexiós Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, quen confirmou o traslado da protesta polo peche da fronteira á propia responsable da CE, Ursula Von der Leyen

O AECT iniciou as reclamacións da apertura de pasos formalmente coa sinatura dunha declaración formal o pasado 28 de abril por parte das alcaldesas e alcaldes da raia. O documento foi remitido ao goberno central e ás delegacións, á Xunta, así como a diversas entidades co fin de buscar solucións inmediatas para a grave situación socioeconómica.