A rapazada de Crecente coñece os `Tesouros Humanos Vivos´a través dos contacontos da deputación
Técnicas de pesca tradicional en torno á lamprea, características dos traballos artesanais, as variedades dialectais únicas na zona,os contos e lendas e mesmo as particularidades musicais, como as treboadas, que desde tempos inmemoriais se transmitían de xeración en xeración nos territorios transfronteirizos… foron hoxe protagonistas dos contacontos da Deputación, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza de Uxío Benítez, levou ao colexio Manuel Sieiro de Crecente grazas ao programa ‘Tesouros Humanos Vivos’.
Os nenos e nenas do colexio Manuel Sieiro aprenderon hoxe con ‘Polo Correo do Vento’ técnicas de pesca da lamprea, traballos e músicas tradicionais e variedades dialectais da raia
A actividade foi desenvolvida por Polo Correo do Vento, a través das historias de Enrique Mauricio e os debuxos de Carlos Taboada, que fixeron gozar desta experiencia de contacontos ilustrados a 40 nenos e nenas de entre 6 e 11 anos coa compaña da música en directo de Antón Rey.
A rapazada, ademais de escoitar atentamente os relatos, participou activamente elaborando os seus propios debuxos e ilustracións que pasarán a decorar o centro educativo.
O programa destes contacontos da deputación está enmarcado dentro da iniciativa Tesouros humanos vivos un traballo de recuperación da memoria cultural galego-portuguesa no territorio do val do río Miño e busca dar a coñecer entre os máis novos, dun xeito lúdico e divertido, os saberes existentes a ambas beiras do río.
A actividade chegará tamén ao alumnado de A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui
O obxectivo da actividade – que se desenvolveu, como non podía ser doutro xeito, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus- é poñer en valor as biografías homenaxeadas e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.
A iniciativa continuará e que este mércores o seu percorrido no Colexio Padres Somascos da Guarda e no CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal. Na vindeira semana a actividade chegará aos colexios de As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui.
Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto SmartMinho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.