Salvaterra e As Neves coñecen os Tesouros Humanos Vivos do Miño

A rapazada dos concellos de Salvaterra e as Neves aprenderon hoxe como se desenvolve a pesca tradicional da lamprea e achegáronse á práctica da transhumancia,  dúas mostras de traballos artesanais que aínda sobreviven nos concellos da raia. Escoitaron a importancia de conservar o idioma, nalgúns casos en risco de desaparecer como a variedade dialectal do ‘goianés’ e coñeceron particularidades musicais como as treboadas. Todos eles Tesouros Humanos Vivos do Miño.

Da man de Polo Correo do Vento, o alumnado de ambos os dous colexios coñeceu dun xeito lúdico e divertido estes aspectos do noso patrimonio inmaterial. Uns contacontos que están a percorrer diferentes centros educativos dentro da iniciativa ‘Tesouros Humanos Vivos’ da Deputación, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza de Uxío Benítez.

Os nenos e nenas do colexio Infante Felipe e o CEIP Marquesa Pazo da Mercé asistiron hoxe aos contacontos da Deputación dos Salvaterra e As Neves coñecen os `Tesouros Humanos Vivos´ do Miño

As historias de Enrique Mauricio chegan ao alumnado cargadas de ritmo coa música en directo do ukeleñe de Antón Ké. A continuación o ilustrador Carlos Taboada anima á rapazada a participar elaborando os seus propios debuxos e ilustracións que pasarán a decorar o centro educativo.

Salvaterra e As Neves coñecen os `Tesouros Humanos Vivos´ do Miño

O obxectivo da actividade – que se desenvolveu, como non podía ser doutro xeito, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus- é poñer en valor as biografías homenaxeadas dentro do proxecto de recuperación da memoria galego-portuguesa e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.

Escoitaron da man de Polo Correo do Vento que son as pesqueiras, as variedades dialectais da raia ou as músicas e os traballos tradicionais

A iniciativa, que xa pasou polos colexios Manuel Sieiro de Crecente, o Colexio Padres Somascos da Guarda e o CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal rematará este primeiro ciclo de actuacións nos centros educativos de Tomiño e Tui. Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto SmartMinho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.




A rapazada de Crecente coñece os `Tesouros Humanos Vivos´a través dos contacontos da deputación

Técnicas de pesca tradicional en torno á lamprea, características dos traballos artesanais, as variedades dialectais únicas na zona,os contos e lendas e mesmo as particularidades musicais, como as treboadas, que desde tempos inmemoriais se transmitían de xeración en xeración nos territorios transfronteirizos… foron hoxe protagonistas dos contacontos da Deputación, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza de Uxío Benítez, levou ao colexio Manuel Sieiro de Crecente grazas ao programa ‘Tesouros Humanos Vivos’.

Os nenos e nenas do colexio Manuel Sieiro aprenderon hoxe con ‘Polo Correo do Vento’ técnicas de pesca da lamprea, traballos e músicas tradicionais e variedades dialectais da raia

A actividade foi desenvolvida por Polo Correo do Vento, a través das historias de Enrique Mauricio e os debuxos de Carlos Taboada, que fixeron gozar desta experiencia de contacontos ilustrados a 40 nenos e nenas de entre 6 e 11 anos coa compaña da música en directo de Antón Rey.

Contacontos no colexio  Manuel Sieiro de Crecente

A rapazada, ademais de escoitar atentamente os relatos, participou activamente elaborando os seus propios debuxos e ilustracións que pasarán a decorar o centro educativo.

O programa destes contacontos da deputación está enmarcado dentro da iniciativa Tesouros humanos vivos un traballo de recuperación da memoria cultural galego-portuguesa no territorio do val do río Miño e busca dar a coñecer entre os máis novos, dun xeito lúdico e divertido, os saberes existentes a ambas beiras do río.

A actividade chegará tamén ao alumnado de A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui

O obxectivo da actividade – que se desenvolveu, como non podía ser doutro xeito, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus- é poñer en valor as biografías homenaxeadas e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.

A iniciativa continuará e que este mércores o seu percorrido no Colexio Padres Somascos da Guarda e no CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal. Na vindeira semana a actividade chegará aos colexios de As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui.

Polo Correo do Vento no  Manuel Sieiro de Crecente

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto SmartMinho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.




A Deputación leva un programa de contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño ás escolas da Raia

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Cooperación Transfronteiriza dirixido por Uxío Benítez, comezará a vindeira semana un programa contacontos sobre os ‘Tesouros humanos vivos’ do Miño dirixido ás escolas da raia. Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui gozará de varios espectáculos infantís ao abeiro da iniciativa de recuperación do patrimonio no marco do programa Smart Miño.

O CEIP Antonio Carpintero de Arbo e o Manuel Sieiro de Crecente acollerán o martes 26 a primeira das actividade de contacontos realizadas por Polo Correo do Vento. O mércores continuará o itinerario no Colexio Padres Somascos da Guarda e no CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal, e na vindeira semana a actividade chegará aos colexios de As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui.

O programa de contacontos está enmarcado dentro da iniciativa ‘Tesouros humanos vivos’, un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego-portuguesa no territorio do val do río Miño que busca dar a coñecer entre a rapazada, dun xeito lúdico e divertido, os saberes existentes a ambas beiras do río.

Segundo asegura o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, os contacontos buscan chegar á cativada miñota e aumentar os seus coñecementos sobre a cultura e patrimonio da zona, xa que a identidade que antes se transmitía de pais a fillos está agora en perigo por falta de relevo xeracional e tamén pola forma de vida actual. “Non podemos permitir que todo ese patrimonio intanxible se perda. Hai que facer pormanter ese saber nas familias e tamén nas escolas”, subliñou.

Alumnado de entre 6 e 11 anos de Arbo, Crecente, A Guarda, O Rosal, As Neves, Salvaterra, Tomiño e Tui gozará dos contacontos grazas á iniciativa de recuperación do patrimonio do Smart Miño

Coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que desde tempos inmemoriais se transmitían de xeración en xeración, serán algúns dos asuntos que se aborden nestes contacontos ilustrados.

O colectivo Polo Correo do Vento será o encargado de realizar esta actividade mesturando a narración oral e a ilustración. Enrique Mauricio relatará distintas biografías dos Tesouros Humanos centrándose no lugar no que se realiza o contacontos ao tempo que Carlos Taboada realiza un mural relacionado coa historia.

O obxectivo da actividade é poñer en valor as biografías homenaxeadas e afondar na idea do río Miño como unión de cultura, cunha proposta na que os nenos e nenas interaccionan co conto e co debuxo.

Esta iniciativa estaba previsto que se desenvolveseno curso pasado, sendo finalmente adiada debido a suspensión das clases por mor da pandemia da Covid-19. Retómanse agora estas actividades que se realizarán nas escolas na última semana de  xaneiro e primeira de febreiro, respectando as medidas sanitarias impostas polo coronavirus. Estaba previsto ademais que os contacontos se achegaran a diferentes localidades portuguesas da raia, quedando pendente a súa realización para próximas datas.

Trátase dunha actividade enmarcada no proxecto Tesouros Humanos Vivos do proxecto SmartMinho que desenvolve a Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional que busca documentar o noso patrimonio inmaterial e a súa posta en valor, así como a súa transmisión ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.Para iso realizouse un traballo de campo de máis dun ano xunto coa asociación Ponte… nas Ondas! que entrevistou ao redor de 15 persoas do territorio miñoto galego portugués, a maioría delas de máis de 70 anos, e nun dos casos chegando ata os 99. As entrevistas foron gravadas e documentadas e estarán á disposición de todo o mundo no canal de youtube do smartminho así como nas diferentes redes sociais do proxecto para  garantir a súa divulgación e transmisión.

Na mesma liña está prevista a edición dun libro infantil neste primeiro trimestre do ano para promover este coñecemento.




A Deputación de Pontevedra conmemora o Día Mundial do Patrimonio coa presentación do proxecto ‘Tesouros Humanos Vivos’

A Deputación de Pontevedra, a través do proxecto Smart Minho, presentou con motivo da véspera do Día Mundial do Patrimonio Cultural a iniciativa Os Tesouros Humanos Vivos, un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego – portuguesa no territorio do val do río Miño. Coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que dende tempos inmemoriables se transmitían de xeración en xeración,  vense agora ameazados pola falta de revelo xeracional e os drásticos cambios na forma da vida da xente nos últimos 50 anos. O acto contou coa presencia da  presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; do deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez; da deputada de Patrimonio, María Ortega, e do coordinador da Asociación Ponte… nas Ondas!, Xerardo Feijoo, organización consultora da UNESCO, con quen se está a desenvolver este traballo.

Segundo
explicou o deputado Uxío Benítez, esta é unha das accións “máis bonitas e
simbólicas” enmarcadas dentro do proxecto Smart Minho que desenvolve a
Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75% do Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional. O obxectivo é documentar estes coñecementos
intanxibles, “que son a base da nosa cultura e da nosa identidade”, pólos en
valor e transmitilos ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.

Uxío Benítez destacou que Tesouros Humanos Vivos é unha das accións “máis bonitas e simbólicas” do proxecto Smart Minho

Para
iso realizouse un traballo de campo de máis dun ano xunto coa asociación Ponte…
nas Ondas! que entrevistou ao redor de 15 persoas do territorio miñoto galego
portugués, a maioría delas de máis de 70 anos, e nun dos casos chegando ata os
99. As entrevistas foron gravadas e documentadas e estarán á disposición de
todo o mundo na páxina www.smartminho.eu co obxectivo de garantir a súa
divulgación e transmisión.

Nesta
mesma liña, Benítez anunciou que en 2020 realizaranse actividades lúdicas e
educativas relacionadas cos tesouros humanos vivos en escolas, editaremos un
libro infantil, organizarase unha exposición itinerante e haberá un acto
homenaxe a todos os “tesouros humanos vivos” que forman parte do proxecto”.

Pola
súa banda, a deputada de Patrimonio, María Ortega, dixo sentirse orgullosa de
que a Deputación de Pontevedra leve a cabo un proxecto coma este que debería
ser extensible a todas as administracións. Ortega aproveitou a ocasión para
reivindicar “a lingua como o elemento máis importante do noso patrimonio
inmaterial, a lingua fainos ser quen hoxe somos, unha lingua, que na raia nos
une co pobo irmán portugués, e que nos sirve para transmitir o nosa cultura,
sentir e emocións”.

O traballo realizase en
colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!,
consultora acreditada pola UNESCO, con 25 anos de experiencia

Por
último, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou na
súa intervención que proxectos como “Tesouros Humanos Vivos” son “fundamentais
para que poidamos transmitir e seguir vivo todo ese coñecemento ancestral e que
amais nos fai ter máis recursos para facer fronte aos novos retos”. “Ese
patrimonio inmaterial nos fai únicos, diferentes e diversos nun mundo global e
ademais amosa a humanidade, o máis fermoso do ser humano; non podemos permitir
que se perda”, manifestou.

Silva
fixo fincapé en que o patrimonio inmaterial “está maiormente nas mans das
mulleres, porque vivimos máis anos”. “E poñerlles a elas voz con ese
coñecemento inmaterial –engadiu- tamén visibiliza a esas mulleres galegas
extraordinarias, cuxos rostros tamén son tesouros humanos vivos, e fala de todo
o que teñen aportado. Por iso paréceme relevante e quero poñer en valor que son
elas as que poden transmitir ese patrimonio inmaterial”.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! desenvolve dende hai 25 anos a súa actividade de recuperación da cultural inmaterial

A
presidenta recalcou que o Proxecto Smart Minho “fala de dous países, pero un
pobo” e está a aportar ideas e accións “que van facer que todo este territorio,
e máis alá, teña posibilidades de construír futuro poñendo as raíces no
extraordinario pasado que temos; non podemos esquecer que fai 2000 anos este
territorio era o centro do mundo, aquí acontecía todo”. Tras agradecer a labor
do colectivo Ponte nas Ondas, concluíu que “nese patrimonio inmaterial nós
somos unha grande referencia no mundo; temos moita cultura e moito orgullo que
defender”.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! desenvolve dende hai 25 anos a súa actividade de recuperación da cultural inmaterial a través do recoñecemento de ‘tesouros humanos vivos’ en todo o territorio transfronteirizo, realizando este labor de xeito ininterrompido dende a súa fundación. O seu traballo de recuperación do patrimonio inmaterial a través desta metodoloxía establecida pola UNESCO foi premiada en varias ocasión por entidades nacionais e internacionais.

Composición de Smart Minho

Smart Minho é un proxecto da Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais e a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Río Miño (AECT Río Miño), cofinanciado ao 75% por fondos FEDER.




Smart Minho promoverá a recuperación do patrimonio inmaterial galego-portugués a través da iniciativa ‘O Miño: un río de tesouros’

O traballo realizarase en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… Nas Ondas, consultora acreditada pola UNESCO, con 20 anos de experiencia

 

A Deputación de Pontevedra, a través do proxecto Smart Minho, vén de poñer en marcha a iniciativa ‘O Miño: un río de tesouros’, un traballo de recuperación da memoria cultural galego- portuguesa no territorio do val do río Miño. A acción ten por obxectivo poñer en valor o patrimonio inmaterial transfronteirizo, así como garantir a súa transmisión ás novas xeracións. O estudo realizarase en colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!, unha das 176 entidades acreditadas en todo o mundo pola UNESCO como consultora, a única en Galiza, con máis de 20 anos de experiencia no estudo do patrimonio inmaterial transfronteirizo.

A pesar da fronteira política que durante séculos separou ao Val do Miño en dous estados, a poboación do territorio seguiu compartindo unha cultura común que se transmitiu de forma oral, xeración tras xeración ata os nosos días, e que constitúe parte da identidade propia deste territorio. Algúns destes coñecementos e sabedorías atópanse a día de hoxe en perigo de desaparecer e seguen vivos unicamente a través de persoas, normalmente de avanzada idade, que son capaces de recordalos e recrealos e por esta razón supoñen un referente para a comunidade, os chamados ‘tesouros humanos vivos’.

O traballo de campo consistirá precisamente en entrevistas persoais con cada un dos tesouros humanos vivos identificados. Dos arredor de 15 casos que serán estudados, a maioría deles supera os 70 anos, nun dos casos chegando ata os 99, e cada un deles conta con coñecementos pertencentes a un ámbito diferente do patrimonio inmaterial. O proxecto inclúe, así mesmo, a creación dunha base de datos que recompile toda esta información e a realización dun documental, que achegue dunha forma máis visual este traballo ás persoas máis novas e á poboación en xeral.

O patrimonio inmaterial galego – portugués

O patrimonio cultural inmaterial galego-portugués comprende principalmente cinco ámbitos: as tradicións e expresións orais, como serían os contos, as lendas, as cantigas ou as regueifas;  as artes do espectáculo que inclúen por exemplo a danza, a música ou as marionetas; os usos sociais, rituais e actos festivos, que fai referencia  a cuestións tan diversas como as romarías, as máscaras tradicionais, os ranchos de reis, os maios ou os deportes tradicionais; os coñecementos relacionados coa natureza e o universo, onde encaixaría a medicina natural ou a gastronomía; e as técnicas artesanais tradicionais, no que se inclúen as artes pesqueiras ou a olería entre moitas outras.

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! desenvolve dende 2009 a súa actividade de recuperación da cultural inmaterial a través do recoñecemento de ‘tesouros humanos vivos’ en todo o territorio transfronteirizo, realizando este labor de xeito ininterrompido dende a súa fundación. O seu traballo de recuperación do patrimonio inmaterial a través desta metodoloxía establecida pola UNESCO foi premiada en varias ocasión por entidades nacionais e internacionais.

Smart Minho é un proxecto da Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais e a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Río Miño (AECT Río Miño), cofinanciado ao 75% por fondos FEDER.