1

Apostan pola creación dunha ‘Feira Cultural do Miño’ para reunir industrias e público de ambas beiras do río

A última mesa de participación para elaborar a ‘Estratexia 2030’ do territorio transfronteirizo propón potenciar o comercio nos centros das vilas fronte ás grandes superficies das aforas

 

Crear unha programación cultural propia no territorio transfronteirizo do Miño e poñer en marcha unha feira, un ‘Culturgal do Miño’, que potencie as industrias e actores culturais de ambas beiras do río e os poña en contacto co público: esas deben ser as apostas no eido cultural dentro da eurorrexión. Así o indicaron os participantes na última mesa de traballo organizada dentro do proceso de elaboración da ‘Estratexia 2030’, un documento-guía que busca desenvolver o territorio transfronteirizo dende múltiples perspectivas.

Estas ideas foron expostas por unha trintena de persoas de asociacións culturais, representantes políticos concellos galegos e cámaras municipais, persoal técnico municipal, comunidades de montes e EURES, na súa participación dentro da mesa sectorial ‘Cultura e Comercio Tradicional’ que se celebrou a pasada semana na sede da Agrupación Europea de Cooperación Terrritorial Rio Minho, en Valença.

Neste encontro, cuxo obxectivo era recoller ideas sobre como potenciar a cultura e o comercio na zona transfronteiriza do río, estiveron tamén os relatores Carmen Villarino, profesora de filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, e José Alberto Rio Fernandes, presidente da Asociación Portuguesa de Xeógrafos e Catedrático da Universidade de Porto, que forman parte do equipo científico da Fundación CEER (Centro de Estudios Eurorrexionais) para a elaboración da ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’.

En xeral, os participantes na mesa coincidiron en que a día de hoxe a comunidade non ten sentimento de pertenza ao territorio transfronteirizo debido a que este se eliminou da historia común xa dende a escola.  Púxose de manifesto tamén a existencia de trabas burocráticas para contratacións culturais no país veciño, así como  o traballo de voluntariado non remunerado e poucos fondos que desenvolven os colectivos de ambas beiras.

Ante isto,os representantes das asociacións solicitaron a posta en marcha dun circuíto cultural da eurorrexión promovido dende as institucións, que sexa integrante coas entidades locais, e que dispoña dunha maior promoción e comunicación.

Por outra parte, as persoas participantes cualificaron de moi interesante a posibilidade de poñer en marcha unha feira ou evento cultural, un ‘Culturgal’ propio a nivel eurorrexional, onde de xeito anual se reúnan os diferentes actores das industrias culturais da zona e o público xeral nun modelo similar ao que se celebra anualmente na cidade de Pontevedra, con casetas para os promotores participantes, conferencias, presentacións, mesas redondas ou concertos para dar a coñecer as últimas novidades en música, libros, teatro ou cinema galego e portugués, neste caso.

Museo da rexión

Antes do debate conxunto sobre cultura foi a quenda das exposicións dos expertos. A relatora Carmen Villarino destacou a importancia da cultura como elemento diferenciador dun grupo social  e a importancia da identidade cultural. Sinalou que a cultura é unha cuestión transversal, unha ferramenta para a “organización da vida” que aporta un sentimento/orgullo de pertenza a unha única comunidade no territorio. Neste sentido, e dentro do ámbito do territorio transfronteirizo, subliñou que é preciso recuperar e actualizar a historia común e identidade da contorna do Miño.

Para este obxectivo plantexou a posibilidade de crear unha base datos comúns (asociacións, actividades…), mapas de elementos culturais e ferramentas interactivas, así como incluso un posible Museo da rexión ou, de xeito menos ambicioso, exposicións itinerantes con fondos arquivísticos bibliotecarios. Tamén propuxo a denominación de rúas con nomes de persoas galegas ilustres en Portugal e viceversa, aproveitar os instrumentos legais dos que se dispón, e sobre todo, non deixar nunca de lado á poboación local, é quen sustenta a cuestión identitaria.

O comercio, esencia das vilas

Pola súa banda, o relator Rio Fernandes centrou a súa charla na potenciación do comercio tradicional, e subliñou a necesidade de substituír o comercio anónimo das aforas e centros comercias polo comercio do centro das vilas, máis próximo á xente e que aporta calidade de vida. O catedrático lembrou que o comercio ten un papel económico fundamental que non pode ser esquecido, así como unha dimensión social e urbana, posto que é indispensable na constitución das vilas e cidades. Destacou o exemplo da peonalización das rúas de Pontevedra, que definiu como un grande éxito aínda que había unha reticencia inicial porque se consideraba que sería un problema que os coches non puideran chegar ao centro das vilas, cuestión esta última que se demostrou totalmente errónea.

Rio apostou pola cooperación entre comerciantes, e por fomentar a proactividade das institucións con respecto ao comercio. Tamén destacou como interesante facer unha carta de ordenamento comercial, organizar “noites brancas” (establecementos abertos pola noite) en toda a rexión ou por municipios, ou identificar establecementos comerciais singulares (antigos, de mobiliario…).

Mesa sectorial sobre mobilidade

Logo da celebración das dúas primeiras mesas sectoriais, este mércores 3 de outubre terá lugar a próxima, que versará sobre ‘Mobilidade, servizos e turismo sustentable’. Desenvolverase na sede da AECT en Valença ás 17 horas (hora galega)  e contará coa participación de Valerià Paül Carril, Director da Fundación CEER  (Centro de Estudios Eurorrexionais), profesor da Universidade de Compostela, xeógrafo e doutor en Planificación Territorial e Desevolvemento Rexional; e de  Xavier Martínez Cobas, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, que forman parte do equipo científico da Fundación CEER para a elaboración da ‘Estratexia 2030’.

As persoas interesadas en participar nesta mesa sectorial poderán inscribirse a través da páxina web www.smartminho.eu/participa.  Así mesmo, aquelas persoas que non poidan asistir ás mesas sectoriais poderán sumarse igualmente ao proceso de participación cidadá, aportando as súas achegas e suxestións a través da páxina web, no ‘Espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá’ habilitado con esa finalidade e que estará aberto ata finais de outubro.

A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio Minho Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.




Axentes sociais do territorio do Miño ven necesario un convenio transfronteirizo de emerxencias e máis coordinación na loita contra o lume

Éxito de participación cidadá na primeira mesa sectorial celebrada este luns no marco da ‘Estratexia de Cooperación 2030’

 

Axentes sociais do territorio do Miño ven necesario que as administracións galega e portuguesa asinen un convenio transfronteirizo de emerxencias e aumenten a súa coordinación na loita contra o lume. Así o manifestaron representantes de entidades económicas, sociais e culturais, e persoal técnico e político de ambas marxes do río durante a celebración da primeira mesa sectorial de participación para elaborar a ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’, un documento que servirá de guía para desenvolver o territorio.

A primeira mesa de traballoda Estratexia -titulada ‘A gobernanza no territorio transfronteirizo’- desenvolveuse este luns no edificio Área Panorámica de Tui e contou con máis participación da prevista pola organización, que definiu a convocatoria como “un éxito”. O encontro foi a primeira xuntanza interactiva na que os axentes socioeconómicos da zona puideron expresar as súas inquedanzas e propostas sobre o futuro da contorna do Miño. Sobre a mesa púxose o debate do papel que deben xogar as diferentes administracións e incluso a AECT Rio Minho nos problemas da poboación transfronteiriza.

No caso das emerxencias, os asistentes consideraron prioritario ter unha maior coordinación entre a parte galega e lusa, poñendo como exemplo o caso do paracaidista que tiña que ser rescatado ao ter problemas cando sobrevoaba o territorio transfronteirizo: en terra non saía ningún equipo de rescate de ningunha de ambas marxes porque os mandos consideraban que a emerxencia non entraba dentro das súas competencias nin ámbito de actuación.

Por outra banda, tamén se tratou a importancia de dispor dunha acción coordinada e conxunta no ámbito da loita contra o lume, unha política forestal global que aborde tanto medios e equipamentos de extinción como liñas para a prevención. No debate lembráronse os lumes do pasado ano, cando as lapas sobrepasaron o río Miño dende a parte portuguesa chegando cunha grande virulencia á provincia.

‘Know-how’ transfronteirizo

A mesa sectorial iniciouse coa presentación realizada pola  profesora de Relacións Internacionais e Administración Pública de Universidade do Minho, Sandrina Antunes, quen destacou a importancia de reforzar a Agrupación de Cooperación Territorial Rio Minho (AECT-Rio Minho), a través dunha coordinación eficaz coas entidades públicas e privadas, así como dun proceso participativo continuado coa cidadanía. Así mesmo, insistiu na conveniencia de  tirar partido do ‘know-how’ xa existente en materia de cooperación transfronteiriza e na procura de novas oportunidades de financiamento que permitan que se consolide como unha estrutura xurídica autosostible.

A continuación foi a quenda dos asistentes  á mesa, que fixeron fincapé na necesidade da creación dunha cidadanía compartida que se traduza en servizos comúns. Moitas das persoas participantes expuxeron o anhelo de que a AECT actúe como interlocutor entre as autoridades locais e os gobernos estatais e rexionais en materia de cooperación transfronteiriza, así como para representar os intereses do territorio en Bruxelas.

Durante as intervencións participaron tamén representantes da AECT Galiza-Norte de Portugal, resaltando a importancia dunha colaboración fluída entre ambas AECT para unir esforzos e identificar obxectivos comúns. Pola súa banda, representantes asociativos manifestaron tamén o seu interese en incrementar a colaboración coa AECT Rio Minhoe con outros colectivos da zona para potenciar a cooperación.

A seguinte mesa sectorial, sobre ‘Cultura e comercio tradicional’, terá lugar este xoves 27 de setembro ás 17 horas (hora galega)  na sede da AECT en Valença. Contará coa participación de Carmen Villarino, profesora de filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, e de José Alberto Rio Fernandes, presidente da Asociación Portuguesa de Xeógrafos e Catedrático da Universidade de Porto, que forman parte do equipo científico da Fundación CEER (Centro de Estudios Eurorrexionais) para a elaboración da ‘Estratexia 2030’.

As persoas interesadas en participar nestamesa sectorial poderán inscribirse a través da páxina web www.smartminho.eu/participa. Así mesmo, aquelas persoas que non poidan asistir ás mesas sectoriais poderán sumarse igualmente ao proceso de participación cidadá, aportando as súas achegas e suxestións a través da páxina web, no ‘Espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá’ habilitado con esa finalidade e que estará aberto ata finais de outubro.

A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio MinhoTransfronteirizo enmárcase dentro do proxecto SmartMinho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.




Primeira xornada de participación pública para elaborar a ‘Estratexia 2030’ coa que desenvolver o territorio do Miño

A AECT fai un chamamento aos axentes económicos e sociais da zona para que asistan este luns á mesa sectorial sobre ‘Gobernanza no territorio transfronteirizo’

A nova fase de participación para elaborar a ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’ arranca este luns 24 de setembro en Tui coa celebración da primeira mesa sectorial titulada “A gobernanza no territorio transfronteirizo”.  Trátase do primeiro encontro interactivo coa poboación para elaborar de maneira consensuada un documento guía sobre como desenvolver as potencialidades do territorio: a intención é acadar unha boa participación dos axentes socioeconómicos da zona para que expresen as súas propostas, inquedanzas e visión sobre cal debe ser o futuro do territorio do Miño.

A mesa sectorial terá lugar no edificio Área Panorámica ás cinco da tarde e nela tomarán parte a profesora de Relacións internacionais e Administración Pública de Universidade do Minho, Sandrina Antunes, e o profesor de Economía Financieira e Contabilidade da Universidade de Vigo, Xavier Martínez Cobas, que forman parte do equipo científico da Fundación CEER (Centro de Estudios Eurorrexionais) para a elaboración da ‘Estratexia 2030’.

As persoas interesadas en participar na mesa sectorial poderán inscribirse a través da páxina web www.smartminho.eu/participa. Así mesmo, aquelas persoas que non poidan asistir ás mesas sectoriais poderán sumarse igualmente ao proceso de participación cidadá, aportando as súas achegas e suxestións a través da páxina web, no ‘Espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá’ habilitado con esa finalidade e que estará aberto ata finais de outubro.

As seguintes mesas sectoriais que se celebrarán abordarán a ‘Cultura e comercio tradicional’, o 27 de setembro en Valença; ‘Mobilidade, os servizos e os turismo sustentable’, o 3 de outubro tamén en Valença; e ‘Sectores produtivos’, o 8 de outubro en Tui . Todas elas serán ás cinco da tarde (hora galega).

Detrás da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo, coñecida como ‘Estratexia 2030’, está un programa de actuación conxunta dos actores públicos e privados do territorio do río Miño na área do norte de Portugal e sur da provincia de Pontevedra. Este traballo de análise profunda do espazo transfronteirizo ten como horizonte futuro o novo marco financeiro europeo 2023-2027 e rematará a finais de ano coa celebración do II Fórum do Río Miño Transfronteirizo.

‘A Estratexia 2030’ pretende desenvolver un plan de acción e implementar un proceso capaz de involucrar aos actores públicos e privados (axentes económicos e sociais presentes no territorio) co fin de ser un documento-guía da orientación das políticas públicas de desenvolvemento da área transfronteiriza do río Miño, orientado e integrado nunha perspectiva de valoración e uso económico e sustentable dos recursos do río internacional.

A encargada de impulsar a Estratexia é Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT-Río Miño),  constituída pola Deputación de Pontevedra no territorio do Miño pontevedrés, e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho portugués (CIM Alto Minho).

A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio Minho Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.