1

A elaboración da ‘Estratexia 2030’ do río Miño Transfronteirizo entra nunha nova fase de participación social

Tras o importante éxito de asistencia ao I Fórum do Río Miño Transfronteirizo, que se celebrou en Valença o pasado mes de xuño, a elaboración da ‘Estratexia 2030’ entra agora nunha nova fase de participación cidadá. Os axentes sociais do territorio interesados poderán seguir colaborando coa creación do documento estratéxico, ben a través da web www.smartminho.eu, onde se habilitou espazo virtual para este propósito, ou ben sumándose á celebración das novas mesas sectoriais que terán lugar nos próximos meses. As opinións e propostas, tanto individuais como de colectivos e institucións, serán recollidas pola equipa científica para a redacción do documento Diagnóstico e Plan De Acción da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo, que será presentada no II FORUM, a finais de ano.

O documento preliminar, que foi sometido a debate no I Fórum, xunto coas conclusións recollidas nas distintas mesas sectoriais que se celebraron o pasado 21 de xuño, estará dispoñible na páxina web ao longo das próximas semanas, onde xa hai habilitado un espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá, a través do cal as persoas interesadas poderán facer chegar ás súas aportacións en forma de propostas e opinións, utilizando as diferentes caixas de correo habilitadas. 

Así mesmo, a partir de finais de xullo e ata finais de outubro, tamén estará activo neste espazo web, un bloque de consulta cidadá sobre diferentes aspectos e medidas relacionados coa cooperación entre ambas beiras do río Miño.

Pola súa banda, durante os meses de setembro e outubro convocaranse novas mesas sectoriais ao redor de catro eixos: os sectores produtivos; a gobernanza no territorio transfronteirizo; a mobilidade, os servizos e o turismo sustentable; e a cultura e comercio tradicional”. Para inscribirse nelas bastará con cubrir un formulario a través de www.smartminho.eu ou ben enviar un correo electrónico a riominho.interrreg@depo.es.

Detrás da denominación Estratexia De Cooperación Intelixente do Rio Minho Transfronteirizo, ‘Estratexia 2030’, atopamos un programa de actuación conxunta dos actores públicos e privados do territorio do río Miño na área do norte de Portugal e sur da provincia de Pontevedra. Este traballo de análise profunda do espazo transfronteirizo ten como horizonte futuro o novo marco financeiro europeo 2023-2027.

A ‘Estratexia 2030’ desenvolve un plan de acción e implementa un proceso capaz de involucrar aos actores públicos e privados (axentes económicos e sociais presentes no territorio) e será un documento-guía da orientación das políticas públicas de desenvolvemento da área transfronteiriza do río Miño, orientado e integrado nunha perspectiva de valoración e uso económico e sustentable dos recursos do río internacional.

A encargada de impulsar a Estratexia sería a Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT-Río Miño),  constituída pola Deputación de Pontevedra no territorio do Miño pontevedrés, e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho portugués (CIM Alto Minho).

A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio Minho Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.




A Cámara de Comercio de Tui súmase á elaboración da ‘Estratexia 2030’ de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, e parte do equipo técnico e científico do proxecto Smart Minho, veñen de manter unha reunión coa directiva da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Tui para a elaboración da ‘Estratexia 2030’ de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo, na que se materializou o compromiso da asociación tudense a sumarse á construción deste documento estratéxico. Así o manifestou o presidente da Cámara, Gumersindo Alonso, quen destacou a súa satisfacción por formar parte dun “proxecto tan ilusionante” e amosou a súa disposición a traballar conxuntamente nesta iniciativa.

Pola súa banda, o deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, agradeceu “a implicación da Cámara”,  e destacou “a  importancia de contar cunha organización como esta que  representa a gran parte do sector económico do Baixo Miño”.  Benítez incidiu na relevancia que terá a estratexia para o territorio “xa que é a primeira vez que se elabora un documento así, tomando o río Miño como un eixo vertebrador entre os dos dous países, e non como un elemento de separación”. Así mesmo, destacou a importancia da participación dos axentes locais na redacción dun documento que “marcará as directrices da cooperación entre Galiza e Portugal durante a próxima década, e que se fai dende abaixo, contando coa opinión e as achegas da cidadanía, verdadeira protagonista do proxecto”.

Na xuntanza, o director da AECT Río Miño tamén tivo a oportunidade de coñecer o anteproxecto de reforma da antiga alfándega de Tui, aprobado por Patrimonio, un local de tres plantas e 718 m2, propiedade da Cámara, e que se barallou como posible futuro centro de iniciativas transfronteirizas.

A elaboración dunha ‘Estratexia 2030’ de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo enmárcase no proxecto Smart Minho, que conta cunha inversión de orzamento de 942.022,47 euros, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.




A participación cidadá e a rotunda implicación dos axentes locais, protagonistas do I Fórum do Río Miño Transfronteirizo

O I Fórum do Río Miño Transfronteirizo celebrouse hoxe en Valença cunha participación cidadá histórica, reunindo a máis dun centenar de axentes sociais do territorio na Escola Superior de Ciências Empresariais  para debater as bases da que será a ‘Estratexia 2030’, que dará forma á cooperación transfronteiriza do territorio durante a próxima década. Representantes sociais de áreas tan diversas como a gobernanza, o turismo, a información, a mobilidade, a educación ou a integración social participaron en catro mesas de debate, que destacaron polo seu dinamismo e o número de intervencións, e que foron coordinadas por un equipo de expertas e expertos universitarios que puideron recoller as propostas, inquedanzas e ideas das persoas participantes.

Ao longo da xornada quedou manifesto o compromiso e implicación de todos os axentes sociais, económicos e culturais, así como das autoridades políticas, para seguir traballando nos próximos meses na elaboración da ‘Estratexia 2030’, un plan enmarcado dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, e que se presentará nun II Fórum Transfronteirizo a finais de 2018. A realización dun estudo e diagnose do territorio do río Miño transfronteirizo como espazo común espertou un palpable sentimento de entusiasmo entre as persoas asistentes.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa emoción porque “hoxe aquí estamos a impulsar unha idea que ten por obxectivos transformar dende o coñecemento, dende a intelixencia, dende propostas serias e rigorosas, o río Miño mediante un proxecto de desenvolvemento que ten como centro ás persoas que viven a ambos lados da súa ribeira”. Neste contexto, Silva puxo en valor o río como “elemento centralizador de dous grandes espazos territoriais que teñen inmensas potencialidades de futuro e que debemos construír conxuntamente”.

Na súa intervención, a presidenta provincial urxiu a elaborar proxectos para este territorio transfronteirizo “e facelo rápido, porque a nova programación de fondos europeos está xa aí e debemos ter voz na Unión Europea”.  Deste xeito, Carmela Silva destacou a necesidade de aproveitar o foro e o traballo conxunto “para definir unha estratexia que podamos defender a nivel autonómico, estatal e europeo para que os fondos Interreg, que foron recortados, se empreguen de xeito axeitado para promover proxectos nos territorios transfronteirizos”. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra pediu un cambio de modelo e máis recursos para poñer en marcha actuacións no Norte de Portugal e Sur da provincia de Pontevedra.

Carmela Silva puxo en valor tamén o traballo desenvolvido polas presidentas e presidentes das Cámaras Municipais, e alcaldesas e alcaldes da provincia de Pontevedra “que durante tantos anos, e sen contar coa axuda de organismos intermedios e doutras administracións, loitaron para poñer en marcha proxectos transfronteirizos neste espazo”.  En concreto, a presidenta enxalzou o papel das administracións locais por ser “as que mellor coñecen as demandas, retos e desafíos dos seus territorios” e o papel que a nova AECT Río Miño vai desenvolver para “dar voz e defender os dereitos dos territorios transfronteirizos”.

Finalmente, a presidenta da Deputación tivo palabras de agradecemento para as persoas organizadoras do Foro por “promover un proxecto conxunto facendo partícipe á sociedade. A nova política é aquela que conta coa cidadanía para decidir cales son os proxectos de futuro, así que hoxe estou satisfeita e emocionada por ver que todas e todos estamos aportando coñecemento e comprometéndonos para que centren os ollos neste espazo que ten tanta potencialidade”.

 

Fondos europeos para os territorios transfronteirizos

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, manifestou a súa enorme satisfacción “non só pola gran acollida deste I Fórum, que xa se pode calificar de histórico, senón  tamén pola implicación e interese de todas as persoas asistentes, que quedou manifesto nas numerosas intervencións que se realizaron durante as mesas temáticas, nas que houbo a oportunidade de debater e aportar diferentes visións sobre as necesidades e retos do territorio.”

Benítez aproveitou a ocasión para poñer o acento tamén sobre a necesidade de que os fondos europeos cheguen aos territorios estritamente fronteirizos e lembrou que “as rexións transfronteirizas son as menos desenvolvidas socio economicamente xa que durante moitos anos existiron verdadeiras trabas para crecer da man dos nosos veciños e veciñas  da outra marxe do río, posto que as fronteiras nolo impedían. Precisamente para reverter estes desequilibrios naceron os fondos Interreg que perseguen compensar eses desequilibrios”. Por último, o deputado salientou que “a elaboración desta Estratexia 2030 garantirá a recuperación dos fondos europeos para o territorio transferonteirizo do Miño.

O I Fórum do Río Miño Transfroteirizo enmárcase nas accións de Estratexia de Cooperación Intelixente Transfronteiriza do proxecto Smart Minho, que conta cunha inversión de orzamento de 942.022,47 euros, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

 

 




A AECT Río Miño constitúe a súa asemblea xeral e comeza a traballar no seu plan de actividades para o 2018

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, constituíu hoxe a súa asemblea xeral, nun acto celebrado na sé da agrupación en Valença e presidido pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, José María Costa; e o novo director da Agrupación, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez.

A celebración comezou coa toma de posesión dos integrantes da mesa, composta por vinte alcaldes e alcaldesas de Galiza e Portugal. En representación da franxa galega foron nomeados como delegados os rexedores e rexedoras dos concello de Arbo, As Neves, Salvaterra do Miño, Tui, Salceda de Caselas, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Ponteareas e O Porriño. No referente ao territorio portugués, tomaron posesión os dez concellos que forman parte da CIM Alto Minho: Arcos de Valdevez, Monçao, Melgaço, Valença, Vilanova da Cerveira, Paredes de Coura, Ponte de Lima, Ponte da Barca e Viana do Castelo. Como presidente da mesa da asemblea resultou elixido o alcalde de Viana do Castelo e presidente do CIM Alto Minho, José María Costa, e pola súa parte, Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, foi designado como secretario, cargo que ambos ostentarán durante os próximos dous anos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou na constitución da asemblea da AECT Río Miño que “o mundo e os territorios soamente se cambian con xente que ten a forza e convicción de crer que se pode facer. Esta AECT nace porque hai moitas alcaldesas e alcaldes, moitas presidentas e presidentes de Cámaras Municipais, que cren nas potencialidades do seu territorio, que saben cales son as súas necesidades, e están dispostas e dispostos a construílo”.

Neste contexto, Silva amosou a súa satisfacción porque as persoas integrantes da Agrupación “vimos do mundo local e sabemos que neste mundo global o local xoga un papel fundamental para o desenvolvemento do territorio, pero tamén dos dereitos que a cidadanía debe ter e os servizos que se precisan para dar resposta ás súas demandas”. Para acadar estes obxectivos, a presidenta provincial destacou a necesidade de que o local ocupe maior espazo e xogue un papel na xestión e definición dos fondos europeos. “Ata o de agora as decisións están moi centralizadas nos estados e o local xoga moi pouco papel cando, sen embargo, somos nós quen damos resposta ás políticas de proximidade e de desenvolvemento do futuro”, asegurou a presidenta da Deputación.

Sobre a AECT Carmela Silva destacou o importante papel que desenvolve para “conseguir que se escoite ao mundo local tanto en Portugal como en España e para promover de xeito intelixente o territorio”. Neste eido, a presidenta provincial avanzou que neste mesmo mes de xuño a FEMP vai organizar en Pontevedra unha reunión do Norte de Portugal e Galicia para reflexionar sobre os novos retos do mundo local e a necesidade dun maior protagonismo para o municipalismo.

Plan de actividades 2018

O director da AECT Río Miño e deputado de Cooperación Tranfronteiriza, Uxío Benítez, explicou que a constitución da asemblea da agrupación foi “o último paso na formalización do esquema da AECT, e que partir deste momento comeza o traballo de desenvolvemento do plan de actividades para o 2018”.

Uxío Benítez sinalou que “este será un ano de transición dalgunhas das responsabilidades de xestión e seguimento de proxectos e expedientes ata agora asumidos pola xa desaparecida Uniminho”. Así mesmo, o deputado provincial adiantou que “entre as actuacións máis relevantes que afrontará a AECT nos próximos meses estará a consolidación institucional da agrupación na rexión, a promoción da coordinación dos proxectos transfronteirizos Smart Minho e Visit Rio Minho ou a promoción e a participación en novas candidaturas con financiamento europeo”.

A AECT Río Miño nace co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e reforzar a cohesión económica e social do seu territorio. Ten como atribucións articular o espazo común, promover as relacións de cooperación territorial, aumentar a cohesión institucional do territorio de ambas marxes do rio Miño, promover o seu patrimonio cultural e natural, valorizar as potencialidades dos recursos endóxenos e consolidar unha marca turística común para os dous países.

Os dous socios principais da AECT son a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, que aglutinan 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e outros dez do norte de Portugal, abranguendo máis de tres mil quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes.

A creación da AECT Rio Minho foi impulsada polas accións de Estratexia de Cooperación Intelixente Transfronteiriza do proxecto Smart Minho, que conta cunha inversión de orzamento de 942.022,47 euros, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Foto de Familia da Asemblea ACET Río Miño