1

O AECT Rio Minho aproba o plan de actividades e o orzamento para 2022

Este luns na sede do AECT Rio Minho, en Valença, foi aprobado en Asemblea Xeral o Plan de Actividades e Orzamento para 2022, co investimento global de cerca de 400.000 euros, en parte cofinanciado polo Programa Interreg.

A execución do exercicio de 2021 foi novamente marcado pola crise pandémica da COVID 19, e o consecuente novo peche das fronteiras entre Portugal e España (entre o 31 de xaneiro e o 1 de maio), o que provocou a cancelación ou adiamento de algunhas das accións previstas. Como resultado, o Plan de Actividades e Orzamento para 2022 do AECT Rio Minho ten como principal prioridade acelerar a conclusión do proxecto REDE_Lab_Minho, cofinanciado polo Programa Interreg V-A, e a implementación do proxecto Livhes, cofinanciado polo Programa Interreg Sudoe.

No ambito do proxecto Rede_Lab_Minho, en 2022, o AECT Rio Minho pretende reforzar o traballo en rede coas dinámicas locais de cooperación transfronteiriza, destacando o desenvolvemento de procesos de construción das ‘Axendas Urbanas do Río Miño Transfronteirizo’, e para a creación e dinamización do ‘Observatorio de Dinámicas Transfronteirizas do Río Miño Transfronteirizo’. Xa no ámbito do proxecto Livhes, serán desenvolvidas estratexias de xestión e valorización do Patrimonio Cultural Inmaterial para o territorio, coa creación dun espazo piloto onde se reunirán os exemplos recollidos de preservación do Patrimonio Cultural Inmaterial do Río Miño Transfronteirizo.

No ámbito de proxectos cofinanciados polo Interreg V-A e concluídos en 2021, en colaboración coas Eurocidades Cerveira-Tomiño, Tui-Valença e Monção-Salvaterra de Miño, o AECT Rio Minho en 2022 promoverá a entrada en funcionamento e xestión do “Sistema de Bike Sharing do Rio Minho Transfronteiriço – e-bike Rio Minho”, sistema constituído por 46 bicicletas elétricas con GPS incorporado e 9 estacións de aparcamento virtual e/ou físico e dar continuidade ao proceso de planeamento estratéxico “Estratexia Rio Minho 2030”, defendendo a creación dunha Intervención Territorial Integrada Transfronteiriza – ITI – xunto coas entidades europeas, nacionais e rexionais responsables do deseño dos programas de apoio á cooperación transfronteiriza para o período 2021-2027; lugar importante terán tamén as accións de preservación e valorización do Rio Miño mantendo o proxecto Visit Rio Minho, designadamente a consolidación da marca Rio Minho e da estruturación da rede de recursos verdes transfronteirizos. As accións de promoción que contemplen a eliminación de obstáculos á cooperación transfronteiriza serán tamén prioritarias para o AECT Rio Minho, designadamente ao nivel dos transportes, da xestión da Rede Natura 2000 e da prestación de servizos de saúde. 

Na reunión da Asemblea Xeral, Rui Teixeira, director do AECT Rio Minho presentou o Plan de Actividades e destacou “o papel marcante do AECT Rio Minho na matinación do impacto negativo xerado pola crise pandémica e polo consecuente peche das fronteiras”. Pola súa banda, Uxío Benítez, vice-director do AECT Rio Minho, referiu “a importancia de presentar candidaturas transfronteirizas ao novo cuadro de financiamento do programa Interreg”.

Constituído en 2018, o AECT Rio Minho ten como socios ao CIM Alto Minho e á Deputación de Pontevedra e abrange 26 concellos: os 10 municipios que compoñen a Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Minho e 16 concellos galegos da provincia de Pontevedra ligados ao Río Miño.




O AECT Rio Minho promove un encontro intrenacional sobre a posta en valor do patrimonio cultural inmaterial

O encontro reúne nove socios do proxecto europeo LIVHES, ao que pertence o AECT Rio Minho, e pretende discutir a cultura inmaterial como elemento de desenvolvemento local

O territorio do Rio Minho transfronteirizo é anfitrión do Encontro Internacional “A Cultura Inmaterial como elemento de desenvolvemento local. O patrimonio Cultural Inmaterial no río Miño transfronteirizo”, cunha duración de 3 dias. O encontro reúne aos nove beneficiarios do proxecto LIVHES, co-financiado polo Programa Interreg Sudoe, ao que pertence o AECT Rio Minho, e que ten como principal obxectivo o debate sobre a cultura inmaterial como elemento de desenvolvemento local e cohesión territorial. Ao longo destes 3 dias serán desenvolvidas mesas de debate técnica do proxecto, un encontro de intercambio de experiencias, rematando cunha visita a casos de patrimonio cultural inmaterial do territorio do río Miño transfronteirizo.

O encontro realizarase na Escola Superior de Ciencias Empresariais, ESCE-IPVC, en Valença, durante o dia de hoxe (25 de novembro), nunha sesión de partilla e reflexión de ideas, que se concretará no futuro na elaboración dunha guía práctica para a posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial. Na sesión de abertura do Encontro Internacional estiveron presentes o Presidente da Cámara Municipal de Valença, José Carpinteira, que deu a benvida aos conferenciantes e identificou “a existencia dun vasto patrimonio cultural inmaterial no Concello de Valença e no territorio transfronteirizo que debe ser preservado, en especial a arte da pesca nas pesqueiras do río Miño”, e o Director do AECT Rio Minho, Rui Teixeira, quen destacou “a importancia do traballo desenvolvido polo AECT Rio Minho na captación de fondos europeos a favor da preservación e posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial do rio Miño transfronteirizo e no fomento de raíces cada vez mais sólidas neste territorio, sendo exemplo disto o propio proxecto entre outras iniciativas anteriormente desenvolvidas, nomeadamente a candidatura ‘A Pesca nas Pesqueiras do Rio Minho’ ao Inventario Nacional do Patrimonio Cultural Inmaterial”. Para conclusión da sesión de apertura foi emitido un vídeo do profesor António Sampaio da Nóvoa, Embaixador de Portugal na UNESCO, que realzou “a partilla de prácticas culturais transfronteirizas ao longo do río Miño, e por iso quero felicitar por esta iniciativa (…) que vai construíndo un camiño de futuro no dominio da cultura”.

O proxecto LIVHES é co-financiado polo Interreg Sudoe, participando 9 entidades públicas, institutos universitarios e centros de investigación de España, Francia e Portugal, e pretende responder a unha necesidade europea e a un desafío territorial compartido polas áreas pouco poboadas do sur da Europa, identificando o Patrimonio Cultural Inmaterial recoñecido pola Unesco como instrumento de desenvolvemento.




O AECT Rio Minho compartiu experiencias e boas prácticas no proxecto BRIDGE

Entre os días 20 e 24 de outubro celebrouse o proxecto BRIDGE – Building Relationships Into a Democratic Goal for Europe (Construíndo relacións cara un obxectivo democrático para Europa), coordinado polo Concello de Vila Nova de Cerveira e financiado polo programa Europa para os Cidadáns. O proxecto BRIDGE está constituído por 11 organizacións de 10 países e foi deseñado baseándose na conxuntura das organizacións/concellos transfronteirizos no contexto da Unión Europea. Este proxecto ten por obxectivo sensibilizar aos estados-membros sobre a memoria, historia e valores comúns da Unión Europea a través do debate, a reflexión e o desenvolvemento do espírito de solidariedade entre países membros, e incentivar a participación democrática e cívica da sociedade civil a nivel europeo, desenvolvendo a súa comprensión do proceso de elaboración das políticas da UE e promovendo oportunidades de interese social e intercultural.

Convidado polo Concello de Vila Nova de Cerveira, o AECT Rio Minho participou en dúas sesións do programa que tiveron lugar o 22 de outubro. A primeira sesión, realizada no Centro Goianés de Goián (en Tomiño), centrouse en compartir boas prácticas no contexto transfronteirizo Portugal-España. O AECT Rio Minho participou nesta sesión compartindo a súa experiencia na construción dunha marca turística sustentábel transfronteiriza: a marca Rio Minho. Xa na segunda sesión, celebrada nas instalacións do AECT Rio Minho (en Valença), como parte do intercambio de experiencias baseado na vontade común entre os participantes de promover a cidadanía transfronteirizas e a cohesión social transfronteiriza, o Secretariado Técnico fixo unha presentación institucional do Agrupamento. Expuxéronse os proxectos onde o AECT Rio Minho está directamente involucrado, os que se atopan en execución, e aqueles xa rematados. Todo isto, con especial foco, nos obxectivos da entidade, que inclúen: artellar o espazo común e fomentar as relacións de cooperación; promover a cohesión institucional; pór en valor o patrimonio cultural e natural transfronteirizo; promover o territorio do río Miño; e crear e consolidar a marca turística transfronteiriza Rio Minho.




Eurodeputadxs galegxs e portuguesxs presentarán unha iniciativa conxunta no Parlamento Europeo para pedir compensacións económicas para o territorio do miño polo peche da fronteira

O AECT Río Miño reuniu hoxe a representantes de todos os partidos galegos e lusos do Europarlamento

Unha delegación europea visitará a raia e crearse un foro ‘europeo’ estable para facer seguimento á problemática

Uxío Benítez advirte de que hai traballadores que deixan o traballo e piden excedencias por non poder asumir os gastos: “Seguir co peche é un escándalo, é a ruína económica”

Eurodeputados e eurodeputadas de todos os partidos políticos de Galiza e Portugal comprometéronse hoxe a presentar unha iniciativa conxunta no Parlamento Europeo para reclamar compensacións económicas ao territorio do Miño polo peche da fronteira con Portugal. Así se acordou nunha reunión convocada polo AECT Río Miño, no que representantes do agrupamento transmitiron a problemática que as persoas traballadoras e as empresas da zona están a vivir pola decisión de só ter aberto un paso 24 horas na fronteira.

O vicedirector do AECT Uxío Benítez  manifestou tralo encontro a súa grande satisfacción pola reunión, da que xurdiron importantes decisións de apoio á causa do territorio miñoto. De feito, houbo unanimidade por parte de todos os grupos en traballar pola compensación ao territorio, en entender que existe un problema e en que non ten sentido a redución dos pasos habilitados na ‘raia’.

En concreto, acordouse presentar unha iniciativa conxunta de todas as forzas políticas no Parlamento Europeo para que a Comisión Europea poida transmitir aos estados membros a singularidade das zonas transfronteirizas, e as consecuencias de pechar fronteiras nelas. Así mesmo,  destacouse a necesidade de establecer mecanismos de compensación a través dos fondos europeos e dos plans de resiliencia aos territorios que están sendo doblemente afectados pola pandemia e o peche de fronteiras.

Acordouse tamén volver reunirse e crear un foro estable de todos os eurodeputados e eurodeputadas para poder facer un seguimento á problemática que está a afectar a milleiros de persoas no territorio transfronteirizo. Tamén se puxo sobre a mesa a visita dunha delegación das e dos europarlamentarios aos concellos do Miño para coñecer de primeira man a situación das persoas afectadas.

No encontro estiveron presentes o director do AECT do Río Minho e  presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira Fernando Noguera; o vicedirector e deputado delegado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e, dos grupos do Europarlamento, Francisco Millán Mon (Partido Popular), un representante  de Nicolás González Casares (PSOE); Ana Miranda en representación do grupo Os Verdes ALE; Jose Manuel Fernandes, do  PSD ; e Maria Manuel Rola deputada nacional en representación das euroedeputadas do BE; e Joao Fereira, do PCP.

Peche ata despois de Pascua

Sobre o mantemento do peche de fronteiras con Portugal ata despois de Semana Santa anunciado onte polo primeiro ministro portugués Antonio Costa, o vicedirector do AECT Uxío Benítez subliñou que se volve producir un “escándalo”.

Insistiu en que esa decisión vai levar á ruína económica ao territorio do río Miño e a obrigar a moitos traballadores a abandonar os seus postos de traballo ao manter a decisión de só deixar un paso no Miño e seguir co funil no paso de Tui-Valença. “Séguese obrigando ás persoas traballadoras a percorrer distancias quilométricas, a ter gastos de entre 200 e 300 euros ao mes máis en combustible para acceder aos postos de traballo”, lembrou, ao tempo que advertiu que o AECT ten xa constancia de casos de persoas que pediron a excedencia dos seus postos de traballo porque non poden asumir o custe.

Benítez criticou que mantendo a decisión de pechar fronteiras os gobernos seguen a demostrar que descoñecen a situación transfronteiriza na que hai unha vida económica, unhas relacións laborais e empresariais que dependen da apertura da fronteira e dos pasos. “Pensan en declaracións grandilocuentes de cara ao turismo estranxeiro traendo o virus. Pero pechar a fronteira non só é iso, pechar a fronteira é afectar a un territorio cunha realidade propia. Están levandoo á ruína”, insistiu.

“Esixiremos que haxa compensación económica para o territorio e que os fondos comunitarios do Next Generation contemplen partidas específicas porque cada día que pasa coa decisión do peche e só un paso no Miño crean maior perxuízo económico. Ten que haber compensación económica ao territorio e ás persoas traballadoras perxudicadas”, finalizou o vicedirector do AECT.




As novas bicis transfronteirizas do Miño terán estacións de intercambio á beira do río e nos cascos urbanos das eurocidades

A iniciativa promovida polo AECT Río Miño comezará a funcionar antes do verán co obxectivo de fomentar a mobilidade sustentable e o turismo

As beiras do río Miño e os cascos urbanos das Eurocidades de Tui-Valença, Tomiño Cerveira e Salvaterra-Monçao serán os lugares onde se instalarán as estacións de intercambio das novas bicicletas transfronteirizas do servizo de préstamo que está a poñer en marcha o AECT Río Miño. Así o decidiron o persoal técnico dos concellos e do agrupamento europeo, nos vindeiros días van definir as localizacións concretas.

Dende o AECT e as Eurocidades están a dar todos os pasos para que de cara ao bo tempo (e coa apertura da fronteira mediante) o proxecto de ‘bike sharing’ estea en marcha e a disposición tanto da veciñanza da zona como para o turismo. Segundo destacou o vicedirector do AECT Uxío Benítez, búscase que esta iniciativa sexa funcional, permitindo que se poida circular nas bicicletas a “unha e outra beira do río ben por motivos de ocio ou de necesidade” fomentando a mobilidade sustentable e tamén o turismo no territorio miñoto.

Nestes momentos estase a ultimar o sistema tecnolóxico das tarxetas das persoas usuarias e  a APP que regulará o uso, así como realizando os trámites administrativos necesarios para a aprobación do regulamento de uso e o contrato dos seguros e mantemento. O horizonte, segundo confirmou Benítez, é que antes do verán o servizo estea en marcha e que todas as persoas que vivan ou visiten as Eurocidades teñan a disposición este sistema de mobilidade natural de maneira gratuíta.

Este proxecto trátase dunha iniciativa piloto pioneira na fronteira ibérica para potenciar a mobilidade suave, ou o que é o mesmo, o uso alternativo aos vehículos a motor. De feito, enmárcase dentro do Plan de Mobilidade Sustentable Transfronteiriza (PMST), promovido pola Deputación de Pontevedra no ámbito do proxecto ‘Estratexia de cooperación intelixente do río transfronteirizo do Miño’ Smart_Miño_ cofinanciado polo Programa Interreg VA.

Nun primeiro momento haberá 42 bicicletas repartidas en grupos de sete para cada concello das Eurocidades. Poderanse utilizar a través dunha APP virtual que permitirá o desbloqueo da bicicleta previo rexistro.  Cada bicicleta terá un sistema de localización GPS, polo que estará permanentemente localizada. As bases de recollida e intercambio non disporán de ancoraxes físicas. A empresa encargada do subministro e mantemento inicial é Soltráfego, responsable do ‘bike sharing’ en Lisboa ou Porto.