1

O AECT Rio Minho colabora con 15.000 euros co Encontro de Tocadores ‘Entre Margens’ a través do proxecto Smart Minho

Grazas a esta axuda o festival Entre Margens ampliará a súa programación musical con 8 concertos, 2 en A Guarda, 3 en Caminha e outros tres a bordo do Ferryboat que une as dúas vilas

 

O Encontro de Tocadores `Entre Margens’ ampliará a súa programación musical nesta edición do 2019 que comeza o xoves 30 de maio, grazas a unha colaboración de 15.000 euros do AECT Rio Minho, dentro do marco do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, do que o agrupamento europeo forma parte, xunto coa Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Minho e a Fundación Ceer.

A través deste acordo de colaboración o AECT Rio Minho financia ‘Concertos no Río Miño’, un total de 8 actuacións, dúas na Guarda, tres en Caminha e outras tres a bordo do Ferryboat que une as dúas vilas completando deste xeito o programa de actividades do festival transfronteirizo, cunha proposta que inclúe parte do mellor folk e música tradicional de Galiza e Portugal.

Nos escenarios dos ‘Concertos no Río Miño’ poderemos ver as actuacións de Sérgio Mirra, Pan de Capazo, Segue-me à Capela, Carlos Batista e Roncos do Diabo, así como varios concertos a mans de tocadores e tocadoras de Galiza e Portugal a bordo do Ferryboat Santa Rita de Cassia. Todos os concertos serán de balde.

´Concertos no Río Miño’ é unha iniciativa do AECT Río Miño e forma parte da actividade 2 do proxecto Smart Minho. Esta actividade comprende actuacións orientadas á recuperación e posta en valor do patrimonio inmaterial miñoto, a organización de foros culturais entre axentes locais de ambas beiras e a participación en festivais de música transfronterizos. Precisamente, este último punto materialízase neste acordo de colaboración co Encontro de Tocadores Entre Margens xa que este evento musical encaixa á perfección coa filosofía do proxecto e co seu espírito de cooperación.

Smart Minho

Son socios de Smart Minho o AECT Rio Minho, a Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, e a Fundación Centro de Estudios Euro Rexionais Galiza – Norte de Portugal. Smart Minho está está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e conta cun orzamento total de 942.022,47 euros.