A participación cidadá e a rotunda implicación dos axentes locais, protagonistas do I Fórum do Río Miño Transfronteirizo

image_pdfimage_print

O I Fórum do Río Miño Transfronteirizo celebrouse hoxe en Valença cunha participación cidadá histórica, reunindo a máis dun centenar de axentes sociais do territorio na Escola Superior de Ciências Empresariais  para debater as bases da que será a ‘Estratexia 2030’, que dará forma á cooperación transfronteiriza do territorio durante a próxima década. Representantes sociais de áreas tan diversas como a gobernanza, o turismo, a información, a mobilidade, a educación ou a integración social participaron en catro mesas de debate, que destacaron polo seu dinamismo e o número de intervencións, e que foron coordinadas por un equipo de expertas e expertos universitarios que puideron recoller as propostas, inquedanzas e ideas das persoas participantes.

Ao longo da xornada quedou manifesto o compromiso e implicación de todos os axentes sociais, económicos e culturais, así como das autoridades políticas, para seguir traballando nos próximos meses na elaboración da ‘Estratexia 2030’, un plan enmarcado dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, e que se presentará nun II Fórum Transfronteirizo a finais de 2018. A realización dun estudo e diagnose do territorio do río Miño transfronteirizo como espazo común espertou un palpable sentimento de entusiasmo entre as persoas asistentes.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa emoción porque “hoxe aquí estamos a impulsar unha idea que ten por obxectivos transformar dende o coñecemento, dende a intelixencia, dende propostas serias e rigorosas, o río Miño mediante un proxecto de desenvolvemento que ten como centro ás persoas que viven a ambos lados da súa ribeira”. Neste contexto, Silva puxo en valor o río como “elemento centralizador de dous grandes espazos territoriais que teñen inmensas potencialidades de futuro e que debemos construír conxuntamente”.

Na súa intervención, a presidenta provincial urxiu a elaborar proxectos para este territorio transfronteirizo “e facelo rápido, porque a nova programación de fondos europeos está xa aí e debemos ter voz na Unión Europea”.  Deste xeito, Carmela Silva destacou a necesidade de aproveitar o foro e o traballo conxunto “para definir unha estratexia que podamos defender a nivel autonómico, estatal e europeo para que os fondos Interreg, que foron recortados, se empreguen de xeito axeitado para promover proxectos nos territorios transfronteirizos”. Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra pediu un cambio de modelo e máis recursos para poñer en marcha actuacións no Norte de Portugal e Sur da provincia de Pontevedra.

Carmela Silva puxo en valor tamén o traballo desenvolvido polas presidentas e presidentes das Cámaras Municipais, e alcaldesas e alcaldes da provincia de Pontevedra “que durante tantos anos, e sen contar coa axuda de organismos intermedios e doutras administracións, loitaron para poñer en marcha proxectos transfronteirizos neste espazo”.  En concreto, a presidenta enxalzou o papel das administracións locais por ser “as que mellor coñecen as demandas, retos e desafíos dos seus territorios” e o papel que a nova AECT Río Miño vai desenvolver para “dar voz e defender os dereitos dos territorios transfronteirizos”.

Finalmente, a presidenta da Deputación tivo palabras de agradecemento para as persoas organizadoras do Foro por “promover un proxecto conxunto facendo partícipe á sociedade. A nova política é aquela que conta coa cidadanía para decidir cales son os proxectos de futuro, así que hoxe estou satisfeita e emocionada por ver que todas e todos estamos aportando coñecemento e comprometéndonos para que centren os ollos neste espazo que ten tanta potencialidade”.

 

Fondos europeos para os territorios transfronteirizos

O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, manifestou a súa enorme satisfacción “non só pola gran acollida deste I Fórum, que xa se pode calificar de histórico, senón  tamén pola implicación e interese de todas as persoas asistentes, que quedou manifesto nas numerosas intervencións que se realizaron durante as mesas temáticas, nas que houbo a oportunidade de debater e aportar diferentes visións sobre as necesidades e retos do territorio.”

Benítez aproveitou a ocasión para poñer o acento tamén sobre a necesidade de que os fondos europeos cheguen aos territorios estritamente fronteirizos e lembrou que “as rexións transfronteirizas son as menos desenvolvidas socio economicamente xa que durante moitos anos existiron verdadeiras trabas para crecer da man dos nosos veciños e veciñas  da outra marxe do río, posto que as fronteiras nolo impedían. Precisamente para reverter estes desequilibrios naceron os fondos Interreg que perseguen compensar eses desequilibrios”. Por último, o deputado salientou que “a elaboración desta Estratexia 2030 garantirá a recuperación dos fondos europeos para o territorio transferonteirizo do Miño.

O I Fórum do Río Miño Transfroteirizo enmárcase nas accións de Estratexia de Cooperación Intelixente Transfronteiriza do proxecto Smart Minho, que conta cunha inversión de orzamento de 942.022,47 euros, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.