1

Éxito de resposta do proceso de participación cidadá para o deseño do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST)

A fase de participación cidadá para o deseño do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST) rematou cun grande éxito de resposta: recolléronse un total de 507 enquisas no territorio galego e portugués, unha cifra que supera as expectativas definidas no plan de traballo inicial.

Así se puxo de manifesto na última reunión do equipo de traballo do PMST, unha das principais accións do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho.

A participación cidadá xoga un papel destacado no deseño do plan e levouse a cabo mediante a realización de enquisas, tanto a pé de rúa como online, a través da web de Smart Minho, así como a través da organización de varios obradoiros nos que o tecido asociativo e económico do territorio puido achegar tanto ideas como as problemáticas ás que se enfrontan no día a día en materia de mobilidade.

O proceso de participación cidadá tivo lugar entre o 12 de febreiro e o 9 de marzo deste ano e concluíu coa realización dun total de 316 enquisas presenciais e 191 cuestionarios online. Cabe destacar que no plan de traballo inicial se contemplara a realización de 200 enquisas presenciais, cifra que se superou en moito.

O plan estudará especialmente a mellora dos desprazamentos entre os tres pares de núcleos que compoñen as eurocidades de Tomiño-Cerveira, Tui-Valença e Salvaterra-Monçao, que aglutinan a terceira parte do total de poboación do territorio.

Rematado o proceso de participación cidadá, o seguinte paso para o deseño do PMST é a identificación de problemas e retos de mobilidade no territorio transfronteirizo. Na última fase desta acción presentaranse as liñas de actuación, medidas e propostas a desenvolver no territorio.

Plan de Mobilidade

O PMST busca planificar un  modelo de mobilidade  e accesibilidade, entre as eurocidades do Minho, orientado á mellora da calidade de vida das persoas, a seguridade vial e respectuoso co medio ambiente. Para tal finalidade, é imprescindible contar coa participación de todas as institucións e axentes implicados no territorio para poder compartir opinións e suxestións sobre mobilidade neste espazo compartido.

O estudo abrangue máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses, e a unha poboación de ao redor de 376.000. Unha vez recompilada e analizada toda a información obtida a través das enquisas e obradoiros, poderanse extraer as primeiras conclusións e establecer unha visión global do conxunto da mobilidade na área do río Miño transfronteirizo, cunha proposta de accións piloto lista para desenvolver no inmediato.

O plan de mobilidade sustentable do río Miño transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.

 




O Consello Consultivo ratifica a Estratexia ‘Río Miño Transfronteirizo 2030’

O órgano de participación do AECT Rio Minho validou o documento que marcará as liñas de actuación da cooperación transfronteiriza dos próximos 10 anos.

 

O  Consello Consultivo do AECT Rio Minho, presidido polo director do agrupamento, Uxío Benítez,  reuniuse hoxe na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença, para dar o seu visto e prace a ‘Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030’. Ata 26 organismos de Galicia e Portugal, incluídas cámaras de comercio e asociacións de empresas, participaron no encontro, ao que tamén asistiu a secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional do país luso, María do Céu Albuquerque, en representación do Ministerio de Planeamento portugués.

O documento, elaborado no seo do proxecto Smart Minho, servirá como guía das actuacións en materia de cooperación transfronteiriza no territorio durante a próxima década.

A Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030  establece un plan de acción en base a cinco eixos estratéxicos: Gobernanza e programas de servizos conxuntos; Turismo sustentábel e responsábel; Cultura transfronteiriza; Mobilidade sustentable, e Sustentabilidade e economía innovadora. A Estratexia senta as bases das actuacións, pero este é un documento vivo, unha ferramenta dinámica a partir da cal se irán definindo as accións concretas.

O documento presenta unha análise profunda do territorio en clave de poboación, estrutura económica, mercado de traballo, mobilidade, recursos naturais e programas de servizos e equipamentos públicos transfronteirizos xa existentes. Os datos demográficos do territorio descobren por exemplo dúas realidades moi diferentes dentro do AECT, por unha banda unha zona interior – oriental, caracterizada por baixas densidades de poboación e perda de poboación constante nos últimos 25, cun claro envellecemento da mesma; e por outra unha zona costeira – occidental cunha densidade maior e un envellecemento máis moderado, un dos principais retos aos que se deberá facer fronte no futuro.

Dous anos de traballo

 

“O río Miño como vector central do desenvolvemento do territorio” é a visión sobre a que se desenvolve este traballo de case dous anos de análise. O proceso de elaboración da `Estratexia Rio Minho Transfronteirizo 2030` comezou en outono de 2017 cunha rolda de entrevistas cos responsables municipais das dúas marxes do río, e dividiuse en diferentes fases. Tras a redacción dun primeiro borrador, que foi sometido á debate no I Fórum do Rio Minho Transfronteirizo ao que asistiron máis dun centenar de persoas, a participación cidadá completouse coa organización de 4 mesas temáticas e a realización dunha enquisa a través da web www.smartminho.eu. Paralelamente tivo lugar unha segunda rolda de xuntanzas coas alcaldías do territorio e reunións con outros actores territoriais e institucionais relevantes.

En novembro de 2018 tivo lugar o II Fórum do Río Miño transfronteirizo, onde se presentou o documento estratéxico reformulado, incluíndo todas as aportacións e conclusións dos encontros mantidos,  para sometelo novamente a debate coa cidadanía. Por último, tras a aprobación do Consello Coordinador presentouse hoxe ante o Consello Consultivo do AECT Rio Minho para a súa validación. A Estratexia formulouse tendo en conta os marcos comunitarios, tanto estratéxicos coma orzamentarios do período 2014 – 2020 e das perspectivas para o próximo período 2021 – 2027.

O equipo redactor do documento estivo composto por técnicos da Deputación de Pontevedra, CIM Alto Minho, e Fundación CEER. Para garantir a calidade científica e académica do proceso contouse tamén con expertos e expertas das universidades públicas da eurorrexión, que conformaron o Comité Científico Asesor, composto polo doutor Anxo Calvo da Universidade da Coruña; o doutor Rubén Camilo Lois, da Universidade de Santiago de Compostela; o doutor José Alberto Rio Fernandes, da Universidade do Porto; o doutor Francisco Carballo, Universidade do Minho e a profesora Sandrina Ferreira Antunes, da Universidade do Minho.

Smart Minho

 

A Estratexia 2030 é o principal produto do proxecto Smart Minho, cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (POCTEP 2014-2020), en concreto no seu eixe 4, destinado á mellora da capacidade institucional e eficiencia da Administración pública.