1

O AECT Rio Minho reúnese coa Secretaria do Estado de Portugal para a valorización do interior para reforzar a vontade de aplicar o ITI Transfronteirizo

Ante o proceso de planificación estratéxica para o río Minho Transfronteiro 2030, a AECT Río Minho reuniuse coa secretaria de Estado de Valorización Interior de Portugal, Isabel Ferreira. A reunión, que tivo lugar en Vila Nova de Cerveira e contou coa presenza do director da AECT, Uxío Benítez, o subdirector e tamén alcalde de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, servíu para presentar os obxectivos e prioridades da agrupación territorial, incluída a vontade de implementar un Innvestimento Territorial Integrado, o ITI transfronteirizo no marco da política de cohesión da UE.

Repasando o camiño emprendido, a nivel
de accións, actividades e proxectos, o director da AECT de Rio Minho, Uxío
Benítez, subliñou que, na lóxica do desenvolvemento integrado, “é esencial
que para o período 2021-2027, os territorios transfronteirizos poidan aplicar a
figura do Investimento Territorial Integrado (ITI) promovendo accións
artelladas no seguinte período de programación de fondos comunitarios e non
limitándose só á verticalidade da aplicación da posible nova xeración do
programa INTERREG”.

O presidente Uxío Benítez destacou no encontro a importancia de utilizar o instrumento de xestión e garantir o aproveitamento dos fondos comunitarios

Segundo indicou Benítez, o Investimento Territorial Integrado (ITI) é un instrumento de xestión que permitirá optimizar e integrar fondos europeos garantindo o seu máximo aproveitamento. Para a súa implementación, lembrou o presidente do AECT, é necesario contar cunha serie de requisitos que o agrupamento cumple perfectamente, xa que  “ademais de contar cunha situación xeoestratéxica e un enorme potencial de desenvolvemento económico do territorio, temos un documento estratéxico e unha folla de ruta co que queremos facer de aquí ao 2030”.

“A creación
dunha ITI para o territorio transfronteirizo durante o próximo marco comunitario
dos Fondos Europeos encaixa perfectamente co noso proxecto”, insistiu Benítez,
quen manifestou a importancia de que exista unha alianza estratéxica cos
estados, porque estes teñen a decisión final sobre a súa aplicación, “pero
tamén co resto de administracións rexionais e locais”, polo que instou a todas
elas a comprometerse con este proxecto “xa que aí está a clave”.

Isabel Ferreira manifestou o compromiso de colaboración co AECT Rio Minho e definiu os AECT como “instrumentos privilexiados de cooperación” na programación 2021-2027

Pola súa parte, a secretaria de Estado
de Valoración do Interior, Isabel Ferreira, salientou a importancia que supón
para o Goberno portugués a cooperación transfronteiriza, concretamente a través
da creación do Ministerio de Cohesión nesta lexislatura, e manifestou a súa
disposición a colaborar e apoiar a AECT Rio Minho. Asegurou que ten en conta o
papel que as AECT poden xogar como instrumentos privilexiados de cooperación no
proceso de programación para o próximo período de fondos comunitarios
2021-2027.

Dende a súa recente constitución, o
AECT Río Minho colabora en tres proxectos cofinanciados polo Programa Interreg
V A dirixidos a promover o patrimonio cultural e natural transfronteirizo; á
articulación do espazo común e o aumento da cohesión institucional no seu
territorio; á promoción do territorio da AECT de Rio Minho no exterior para
potenciar os recursos endóxenos; e á creación e consolidación da marca
turística transfronteiriza Rio Minho.




O AECT Río Minho participa no primeiro Encontro ibérico de Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza, que se celebra en Vigo

A ‘Estratexia 2030’ e a creación da marca ‘Río Miño’ foron as dúas iniciativas máis destacadas polo director do AECT de entre as que está a desenvolver o agrupamento

O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, asistiu onte ao “I Encontro de AECT España-Portugal”, que se está a celebrar estes días en Vigo. Durante esta primeira xornada, Benítez tivo a oportunidade de presentar as principais liñas de actuación que se están a desenvolver dende o AECT Rio Minho, entre as que quixo destacar unha das iniciativas máis ambiciosas e innovadoras, a elaboración da Estratexia 2030, un plan de traballo en materia de cooperación transfronteiriza para todo o territorio do Río Miño galego portugués, xestada ao longo dos últimos dous anos e que contou coa participación tanto de expertos e expertas en diferentes áreas, como institucional e da cidadanía.  

Outro dos fitos do agrupamento europeo destacados por Benítez foi a creación de ‘Río Miño’, unha marca de identificación para todo o territorio miñoto que viu a luz o pasado mes de abril, a través da que se quere promocionar e dar a coñecer o patrimonio cultural, natural, a gastronomía e riquezas do territorio galego-portugués ribeirán do río Miño baixo o lema: “Dous países, un destino, grandes experiencias”.

O
encontro, organizado polo AECT Galicia Norte de Portugal e que reuniu en Vigo a
todos Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza da península
ibérica, remata hoxe cunha segunda xornada dirixida á analizar futuras posibles
sinerxías e oportunidades de cooperación.

O AECT Río Miño constituíuse formalmente o 4 de abril de 2018 e está formado pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A súa creación foi impulsada a través do proxecto Smart Minho, do que pasou posteriormente a formar parte como socio. Smart Minho é un proxecto de cooperación europea cofinanciado ao 75% polo Fondo de Europeo de Desenvolvemento Rexional.




O Consello Consultivo ratifica a Estratexia ‘Río Miño Transfronteirizo 2030’

O órgano de participación do AECT Rio Minho validou o documento que marcará as liñas de actuación da cooperación transfronteiriza dos próximos 10 anos.

 

O  Consello Consultivo do AECT Rio Minho, presidido polo director do agrupamento, Uxío Benítez,  reuniuse hoxe na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença, para dar o seu visto e prace a ‘Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030’. Ata 26 organismos de Galicia e Portugal, incluídas cámaras de comercio e asociacións de empresas, participaron no encontro, ao que tamén asistiu a secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional do país luso, María do Céu Albuquerque, en representación do Ministerio de Planeamento portugués.

O documento, elaborado no seo do proxecto Smart Minho, servirá como guía das actuacións en materia de cooperación transfronteiriza no territorio durante a próxima década.

A Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030  establece un plan de acción en base a cinco eixos estratéxicos: Gobernanza e programas de servizos conxuntos; Turismo sustentábel e responsábel; Cultura transfronteiriza; Mobilidade sustentable, e Sustentabilidade e economía innovadora. A Estratexia senta as bases das actuacións, pero este é un documento vivo, unha ferramenta dinámica a partir da cal se irán definindo as accións concretas.

O documento presenta unha análise profunda do territorio en clave de poboación, estrutura económica, mercado de traballo, mobilidade, recursos naturais e programas de servizos e equipamentos públicos transfronteirizos xa existentes. Os datos demográficos do territorio descobren por exemplo dúas realidades moi diferentes dentro do AECT, por unha banda unha zona interior – oriental, caracterizada por baixas densidades de poboación e perda de poboación constante nos últimos 25, cun claro envellecemento da mesma; e por outra unha zona costeira – occidental cunha densidade maior e un envellecemento máis moderado, un dos principais retos aos que se deberá facer fronte no futuro.

Dous anos de traballo

 

“O río Miño como vector central do desenvolvemento do territorio” é a visión sobre a que se desenvolve este traballo de case dous anos de análise. O proceso de elaboración da `Estratexia Rio Minho Transfronteirizo 2030` comezou en outono de 2017 cunha rolda de entrevistas cos responsables municipais das dúas marxes do río, e dividiuse en diferentes fases. Tras a redacción dun primeiro borrador, que foi sometido á debate no I Fórum do Rio Minho Transfronteirizo ao que asistiron máis dun centenar de persoas, a participación cidadá completouse coa organización de 4 mesas temáticas e a realización dunha enquisa a través da web www.smartminho.eu. Paralelamente tivo lugar unha segunda rolda de xuntanzas coas alcaldías do territorio e reunións con outros actores territoriais e institucionais relevantes.

En novembro de 2018 tivo lugar o II Fórum do Río Miño transfronteirizo, onde se presentou o documento estratéxico reformulado, incluíndo todas as aportacións e conclusións dos encontros mantidos,  para sometelo novamente a debate coa cidadanía. Por último, tras a aprobación do Consello Coordinador presentouse hoxe ante o Consello Consultivo do AECT Rio Minho para a súa validación. A Estratexia formulouse tendo en conta os marcos comunitarios, tanto estratéxicos coma orzamentarios do período 2014 – 2020 e das perspectivas para o próximo período 2021 – 2027.

O equipo redactor do documento estivo composto por técnicos da Deputación de Pontevedra, CIM Alto Minho, e Fundación CEER. Para garantir a calidade científica e académica do proceso contouse tamén con expertos e expertas das universidades públicas da eurorrexión, que conformaron o Comité Científico Asesor, composto polo doutor Anxo Calvo da Universidade da Coruña; o doutor Rubén Camilo Lois, da Universidade de Santiago de Compostela; o doutor José Alberto Rio Fernandes, da Universidade do Porto; o doutor Francisco Carballo, Universidade do Minho e a profesora Sandrina Ferreira Antunes, da Universidade do Minho.

Smart Minho

 

A Estratexia 2030 é o principal produto do proxecto Smart Minho, cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (POCTEP 2014-2020), en concreto no seu eixe 4, destinado á mellora da capacidade institucional e eficiencia da Administración pública.

 




26 entidades de Galicia e Portugal participarán no Consello Consultivo do AECT Rio Minho

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) constituirá mañá o seu órgano de consulta e participación. Un total de 26 entidades galegas e portuguesas designaron representante para a súa participación no Consello Consultivo, que estará presidido polo director da entidade, Uxío Benítez, e se celebrará na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença.

Máis dunha vintena de altos cargos e representantes de organismos e entidades galegos e portugueses forman parte do Consello Consultivo do AECT Rio Minho e asistirán mañá ao acto de constitución.

Coa constitución do Consello Consultivo o AECT Rio Minho da por formalizados todos os seus órganos. O AECT Rio Minho é un instrumento de cooperación, con personalidade xurídica propia, integrada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. Constituíuse en Valença o 24 de febreiro de 2018 no marco do proxecto Smart Minho, para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo.

Obxectivo do AECT Rio Minho

O obxectivo prioritario O AECT Rio Minho é  lograr a máxima cohesión económica e social da rexión transfronteiriza do val do Río Miño a través da posta en marcha de programas, proxectos e accións comúns entre os territorios galego e portugués con iniciativas como: a valorización e promoción dos recursos do territorio, a promoción do patrimonio cultural e natural común, a captación de financiamento europeo e estatal para as diferentes iniciativas de emprendemento, a creación e consolidación dunha marca turística “Río Miño” como elemento de identificación do territorio e impulsar servizos e equipamentos compartidos entre os municipios de ambas as beiras do Miño.