Alcaldes e alcaldesas galegos e presidentes das cámaras portuguesas do Miño participan na elaboración do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo

Os concellos e cámaras participantes poderán facer as súas achegas técnicas ata o 30 de novembro

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, reuníuse en Valença cos alcaldes e alcaldesas e presidentes das cámaras portuguesas dos municipios do territorio para avanzar no desenvolvemento do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST) e coñecer as súas impresións sobre o mesmo.

“Todos os axentes políticos do territorio temos moito que
dicir e precisamos cohesión nas demandas para o territorio dos dous Estados”,
sinalou Uxío Benítez, que remarcou o carácter multidisciplinar das
problemáticas relacionadas coa mobilidade transfronteiriza. O Plan, que se
atopa en fase de redacción, incorporará as achegas dos equipos técnicos dos
concellos e cámaras ata o 30 de novembro, e será presentado oficialmente a
principios do 2020.

A xuntanza, presidida polo director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, contou coa presencia do presidente da Cámara de Caminha, a alcaldesa de Tomiño, o alcade de A Guarda, a alcaldesa do Rosal, os presidentes das Cámaras de Paredes de Coura, Valença, Monçao, o alcalde de As Neves, os presidentes das Cámara de Vilanova de Cerveira e Melgaço, os alcaldes de Mondariz, A Cañiza e Salvaterra, o técnico do CIM-Alto Minho e os representantes do AECT Rio Minho Antonio Torras e Lois Pérez Castrillo.

Os alcaldes remarcaron a necesidade de apostar de xeito
cooperativo, a curto e longo prazo, por un proxecto de mobilidade que preste
atención a particularidades do territorio relacionadas co crecemento Camiño de
Santiago, o transporte de mercadorías ou os movementos de traballadores a
través da fronteira.

O Plan de Mobilidade

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo ten por obxectivo implantar formas de desprazamento máis sostibles logrando, ao mesmo tempo, garantir a conectividade real do territorio cos principais nodos de atracción.

O Plan propón un total de 22 medidas en torno a sete liñas de actuación, centradas na mellora dos desprazamentos en modos non motorizados, do transporte público, da mobilidade de persoas de mobilidade reducida; do transporte a grandes áreas e centros receptores de viaxes, da seguridade viaria, medidas medioambientais e outras actividades de mobilidade. 

O Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo  aposta por situar ás persoas no centro da
planificación dun extenso territorio: a fronteira ibérica máis transitada e a
que ten un maior fluxo de vehículos de media (47%) entre España e Portugal. Abrangue
máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses e
a unha poboación de ao redor de 376.000 persoas. Con este Plan podería iniciarse
un camiño de mellora da mobilidade sustentable entre ambas beiras do Río Miño.

Smart Minho

O Plan de Mobilidade Sustentable
do Río Miño Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través
do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020
(INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento
total de 942.022,47 euros.




Éxito de resposta do proceso de participación cidadá para o deseño do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST)

A fase de participación cidadá para o deseño do Plan de Mobilidade Sustentable do Río Miño Transfronteirizo (PMST) rematou cun grande éxito de resposta: recolléronse un total de 507 enquisas no territorio galego e portugués, unha cifra que supera as expectativas definidas no plan de traballo inicial.

Así se puxo de manifesto na última reunión do equipo de traballo do PMST, unha das principais accións do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho.

A participación cidadá xoga un papel destacado no deseño do plan e levouse a cabo mediante a realización de enquisas, tanto a pé de rúa como online, a través da web de Smart Minho, así como a través da organización de varios obradoiros nos que o tecido asociativo e económico do territorio puido achegar tanto ideas como as problemáticas ás que se enfrontan no día a día en materia de mobilidade.

O proceso de participación cidadá tivo lugar entre o 12 de febreiro e o 9 de marzo deste ano e concluíu coa realización dun total de 316 enquisas presenciais e 191 cuestionarios online. Cabe destacar que no plan de traballo inicial se contemplara a realización de 200 enquisas presenciais, cifra que se superou en moito.

O plan estudará especialmente a mellora dos desprazamentos entre os tres pares de núcleos que compoñen as eurocidades de Tomiño-Cerveira, Tui-Valença e Salvaterra-Monçao, que aglutinan a terceira parte do total de poboación do territorio.

Rematado o proceso de participación cidadá, o seguinte paso para o deseño do PMST é a identificación de problemas e retos de mobilidade no territorio transfronteirizo. Na última fase desta acción presentaranse as liñas de actuación, medidas e propostas a desenvolver no territorio.

Plan de Mobilidade

O PMST busca planificar un  modelo de mobilidade  e accesibilidade, entre as eurocidades do Minho, orientado á mellora da calidade de vida das persoas, a seguridade vial e respectuoso co medio ambiente. Para tal finalidade, é imprescindible contar coa participación de todas as institucións e axentes implicados no territorio para poder compartir opinións e suxestións sobre mobilidade neste espazo compartido.

O estudo abrangue máis de 3.300 km2 de territorio, inclúe a 26 municipios galegos e portugueses, e a unha poboación de ao redor de 376.000. Unha vez recompilada e analizada toda a información obtida a través das enquisas e obradoiros, poderanse extraer as primeiras conclusións e establecer unha visión global do conxunto da mobilidade na área do río Miño transfronteirizo, cunha proposta de accións piloto lista para desenvolver no inmediato.

O plan de mobilidade sustentable do río Miño transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.