1

Os concellos da Raia instan a Madrid e Lisboa e á Xunta á “reapertura urxente”de todos os pasos da fronteira para persoas traballadoras nun comunicado oficial

O AECT Rio Miño e os alcaldes e alcaldesas portugueses e da provincia de Pontevedra aprobaron onte nunha reunión extraordinaria convocada polo peche da fronteira de Portugal un comunicado que trasladarán aos Gobernos centrais de Madrid e Lisboa e á Xunta de Galicia para reclamar a reapertura urxente de todos os pasos para as persoas traballadoras cos controis necesarios.

No encontro participaron os  alcaldes e alcaldesas do Agrupamento máis próximos á raia  (Cerveira, Arcos de Valdedez, Camninha, Melgaço, Monçao, Ponte da Barca, Valença, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda, Salvaterra, As Neves, Arbo, A Cañiza, e Ponteareas). Todos eles asinaron o documento e, segundo explica vicedirector do AECT e tamén deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, manifestaron a súa vontade de colaborar cos estados no que fose necesario mais advertiron que “se non se nos comprende, se non se nos atende como pasou a última vez en xuño, cando ao final se conseguiu abrir o resto dos pasos, emprenderemos mobilizacións porque entendemos que é algo xusto”.

Fala de “desgaste físico e psicolóxico” para o persoal laboral transfronteirizo e de alto impacto no profesional e económico

Benítez explica que a indignación é xeralizada e o consenso é absoluto para reivindicar a apertura de máis pasos transfronteirizos para as persoas traballadoras. “(Madrid e Lisboa) Teñen que  entender a importancia da fronteira do Miño e visibilizar que o que está creando deixar un só pasona ponte Tui-Valença é un funil, creando filas quilométricas e trasladando o custe á cidadanía, gastando combustible e tempo nunha situación económica tan complexa”, insistiu o nacionalista.

Benítez  afirma que as e os traballadores transfronteirizos, arredor duns 6.000 segundo os cálculos do AECT, viven unha situación “de desgaste físico e psicolóxico debido ás filas interminables e aos rodeos, cun impacto no día a día persoal e profesional, non tendo o mesmo rendimento produtivo”.

O 44% do tráfico de toda a fronteira no primeiro confinamento

No comunicado que se trasladará oficialmente aos gobernos centrais e á Xunta, sublíñase que durante o periodo do primeiro confiamento pola pandemia, a ponte internacional de Tui-Valença–a única aberta no territorio miñoto- concentrou preto do 44% do total da mobilidade entre España e Portugal, motivo que fixo que ámbolos dous estados recoñeceran a situación e, finalmente, reabriran as pontes de Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monçao e Arbo-Melgaço.  “Neste segundo momento de peche de fronteiras é completamente incomprensible non ter esta realidade en conta -insiste Benítez- e volver caer no erro inicial”.

Insisten os concellos en que segundo os datos do Observatorio Transfronteirizo España-Portugal de 2019 (antes da COVID), dos 60 pasos existentes entre ambos países, os de Tui-Valença, Tomiño –Cerveira e Salvaterra-Monçao estaban xa entre os cinco con maiorfluxo de tráfico transfronteirizo, sumando máis do 55% do total entre Portugal e España, mesmo non habendo datos oficiais sobre a ponte internacional de Arbo.

O vicedirector do AECT Uxío Benítez tende a man aos estados para colaborar máis e advirte de mobilizacións para conseguir “o xusto”

O texto asinado polos concellos destaca tamén que os horarios de apertura parcial estipulados para Salvaterra e Monçao tampouco son útiles para o persoal laboral de ámbolos lados da fronteira, xa que traballan en turnos diferenciados, polo que se apela aos gobernos a habilitar en todos os pasos horarios verdadeiramente axeitados ás súas necesidades.

Finalmente, as alcaldesas e os alcaldes volven reivindicar aos gobernos español, portugués e galego a creación da tarxeta cidadá transfronteiriza para estas rexións de fronteira, así como a implementación dunha Intervención Territorial Integrada (ITI) para que o territorio do Miño sexa compensado con fondos europeos “por este segundo e duro golpe socioeconómico”.




O AECT Río Minho participa no primeiro Encontro ibérico de Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza, que se celebra en Vigo

A ‘Estratexia 2030’ e a creación da marca ‘Río Miño’ foron as dúas iniciativas máis destacadas polo director do AECT de entre as que está a desenvolver o agrupamento

O director do AECT Rio Minho e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, asistiu onte ao “I Encontro de AECT España-Portugal”, que se está a celebrar estes días en Vigo. Durante esta primeira xornada, Benítez tivo a oportunidade de presentar as principais liñas de actuación que se están a desenvolver dende o AECT Rio Minho, entre as que quixo destacar unha das iniciativas máis ambiciosas e innovadoras, a elaboración da Estratexia 2030, un plan de traballo en materia de cooperación transfronteiriza para todo o territorio do Río Miño galego portugués, xestada ao longo dos últimos dous anos e que contou coa participación tanto de expertos e expertas en diferentes áreas, como institucional e da cidadanía.  

Outro dos fitos do agrupamento europeo destacados por Benítez foi a creación de ‘Río Miño’, unha marca de identificación para todo o territorio miñoto que viu a luz o pasado mes de abril, a través da que se quere promocionar e dar a coñecer o patrimonio cultural, natural, a gastronomía e riquezas do territorio galego-portugués ribeirán do río Miño baixo o lema: “Dous países, un destino, grandes experiencias”.

O
encontro, organizado polo AECT Galicia Norte de Portugal e que reuniu en Vigo a
todos Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza da península
ibérica, remata hoxe cunha segunda xornada dirixida á analizar futuras posibles
sinerxías e oportunidades de cooperación.

O AECT Río Miño constituíuse formalmente o 4 de abril de 2018 e está formado pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A súa creación foi impulsada a través do proxecto Smart Minho, do que pasou posteriormente a formar parte como socio. Smart Minho é un proxecto de cooperación europea cofinanciado ao 75% polo Fondo de Europeo de Desenvolvemento Rexional.