1

O AECT Río Miño advirte de que o peche de fronteiras de Portugal non debe repetir o erro de dificultar a circulación de persoas traballadoras na Raia

O Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza AECT Río Miño advertiu hoxe, logo de que Portugal anunciase o seu peche de fronteiras con España, que non debe repetir o erro de limitar e dificultar o paso pola raia das persoas traballadoras como aconteceu tralo confinamento de marzo. Así o manifestou o vicedirector da entidade e deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación, Uxío Benítez, quen instou a manter abertos todos os pasos nas estradas, principalmente os das Eurocidades, coas medidas de control que sexan necesarias para facilitar a circulación das persoas que viven ou traballan a ambas marxes do río.

O vicedirector do agrupamento e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez insta a manter todos os pasos de estradas abertos coas medidas de control necesarias

Benítez recoñeceu que a decisión adoptada polo goberno do peche de fronteiras de Portugal pon en alerta aos concellos do territorio transfronteirizo, que dende o 17 de marzo e ata o mes  de xuño viron limitado o tránsito a un único paso, Tui-Valença, creando importantes problemáticas para as persoas traballadoras transfronteirizas. Indicou, de feito, que este novo paso supón un chanzo máis na improvisación das medidas adoptadas contra a COVID-19 mais subliñou que “agardamos que aprenderan algo da situación creada na fronteira a outra vez”, lembrando que alcaldes e alcaldesas chegaran a manifestarse en varias ocasións.

Critica que a Xunta non tivera posto en marcha o carné transfronteirizo, xa que serviría para vixiar máis eficazmente o tránsito de persoas

Benítez tamén sinalou que a estas alturas da pandemia xa debería estar operativa a tarxeta de ‘cidadanía transfronteiriza’ para cando volvera haber unha situación coma esta. Lembrou que esa proposta do AECT fora levada ante o último Cumio Ibérico entre España e Portugal e tamén ante o Parlamento Galego, que a aprobou por unanimidade. “Ata o de agora a Xunta non fixo nada, e nestes momentos ese carné transfronteirizo serviría para vixiar máis eficazmente o tránsito de persoas na raia”, destacou Benítez, polo que se reduciría o impacto do peche de fronteiras de Portugal.

O deputado lembrou unha vez máis que a fronteira de Pontevedra e Portugal é a máis dinámica social e economicamente de toda a península, xa que con 70 quilómetros dos 1.200 de toda a ‘raia’ entre España e Portugal, un 5%, asume o pasodo 50% dos vehículos.