Os concellos do AECT Rio Minho apostan pola apertura de novos pasos fronteirizos como medida de alivio para as traballadoras e traballadores que deben cruzar cada día

Os gobernos miñotos destacan ademais a importancia dunha desescalada coordinada entre as dúas marxes que non cree desequilibrios no territorio

“É vital que o peche de fronteiras non vaia máis alá do fin dos estados de alarma e emerxencia de España e Portugal”, advertiu Uxío Benítez

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño, dirixido polo deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez,  reuniuse hoxe cos dirixentes do territorio miñoto para analizar conxuntamente o impacto socioeconómico que a pandemia do Covid-19 está a ter nesta rexión. A reunión, que se desenvolveu de xeito telemático e gozou dunha grande participación e interese,  contou ademais coa asistencia da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quen amosou a súa preocupación ante as circunstancias actuais e ofreceuse a trasladar a mensaxe do AECT Rio Minho e das alcaldías ante os estamentos necesarios.

A reunión forma parte do estudo encargado polo AECT Rio Minho e a Deputación de Pontevedra para obter un primeiro diagnóstico da actual situación á que se enfronta o territorio. As conclusións deste traballo trasladaranse esta mesma semana aos gobernos e ministerios pertinentes de ambos estados para que sexan estudadas e se poidan aplicar as decisións máis axeitadas, explicou o director do AECT, Uxío Benítez.

Apertura de novos pasos
fronteirizos

Unha das principais ideas sobre a mesa, e na que a totalidade dos
gobernantes coincidiu, foi a necesidade de apertura de novos pasos fronteirizos
como “unha medida de alivio” para as economías locais e sobre todo para “os e
as traballadores transfronteirizos que cada día deben trasladarse a quilómetros
de distancia para acudir aos seus postos de traballo”.

Segundo apuntou o director do AECT, Uxío Benítez, neste momento, a única fronteira aberta no territorio é a da ponte de Tui – Valença, un tramo que agora mesmo “concentra preto do 49% do total da mobilidade entre España e Portuga”, sendo con diferencia o máis transitado do total de 9 pasos habilitados entre os dous estados.

Ata el teñen que trasladarse obrigatoriamente as traballadoras e traballadores
transfronteirizos dunha e outra beira do río, algúns asumido “distancias de
máis de 60 km entre a ida e volta para poder chegar ata polígonos ou empresas
que de outro xeito quedaban a escasa distancia dos seus domicilios”, segundo
explicou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Esta situación, que ademais
afecta a unha poboación “cun nivel económico medio baixo, está provocando que
algunhas persoas incluso se viran obrigadas a abandonar os seus postos de
traballo polo incremento nun custes de desprazamento que se fan inasumibles
fronte a uns soldos baixos que ás veces non superan os 600€”, aclarou González,
un argumento no que redundou a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, quen
ademais propuxo como solución inmediata “unha apertura parcial, por exemplo, en
varias franxas horarias”.

A pesar do acordo na necesidade de abrir novos pasos transfronteirizos,
todos os e as gobernantes asumiron tamén que esta medida débese tomar baixo “os
máis estrictos medios de control e seguridade, os mesmos que xa hai no paso de
Tui – Valença que eviten unha volta atrás ou novos confinamentos”, segundo apuntou
o presidente da câmara de Melgaço, Manoel Batista. “Non se trata de abrir as
fronteiras para que circule calquera persoa”, explicou Benítez, senón de
ofrecer “unha mellora” para aquelas persoas que “máis están a sufrir o dobre
golpe da pandemia por atoparse na fronteira e nun territorio fortemente
interrelacionado”.

“Debemos asumir que, infelizmente esta crise pódese prolongar no tempo polo
que a seguridade sanitaria é imprescidible, advertiu o rexidor de Monçao,
Antonio Barbosa.

Coordinación nas medidas de
desescalada

Outro dos puntos en común na reunión foi a necesidade de coordinación entre
o goberno luso e o español durante as medidas de desescalada. Uxío Benítez
lamentou que “un ritmo diferente de desescalada poida provocar friccións nun territorio
no que a dependencia económica ente ambas marxes do río é moi forte”. Unha idea
tamén defendida polo alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, quen tamén apuntaba á
necesidade de abrir vías, a medio prazo, para facilitar os desprazamentos ata o
aeroporto Sá Carneiro de Porto, entre outros.

Esta dependencia é facilmente palpable nalgunhas vilas, como a de Valença, onde o 90% do comercio do municipio está dirixido á poboación galega, segundo achegou o presidente da câmara de Valença, Manoel Lopes. Un caso similar é o de Cerveira, onde a economía local depende en grande parte das feiras e mercadiños, segundo apuntou o presidente da câmara e vicedirector do AECT Rio Minho, Fernando Nogueira, consciente de que a “loxística non é facil”. Xunto coa saúde a economía debe ser o segundo que se atenda, advertiu o presidente de Paredes de Coura, Vitor Pereira, pensando no medio prazo e nunha estratexia conxunta.

Apertura de fronteiras tras o cede dos estados de emerxencia e alarma

Outra das preocupacións máis repetidas ao longo da xuntanza por parte dos
alcaldes e alcaldesas do territorio foi a de que o peche de fronteiras non se
prolongase máis alá da suspensión dos estados de emerxencia e alarma de España
e Portugal algo que podería incrementar aínda máis as secuelas da pandemia
neste territorio tan interdependente polo que se fai necesaria unha estratexia
conxunta. Neste senso a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernandez, fixo fincapé na
“importancia que as relacións de proximidade van ter a partir de agora, non só
a relevancia que van ter as administracións locais, senón o noso entorno máis
próximo como espazo para relacionarnos”.

A este respecto, Xosé Manuel Rodríguez, rexidor de As Neves,  sinalou a necesidade de realizar un estudo conxunto da economía e da hostalaría no territorio transfronteirizo e de como se verá afectado e propuxo estudar a posibilidade de regular a pesca e a súa venda xa que a pandemia afectou fortemente a este sector en máxima temporada de lamprea.

O AECT Rio Minho

O AECT Rio Minho constituíuse formalmente o 24 de abril de 2018 e está formado pola Deputación Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A súa creación foi impulsada a través do proxecto Smart Minho, do que pasou posteriormente a formar parte como socio.

O proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A).