1

Os concellos do AECT Miño reúnense para decidir actuacións sobre o peche da fronteira con Portugal

Os concellos pontevedreses e portugueses da fronteira do Miño reuniranse a última hora de hoxe para decidir actuacións e medidas a tomar sobre o peche da fronteira con Portugal. Así o confirmou o vicedirector do AECT Rio Miño Uxío Benítez, quen adiantou o grande malestar de todos os municipios, que esixen a apertura de todos os pasos da raia para evitar situacións como as que esta mañá se repetiron na ponte internacional de Tui, con colas de máis de dous quilómetros de lonxitude, revivindo a problemática do anterior confinamento para as traballadoras e traballadores transfronteirizos.

A reunión cos concellos de ambas beiras do Miño convocouse despois do encontro mantido na mañá de hoxe entre Benítez e outros membros do AECT e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. Segundo confirmou o deputado nacionalista, o delegado manifestou a súa comprensión co malestar dos concellos da raia’ e comprometeuse a elevar ao Ministerio de Exteriores a petición de abrir todos os pasos na provincia, así como a poñer a disposición todos os medios e persoal das forzas do orde estatais para habilitar máis controis onde foran necesarios.

“Parece ser que non é un problema de medios. O que trasladou o delegado é que o peche dos pasos é unha decisión do goberno portugués que hai que solucionar pola vía diplomática”, indicou Benítez. Subliñou que o AECT “tocará en todas as portas” precisas pola vía administrativa ata que se abran os pasos, pero non descartou outras medidas de presión, xa que –insistiu o nacionalista- hai un claro agravio para as persoas traballadoras transfronteirizas, que teñen que dar rodeos quilométricos para acudir aos seus postos de traballo polos funís dos pasos de Tui e Salvaterra.

O vicedirector Uxío Benítez trasladou hoxe o malestar ao delegado do Goberno, quen se comprometeu a levar ao Ministerio de Exteriores as actuacións sobre o peche da fronteira con Portugal e a petición de abrir todos os pasos da provincia

Benítez puxo de manifesto que segundo os datos da Delegación do Goberno, entre as oito da mañá e o mediodía, o control de fronteira para acceder a Pontevedra en Tui dende Portugal unicamente prohibiu o paso a unha decena de vehículos nos que as persoas viaxeiras non cumprían os requirimentos autorizados (ser persoa traballadora ou ter familia de primeiro grao ou dependentes a cargo, entre outras situacións). Sen embargo, o control portugués da GNR realizou unha revisión exhaustiva de toda a documentación presentada polas persoas que pretendían cruzar a fronteira, creando un tapón de grandes dimensións similar aos que diariamente se repetían no anterior peche por non admitir algúns dos xustificantes.

O vicedirector do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial ‘AECT Río Miño’ lembrou que “chove sobre mollado”, posto que os gobernos español e portugués saben que a fronteira entre Pontevedra e Portugal, aínda que supón o 5% da lonxitude da raia, asume o 50% do tránsito de vehículo, polo que a súa realidade non é equiparable ás de Castela-León, Andalucía ou Extremadura, comunidades ás que concederon o mesmo número de pasos que a toda Galicia.

Instou, novamente, a poñer en marcha a tarxeta cidadá transfronteiriza para identificar de maneira máis áxil a todas as persoas que desenvolvan a súa vida laboral obigadas a cruzar a fronteira.