Obxectivos

image_pdfimage_print

O obxectivo principal do Smart Minho é mellorar a eficiencia da cooperación institucional na área transfronteiriza do río Miño a través da planificación estratéxica do territorio común, que parta das experiencias de cooperación locais e que serva para poñer en marcha experiencias piloto de xestión conxunta de equipamentos, actividades culturais e de transporte que favorezan a mobilidade entre fronteiras.

Coa posta en marcha desta iniciativa de cooperación transfronteiriza o que se busca é identificar todos aqueles proxectos áncora para o desenvolvemento do territorio para poder crear un plan de acción de acordo a todos eses plans e iniciativas. O obxectivo é implementar un proceso capaz de involucrar a actores públicos e privados na preparación dun plan de acción conxunta a ambas as dúas beiras do Miño.

A Estratexia de Cooperación Intelixente para o Río Miño Transfronteirizo busca fomentar a creación do emprego, a cohesión social e territorial e o benestar cidadán a través de políticas concertadas de promoción, valorización e desenvolvemento dos recursos e potencialidades do territorio. Tamén procura a innovación, o fomento do emprendemento e da igualdade de oportunidades.

Obxectivos prioritarios

Facer unha análise e diagnose sobre as necesidades e potencialidades do territorio. É a primeira vez que se realiza un estudo en profundidade sobre as fortalezas, debilidades e complementariedades do territorio conxunto galego e portugués con vistas ao deseño do desenvolvemento estratéxico que permita poñer en valor os seus recursos comúns a través da cooperación transfronteiriza.

A creación da Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT Río Miño), impulsada pola Deputación de Pontevedra e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. Abarca un total de 3.312 quilómetros cadrados de territorio e case 376.000 habitantes.

Obxectivos específicos

A conservación e posta en valor dos recursos existentes entre ambas beiras do Miño en beneficio do desenvolvemento social, económico e medioambiental da área do Baixo e Alto Miño.

Potenciar a mobilidade e accesibilidade sostible como eixo central do desenvolvemento do territorio, tanto no referente ao transporte público como á mobilidade peonil e noutros modos alternativos de transporte non motorizado que permitan reducir o gasto enerxético e as emisións de gases de efecto invernadoiro.

A mellora da conectividade interna entre os núcleos urbanos directos de Caminha-A Guarda, Vila Nova de Cerveira-Tomiño, Valença-Tui, Monçao-Salvaterra, Melgaço-Arbo, así como a súa conexión co resto do territorio e coas áreas metropolitanas de Vigo, Oporto e Minho.

A xestión conxunta de equipamentos, infraestruturas e servizos existentes e a planificación conxunta de futuras necesidades de cara ao seu uso compartido para mellorar as prestacións á cidadanía, optimizar os recursos e fomentar a convivencia.

A modernización das infraestruturas de cara á promoción do aforro enerxético e da mobilidade sostible.

Promoción do medio rural como complemento do medio urbano e elemento xerador de emprego sostible, do turismo verde e do emprego ligado á innovación e ao coñecemento.

Protección e promoción integral do espazo fluvial.

O fomento da cooperación empresarial e o pulo a actividades de investigación.

X