O director do AECT Rio Minho participa no encontro anual de agrupamentos europeos para presentar a entidade miñota

image_pdfimage_print

O organismo galego portugués vén desenvolvendo un importante traballo en materia de mobilidade transfronteiriza

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, participou no 9th Annual Meeting of EGTC Platform celebrado en Palma de Mallorca, onde presentou formalmente o agrupamento galego-portugués ante o resto de entidades europeas.

Esta é a primeira vez que o AECT Rio Minho asiste a este encontro anual xa que a entidade conta con apenas un ano de vida, porén, os esforzos realizados polo organismo en materia de mobilidade transfronteiriza contaron xa cun lugar destacado, segundo sinalou Benítez. Así, por exemplo, un dos máximos expertos en materia de cooperación transfronteiriza da Comisión Europea, Dirk Peters, deu boa conta do traballo desenvolto polo AECT Rio Minho neste senso e sinalou as reunións realizadas polo agrupamento durante o mes de setembro no marco da iniciativa B-Solutions para analizar os obstáculos legais da mobilidade na fronteira do río Miño.

Outros proxectos destacados por Benítez durante o encontro foron a elaboración da Estratexia Rio Minho 2030, que se publicará proximamente, ou a creación da marca Rio Minho.

A cita serviu ademais para tratar as cuestións de actualidade máis relevantes no referido á Cooperación Transfronteiriza como cal debe ser o rol dos AECTs nos futuro da cooperación territorial europea, o análise dos mecanismos de cooperación transfronteiriza e os novos regulamentos que rexerán os fondos do vindeiro marco financeiro 2021 – 2027.

A ETCG Platform integra a representantes políticos e técnicos de todas os AECT existentes, agrupamentos en constitución e a membros do Grupo de Expertos e Expertas, así como asociacións e outras partes interesadas. O obxectivo da plataforma é permitir que todos os axentes interesados ​​intercambien as súas experiencias e boas prácticas e melloren a comunicación sobre as oportunidades e retos dos AECT.

AECT Rio Minho

O 4 de abril de 2018 a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho crean o AECT Rio Minho a través dunha das accións do proxecto Smart Minho (cofinanciado ao 75% por fondos FEDER) e o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez é designado como director do ente.

NA FOTO: O director do AECT Rio Miño, Uxío Benítez (esquerda) xunto con Michael Dejozé, Director do AECT Euregio Meuse-Rhine (DE-NL-BE), e, no centro, o secretario da Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa (ARFE) Martin Guillermo-Ramirez, na conferencia de presentación dos novos AECT.