1

O AECT Rio Miño presenta o proxecto LIVHES ao tecido do patrimonio cultural inmaterial deste espazo transfronteirizo

A equipa técnica do AECT Rio Miño presentou o proxecto europeo LIVHES (acrónimo en inglés de Patrimonio Vivo para o Desenvolvemento Sustentábel) a unha escolma de representantes públicos e privados das diferentes administracións, asociacións e investigadoras que traballan no patrimonio cultural inmaterial no rio Miño transfronteirizo.

O pasado martes 11, nunha exposición que tivo lugar no Auditorio do AECT Rio Minho, presentouse o proxecto LIVHES, un novo proxecto europeo financiado ao 75% con fondos do Programa Interreg SUDOE. Con éxito de asistencia, pois enchéuse o espazo dispoñíbel (reducido, por mor das restricións sanitarias), explicouse en que consistía o proxecto, quen o conformaba e as liñas de traballo, para as que se solicitou aos asistentes que nos acompañasen nos traballos a realizar.

Deste xeito conformouse un grupo transfronteirizo que terá máis xuntanzas nos vindeiros meses para traballar sobre o patrimonio cultural inmaterial. Así, despois de elaborar un pequeno censo de actores que traballan sobre o PCI no territorio, o AECT busca ampliar este rexistro e que entre todos os participantes atopemos boas prácticas e innovadoras que se podan implementar en outros territorios. Ademais, este rexistro que elaboremos servirá para traballos futuros, como pode ser a creación dun Centro do Patrimonio.