O AECT Rio Miño pide “coherencia” á Xunta sobre a apertura da fronteira con Portugal

image_pdfimage_print

O vicedirector Uxío Benítez subliña que a perimetraxe autonómica non ten sentido por motivos sanitarios, xa que a parte portuguesa ten mellores datos que a galega

Critica o “xogo político partidario con Madrid” que deixa de lado as necesidades da sociedade miñota

O AECT Río Miño vén de solicitar á Xunta de Galicia “coherencia” sobre a apertura da fronteira con Portugal e que deixe sen efecto a perimetraxe autonómica no territorio miñoto. O vicedirector do agrupamento europeo, Uxío Benítez, subliña que as restricións impostas polo goberno galego só deixando cruzar por motivos xustificados “non ten sentido” por motivos sanitarios, xa que a parte portuguesa ten mellores datos de incidencia acumulada que a parte galega.

Segundo destaca Benítez, hai unha contradición manifesta da postura da Xunta cando era o goberno central o que mantiña pechada a fronteira e agora, cando lle corresponde tomar decisións como autoridade sanitaria: inicialmente estaba a favor da apertura de todos os pasos e de flexibilizar a mobilidade e agora avoga por manter o peche.

Solicitude

O deputado provincial lembrou que o pasado 3 de marzo, cando os datos sanitarios eran moito peores, o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda participou nunha reunión co presidente da CCDR-N e representantes das tres Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ante os que o mandatario galego apoiou que se mantiveran abertos o maior número de pasos fronteirizos posibles e se tiveran en conta as peculiaridades das áreas fronteirizas como a do Miño.

“Por que cambiaron de opinión? Se hai unha semana estaban a favor de abrir, por que piden agora ao goberno central que manteña os controis? Entendemos esa contradición obedece a un xogo político partidario e espúreo con Madrid, que nada ten que ver coa realidade e as necesidades da sociedade miñota galego-portuguesa”, insistiu o nacionalista.

Benítez, amais, abondou afirmando que o territorio miñoto da fronteira é igual tanto na súa parte galega como portuguesa, estando nestes momentos mellor sanitariamente a parte lusa, cunha incidencia acumulada menor. Por iso solicitou ao goberno galego que levante a perimetraxe na fronteira con Portugal e “deixe de afogar” a un territorio que estivo os tres últimos meses na “ruína” por decisións políticas dos gobernos estatais de Madrid e Lisboa.

“Antes tomaban as decisións en Madrid e Lisboa, onde non coñecían o territorio. Agora quen debe tomar as decisións sanitarias unha vez abertas as fronteiras é a Xunta de Galicia, á que presupoñiamos que coñece o territorio e entende a situación do territorio. Agardemos, tendo en conta tamén que o día 9 finaliza o estado de alarma, que a Xunta sexa coherente e actúe seguindo parámetros sanitarios porque a cidadanía está moi confundida coa situación”, finalizou.