1

O AECT Rio Minho participa en Bruxelas na Semana Europea das Rexións e das Cidades

O encontro, que reuniu a 9.000 expertos e expertas de todo o continente, é unha das ‘citas clave’ da política rexional europea

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, asistiu á decimo sétima edición da European Week of Regions and Cities que se celebrou en Bruxelas do 7 ao 10 outubro, onde estivo acompañado polo secretariado técnico do agrupamento galego-portugués Rio Minho. Segundo explicou o director do ente, este encontro anual “é a cita máis importante” da Política Rexional da Unión Europea”.

A Semana Europea das Rexións e as Cidades é un evento que se celebra cada ano na capital europea e que ao longo de catro días ofrece ao funcionariado das administracións rexionais e locais, expertos e expertas e representantes do mundo académico, a posibilidade de compartir boas prácticas e coñecemento especializado en desenvolvemento rexional e urbano, sendo o maior evento público europeo deste tipo.

Preto de 9.000 asistentes de todo o continente déronse cita nesta edición para participar nun programa composto por aproximadamente 100 sesións de traballo, exposicións e eventos sociais relacionados co desenvolvemento rexional e local.

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, e os membros do secretariado técnico e equipo técnico do proxecto Smart Minho participaron en diferentes foros e seminarios, dos que Benítez destacou a especial relevancia dun sobre plurilingüismo e cooperación cultural nas rexións transfronteirizas e outro sobre obstáculos legais no contexto da cooperación.

Así mesmo, mantivéronse reunións paralelas con representantes de asociacións de rexións fronterizas de Europa e  representantes da DG Regio, cos que aproveitaron para presentar e explicar a Estratexia do Rio Minho 2030 e todo o proceso de elaboración da mesma.

AECT Río Miño

O AECT Río Miño constituíuse formalmente o 24 de abril de 2018 e está formado pola Deputación Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. A súa creación foi impulsada a través do proxecto Smart Minho, do que pasou posteriormente a formar parte como socio.

Smart Minho é un proxecto de cooperación europea cofinanciado ao 75% polo Fondo de Europeo de Desenvolvemento Rexional.