1

O AECT Rio Minho estréase ante o resto de agrupamentos europeos de cooperación transfronteiriza no ‘9º Annual Meeting of EGTC Platform’

Benítez destacou a importancia deste encontro, no que se tratará a actualidade e as negociacións en curso en materia de cooperación transfronteiriza de toda a Unión Europea

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, participa no 9º Annual Meeting of EGTC Platform, que este ano se celebra en Palma de Mallorca. Benítez sinalou a importancia de asistir a este encontro no que se dan cita todos os Agrupamentos Europeos de Cooperación Transfronteiriza para discutir sobre os asuntos actuais relacionados cos AECT, o futuro da Cooperación Territorial Europea, as negociacións en curso no Consello da Unión Europea e os mecanismos de Cooperación Transfronteiriza Europeos.

O encontro anual serve tamén para a presentación das entidades europeas de nova creación, como é o caso do AECT Rio Minho, que terá un espazo reservado durante a sesión matinal para dar a coñecer a agrupación e algúns dos seus proxectos máis destacados, como son a elaboración da Estratexia Rio Minho 2030, a creación da marca Rio Minho ou o estudo de mobilidade dirixido a identificar e solventar as trabas legais e administrativas do transporte entre un e outro lado da fronteira.

Uxío Benítez lembrou que a cooperación transfronteiriza recibiu en 2006 un importante impulso da Unión Europea mediante a creación da figura xurídica dos Agrupamentos Europeos de Cooperación Territorial (AECT), tendo en conta que máis dunha terceira parte da cidadanía da UE vive nas rexións fronteirizas, e que estas fronteiras afectan directa ou indirectamente ás súas vidas en cuestións relacionadas co transporte, a educación, a atención sanitaria, a enerxía, a formación ou a creación de emprego transfronteirizo.

O 4 de
abril de 2018 a Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto
Minho crean o AECT Rio Minho a través dunha das accións do proxecto Smart Minho
(cofinanciado ao 75% por fondos FEDER) e o deputado de Cooperación
Transfronteiriza Uxío Benítez é designado como director do ente.