1

O AECT Rio Minho compartiu experiencias e boas prácticas no proxecto BRIDGE

Entre os días 20 e 24 de outubro celebrouse o proxecto BRIDGE – Building Relationships Into a Democratic Goal for Europe (Construíndo relacións cara un obxectivo democrático para Europa), coordinado polo Concello de Vila Nova de Cerveira e financiado polo programa Europa para os Cidadáns. O proxecto BRIDGE está constituído por 11 organizacións de 10 países e foi deseñado baseándose na conxuntura das organizacións/concellos transfronteirizos no contexto da Unión Europea. Este proxecto ten por obxectivo sensibilizar aos estados-membros sobre a memoria, historia e valores comúns da Unión Europea a través do debate, a reflexión e o desenvolvemento do espírito de solidariedade entre países membros, e incentivar a participación democrática e cívica da sociedade civil a nivel europeo, desenvolvendo a súa comprensión do proceso de elaboración das políticas da UE e promovendo oportunidades de interese social e intercultural.

Convidado polo Concello de Vila Nova de Cerveira, o AECT Rio Minho participou en dúas sesións do programa que tiveron lugar o 22 de outubro. A primeira sesión, realizada no Centro Goianés de Goián (en Tomiño), centrouse en compartir boas prácticas no contexto transfronteirizo Portugal-España. O AECT Rio Minho participou nesta sesión compartindo a súa experiencia na construción dunha marca turística sustentábel transfronteiriza: a marca Rio Minho. Xa na segunda sesión, celebrada nas instalacións do AECT Rio Minho (en Valença), como parte do intercambio de experiencias baseado na vontade común entre os participantes de promover a cidadanía transfronteirizas e a cohesión social transfronteiriza, o Secretariado Técnico fixo unha presentación institucional do Agrupamento. Expuxéronse os proxectos onde o AECT Rio Minho está directamente involucrado, os que se atopan en execución, e aqueles xa rematados. Todo isto, con especial foco, nos obxectivos da entidade, que inclúen: artellar o espazo común e fomentar as relacións de cooperación; promover a cohesión institucional; pór en valor o patrimonio cultural e natural transfronteirizo; promover o territorio do río Miño; e crear e consolidar a marca turística transfronteiriza Rio Minho.