O AECT Rio Minho bríndase para executar no Miño a estratexia común de desenvolvemento transfronteirizo aprobada no XXXI cumio ibérico España-Portugal

image_pdfimage_print

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho vén de brindarse oficialmente para executar no territorio do Miño a Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo España-Portugal que se aprobou o pasado sábado 10 de outubro no XXXI Cumio Ibérico bilateral entre os gobernos español e portugués. O deputado Uxío Benítez destacou as expectativas xeradas e indicou que é preciso “concretar os acordos e poñer en marcha un Plan de Acción que leve á práctica as iniciativas”.

Para Benítez é fundamental que o AECT Rio Minho estea no debate sobre a concreción da Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo, sendo considerada como unha axencia de desenvolvemento transfronteiriza, xa que no seu momento tamén presentou as súas achegas e contribucións. O deputado reivindicou o papel do AECT como protagonista e como unha institución fundamental para a eliminación dos chamados “custos de contexto” e da promoción da actuación conxunta entre un e outro lado da fronteira: “Isto aseguraría un diagnóstico máis certeiro ao mesmo tempo unha mellor formulación e xestión máis eficaz das estratexias territoriais de recuperación pos COVID-19”, dixo.

O deputado Uxío Benítez agarda a concreción dos acordos e a posta en marcha do Plan de Acción 

O nacionalista reclamou un Plan de Acción (non presentado aínda) que se debe elaborar a partir do cumio, e que “debe contar coa nosa voz e participación e ademais  ter unha liña específica de apoio aos concellos de contacto entre países, xa que é neles onde se poden realizar as políticas de cooperación mais eficaces”. Destacou que “é preciso ver como integrar as ideas, metas e obxectivos na Estratexia para poder optar aos fondos do Plan de Recuperación Económica e tamén aos Fondos do POCTEP”.

Segundo lembrou o vicerresponsable do AECT, ademais, é preciso que seconsidere a especificidade do territorio fronteirizo de Galiza-Norte de Portugal (xa que a fronteira ibérica non é uniforme) e dentro desta, o territorio do tramo internacional do río Miño ten particularidades senlleiras.

En canto á recuperación socioeconómica da zona, subliñou que ten que xirar sobre varios eixos, como son a recuperación do impacto propio e específico da pandemia no ámbito da saúde e da prevención de casos de contaxios futuros; a recuperación no ámbito económico e social motivado pola paralización da actividade interna e dos fluxos transfronteirizos; e a recuperación da cooperación transfronteiriza en senso estrito, dado que a reaparición de novo das barreiras fronteirizas fixo retroceder o traballo práctico de cooperación e creación de cidadanía e identidade europea dos últimos 25 anos.

O AECT presentou contribucións centradas no territorio miñoto, entre elas a creación datarxeta cidadá transfronteiriza

Así mesmo, fixo fincapé na necesidade dun Investimento Territorial Integrado (ITI) como un bon instrumento para utilizar nun horizonte pos pandemia no territorio do río Miño transfronteirizo. Explicou que o ITI é unha ferramenta contemplada na normativa comunitaria, mediante a cal se lles ofrece a posibilidade de reunir fondos europeos de xeito integrado e de xeito transversal, recorrendo ao financiamento de varios eixes prioritarios, xunto con fondos locais, rexionais ou estatais, provocando un mellor resultado coa mesma cantidade de investimento público.

Benítez lembrou que o AECT Rio Minho lanzou a idea de poñer en funcionamento unha ‘Tarxeta Cidadá Transfronteiriza’ que serviría de base para o desenvolvemento dun programa piloto para simplificar a vida das persoas na fronteira, en particular para as persoas traballadoras transfronteirizas. Na estratexia, entre outras cuestións, recóllese a necesidade de reforzar e fomentar a figura do traballador transfronteirizo a través da creación dun documento específico, así como de identificar as “discriminacións indirectas sentidas (…) garantindo os dereitos derivados da libre circulación de traballadores”, cuestión que se puxo de manifesta durante o peche de fronteiras pola COVID-19.