Eurodeputadxs galegxs e portuguesxs presentarán unha iniciativa conxunta no Parlamento Europeo para pedir compensacións económicas para o territorio do miño polo peche da fronteira

image_pdfimage_print

O AECT Río Miño reuniu hoxe a representantes de todos os partidos galegos e lusos do Europarlamento

Unha delegación europea visitará a raia e crearse un foro ‘europeo’ estable para facer seguimento á problemática

Uxío Benítez advirte de que hai traballadores que deixan o traballo e piden excedencias por non poder asumir os gastos: “Seguir co peche é un escándalo, é a ruína económica”

Eurodeputados e eurodeputadas de todos os partidos políticos de Galiza e Portugal comprometéronse hoxe a presentar unha iniciativa conxunta no Parlamento Europeo para reclamar compensacións económicas ao territorio do Miño polo peche da fronteira con Portugal. Así se acordou nunha reunión convocada polo AECT Río Miño, no que representantes do agrupamento transmitiron a problemática que as persoas traballadoras e as empresas da zona están a vivir pola decisión de só ter aberto un paso 24 horas na fronteira.

O vicedirector do AECT Uxío Benítez  manifestou tralo encontro a súa grande satisfacción pola reunión, da que xurdiron importantes decisións de apoio á causa do territorio miñoto. De feito, houbo unanimidade por parte de todos os grupos en traballar pola compensación ao territorio, en entender que existe un problema e en que non ten sentido a redución dos pasos habilitados na ‘raia’.

En concreto, acordouse presentar unha iniciativa conxunta de todas as forzas políticas no Parlamento Europeo para que a Comisión Europea poida transmitir aos estados membros a singularidade das zonas transfronteirizas, e as consecuencias de pechar fronteiras nelas. Así mesmo,  destacouse a necesidade de establecer mecanismos de compensación a través dos fondos europeos e dos plans de resiliencia aos territorios que están sendo doblemente afectados pola pandemia e o peche de fronteiras.

Acordouse tamén volver reunirse e crear un foro estable de todos os eurodeputados e eurodeputadas para poder facer un seguimento á problemática que está a afectar a milleiros de persoas no territorio transfronteirizo. Tamén se puxo sobre a mesa a visita dunha delegación das e dos europarlamentarios aos concellos do Miño para coñecer de primeira man a situación das persoas afectadas.

No encontro estiveron presentes o director do AECT do Río Minho e  presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira Fernando Noguera; o vicedirector e deputado delegado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez e, dos grupos do Europarlamento, Francisco Millán Mon (Partido Popular), un representante  de Nicolás González Casares (PSOE); Ana Miranda en representación do grupo Os Verdes ALE; Jose Manuel Fernandes, do  PSD ; e Maria Manuel Rola deputada nacional en representación das euroedeputadas do BE; e Joao Fereira, do PCP.

Peche ata despois de Pascua

Sobre o mantemento do peche de fronteiras con Portugal ata despois de Semana Santa anunciado onte polo primeiro ministro portugués Antonio Costa, o vicedirector do AECT Uxío Benítez subliñou que se volve producir un “escándalo”.

Insistiu en que esa decisión vai levar á ruína económica ao territorio do río Miño e a obrigar a moitos traballadores a abandonar os seus postos de traballo ao manter a decisión de só deixar un paso no Miño e seguir co funil no paso de Tui-Valença. “Séguese obrigando ás persoas traballadoras a percorrer distancias quilométricas, a ter gastos de entre 200 e 300 euros ao mes máis en combustible para acceder aos postos de traballo”, lembrou, ao tempo que advertiu que o AECT ten xa constancia de casos de persoas que pediron a excedencia dos seus postos de traballo porque non poden asumir o custe.

Benítez criticou que mantendo a decisión de pechar fronteiras os gobernos seguen a demostrar que descoñecen a situación transfronteiriza na que hai unha vida económica, unhas relacións laborais e empresariais que dependen da apertura da fronteira e dos pasos. “Pensan en declaracións grandilocuentes de cara ao turismo estranxeiro traendo o virus. Pero pechar a fronteira non só é iso, pechar a fronteira é afectar a un territorio cunha realidade propia. Están levandoo á ruína”, insistiu.

“Esixiremos que haxa compensación económica para o territorio e que os fondos comunitarios do Next Generation contemplen partidas específicas porque cada día que pasa coa decisión do peche e só un paso no Miño crean maior perxuízo económico. Ten que haber compensación económica ao territorio e ás persoas traballadoras perxudicadas”, finalizou o vicedirector do AECT.