Estratexia de Cooperación Transfronteiriza 2030

A ‘Estratexia de Cooperación Transfronteiriza 2030’ xa está dispoñible para a súa consulta e descarga

image_pdfimage_print

O documento está pendurado na pestana de accións da web www.smartminho.eu

A ‘Estratexia de cooperación transfronteiriza 2030’ xa está dispoñible para a súa consulta e descarga na web do proxecto Smart Minho. O documento é o resultado dunha profunda análise económica e social do territorio elaborada por especialistas, axentes políticos e sociais e contou cunha importante participación cidadá a través da organización de varias mesas temáticas, dous foros públicos e un espazo virtual de consultas na web. Segundo explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, trátase “dun traballo innovador que permitirá activar o territorio nunha lóxica unitaria e coherente” e servirá como guía das actuacións en materia de cooperación transfronteiriza para o territorio durante a próxima década.

A Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030  estabelece un plan de acción en base a cinco eixos estratéxicos: gobernanza e programas de servizos conxuntos; turismo sustentábel e responsábel; cultura transfronteiriza; mobilidade sustentable, e sustentabilidade e economía innovadora. A Estratexia senta as bases das actuacións, pero “este é un documento vivo, unha ferramenta dinámica a partir da cal se irán definindo as accións concretas”, apuntou Benítez.

O documento pode ser consultado en galego e portugués e proximamente tamén será publicado en papel en dúas edicións bilingües, unha de galego – portugués e outra de castelán – inglés.

A elaboración da Estratexia Rio Minho 2030 é o principal produto do proxecto de cooperación transfronteiriza Smart Minho, do que son socios a Deputación de Pontevedra, o CIM Alto Minho, o AECT Rio Minho e a Fundación Centro de Estudos Euro Rexionais.

Outras accións do proxecto Smart Minho, cofinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (POCTEP 2014-2020), son a elaboración dun Plan de Mobilidade Transfronteiriza Sustentable ente o sur da provincia de Pontevedra e o norte de Portugal ou a acción de Tesouros Humanos Vivos, un traballo de recuperación da memoria histórica galego portuguesa e posta en valor deste importante patrimonio inmaterial a través de actividades en escolas, realización dun documental, edición dun libro e creación dunha base de datos pública con toda a información recompilada.