Abrimos un espazo virtual de participación para toda a cidadanía transfronteiriza!

image_pdfimage_print

Instamos a participar para achegar opinións, necesidades ou suxestións sobre o futuro e o desenvolvemento do territorio da raia

As persoas interesadas en participar poderán facelo a través da web

O proceso participativo da ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’ pretende chegar a toda a cidadanía do territorio da raia e coñecer cales son as súas opinións sobre como tirar rendemento de forma conxunta das potencialidades naturais e económicas que existen en ámbalas dúas marxes. Para iso vén de poñerse en marcha unha enquisa virtual a través da páxina web do proxecto europeo Smart Minho -impulsado pola Deputación de Pontevedra e,  CIM Alto Minho e a Fundación CEER-.

A través desta enquisa todas aquelas persoas vencelladas dalgún xeito ao territorio do Río Miño Transfronteirizo poderán plasmar as súas opinións, necesidades e suxestións, reflectindo así cales son os elementos que consideran máis relevantes, a súa valoración sobre determinados servizos (actividades culturais, mobilidade, servizos de educación e saúde, entre outros), ou o seu parecer sobre aspectos concretos como, por exemplo, o desenvolvemento dunha marca específica para os produtos locais ou a creación dunha marca turística.

Coa información obtida, analizada e procesada, elaborarase un informe de participación no que esta enquisa será un fluxo de información moi relevante para proceder á incorporación dos diferentes resultados do proceso á versión definitiva da Estratexia final e o seu Plan de Acción. Toda a información do proceso participativo está dispoñible no seguinte enlace:  http://smartminho.eu/participa/.

Esta enquisa a través da web do proxecto permitirá completar outros mecanismos de participación como son as mesas sectoriais que arrancaron o pasado 24 de setembro e que están decorrendo cun gran éxito de participación. Segundo explica o presidente da AECT Rio Minho, Uxío Benítez, é moi importante contar coa máxima participación co fin de que as futuras liñas de actuacións sexan consensuadas entre todas as partes implicadas tanto de xeito directo como indirecto.

O nacionalista insiste, de feito, en que aquelas persoas que non poidan asistir ás mesas sectoriais se sumen igualmente ao proceso de participación cidadá aportando as súas achegas e suxestións a través da páxina web, no ‘Espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá’ habilitado con esa finalidade e que estará aberto até finais de outubro deste ano. “Todas as aportacións, por pequenas que sexan, suman información para poder potenciar un territorio tan rico como o do Miño na boa dirección”, finalizou.

A ‘Estratexia de Cooperación Intelixente’ do rio Minho Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.