1

O AECT RIO Miño lanza o documental ‘Confinados no río Miño’ para visibilizar o problema do peche da fronteira con Portugal durante a pandemia

Persoas traballadoras, autónomas, empresas, veciñas e veciños do territorio do Río Miño están a sufrir un doble impacto nas súas vidas: o da COVID e o do peche da fronteira con Portugal. Detrás das perdas económicas, dos rodeos de centos de quilómetros para ir traballar, e dos gastos en combustible e de tempo hai historias persoais que son exemplo do que acontece a máis de 6.000 afectados e afectadas e o AECT Río Miño quere darlles voz, polo que vai lanzar un documental, ‘Confinados no Río Miño’, que se estreará nas vindeiras semanas e do que xa está a circular un tráiler nas Redes Sociais da Deputación e do Smart Minho.

Esta iniciativa, segundo explica o vicedirector Uxío Benítez, pretende visibilizar e poñer cara e nome e apelidos ás diferentes casuísticas por só haber un paso aberto na raia 24 horas. “Detrás disto hai persoas, seres humanos, hai vidas, hai realidades vitais que deben ser coñecidas, e que exemplifican o desafortunada que foi a decisión de fechar as fronteiras”, inisiste Benítez, explicando que a intención é chegar coa peza audiovisual ao maior número de xente e ás autoridades galegas, estatais e tamén da Comisión Europea –polo que ademáis de utilizar o galego e portugués tamén se subtitulará en inglés-.

As redes sociais da Deputación e do Smart Minho están xa a difundir o ‘trailer’ de Confinados no río Miño previo á presentación oficial

O documental ‘Confinados no Río Miño’, producido polo AECT foi elaborado polo director, realizador, guionista e actor Suso Pando. Ten unha duración de arredor dunha hora e, con imaxes do territorio transfronteirizo, recolle testemuñas directas de persoas que viviron o impacto do peche da fronteira no primeiro confinamento. Tunha visión económica e institucional de como se reivindicou a apertura dos pasos, insistindo en que o do Miño é un territorio moi dinámico económicamente, cunha interdependencia moi grande entre ambas beiras do río, e cunha fronteira que supón o 5% do total de quilómetros entre España e Portugal pero que asume o 50% do tráfico de vehículos.

Noelia Salgueiro, veciña de Valença e traballadora en Tui,  é Unha das persoas nas que se exemplifica a situación e explica que durante o primeiro confinamento e peche de fronteira tivo que marchar da súa residencia habitual, volver á parte española co seu fillo máis pequeño, e instalarse na casa de seus pais durante mes e medio porque por problemas administrativos non lle permitían pasar o control fronteirizo. “Españois e portugueses estamos todos mezclados, involucrados. Non saben as autoridades como se vive nesta zona”, criticou.

Confinados no río Miño recolle testemuñas de persoas afectadas obrigadas a dar rodeos de centros de quilómetros ou que non podían ver á familia

Outro dos casos narrados é o o da peiteadora Cecilia Puga, que vive en Arbo e ten o seu salón en Melgaço, ata onde diariamente percorre apenas 8 quilómetros que se converteron en centos ao ter que pasar polo paso de Tui obrigatoriamente durante o ‘encerramento’. “Só pido que me deixen traballar. Que os traballadores poidan pasar polos pasos habituais. Que poñan medios, porque se eu soubera isto nunca tería montado o meu negocio do outro lado”, explica.

Finalmente, Andreia Costa, veciña de Ponte de Lima e traballadora en Tomiño, expón que a interdependencia de ambas ribeiras é moi grande e que “o tecido económico que existe nestas vilas da raia queda destruido” co peche da fronteira.

O documental será presentado oficialmente de maneira presencial no territorio do Miño en canto se alivien as restricións da pandemia e os peches fronteirizos. Mentres tanto, nas redes sociais tanto da Deputación como do Smart Minho estase a difundir un ‘tráiler’ reivindicativo.

Rexistro

A posta no foco das persoas afectadas polo peche de fronteira é un dos obxectivos do AECT Rio Minho dende todos os ámbitos. Nestes momentos está activo un rexistro de persoas afectadas co fin de cuantificar as perdas das para reclamar indemnizacións.

No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos, o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio), o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada. Tamén se solicitan datos sobre os perxuízos padecidos: percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, aumento do custo do desprazamento, redución de clientes da outra marxe ou impedimento de atravesar a fronteira.