IMPACTO DO COVID-19 SOBRE O TERRITORIO DO RÍO MIÑO TRANSFRONTEIRIZO
DECLARACIÓN CONXUNTA
Os presidentes das câmaras municipais de Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença, Vila Nova de Cerveira e Caminha, pertencentes á Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (Portugal); e os alcaldes e alcaldesas dos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra e As Neves, pertencentes á provincia de Pontevedra, Comunidade Autónoma de Galicia (España), reunidos onte día 28 de abril, convocados polo Agrupamento de Cooperación Territorial do Río Miño Transfronteirizo (AECT RIO MINHO), para analizar o impacto socioeconómico que en ambas as beiras do Río Miño están a producir a pandemia do COVID-19, as declaracións do estado de alarma en España e o estado de emerxencia en Portugal, así como o peche da fronteira,
MANIFESTAN QUE:
1º.- A crise provocada polo coronavirus COVID-19 desde o pasado mes de marzo, ten un considerable impacto sobre toda a sociedade. A proclamación do estado de alarma en España polo Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, e a proclamación do estado deemerxencia en Portugal polo Decreto do Presidente da República 14-A/2020 do 18 de marzo, afectan á cidadanía de cada beira do Río Miño transfronteirizo.
2º.- Por outra banda, a anulación temporal da supresión da fronteira, xusto cando se estaba a producir o 25 aniversario do Tratado de Schengen (26 de marzo de 2020), e a eliminación do tránsito en lugares de paso, supuxo unha limitación adicional para os e as habitantes deste territorio fronte ás da cidadanía que non vive realidades de contacto entre Estados da Unión Europea.
3º.- Nunha etapa na que se están a construír eurocidades, organismos compartidos, e sobre todo na que a vida cotiá das persoas, das familias e das empresas, se desenvolve indistintamente entre as dúas beiras do río, as limitacións poden, e de feito teñen, un impacto diferente neste territorio.
4º.- Tendo en conta que a fronteira do río Miño é a máis poboada entre España e Portugal, na que se produce a metade da mobilidade de vehículos entre ambos os Estados (o 44% dos vehículos durante o peche de fronteiras pasaron pola ponte Tui-Valença), e que está inserida no epicentro da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.
5º.- Tendo en conta que, desde o punto de vista sanitario, o restablecemento da fronteira non ten efectos relevantes sobre a saúde no territorio, posto que os municipios de ambos países pertencentes ao Río Miño Transfronteirizo teñen un impacto do COVID-19 máis reducido que noutros territorios próximos.
6º.- Confirmando que as comunicacións continúan sendo fluídas entre os representantes municipais de ambas as beiras do río e que o traballo municipal de integración destes anos está resultando unha garantía de resolución de circunstancias persoais, familiares e empresariais.
Queremos facer chegar ás autoridades dos Estados portugués e español as seguintes consideracións:
1º.- Consideramos necesario abrirde xeito inmediato novos pasos fronteirizos, cando menos para o tránsito das persoas traballadoras transfronteirizas, de xeito que non se penalice en tempo e diñeiro a súa mobilidade á hora de acudir ao seu posto de traballo.
2º.- Solicitamos, no caso de que se prolongue o control de fronteiras, que se valore a posibilidade de facilitar o paso de residentes entre concellos fronteirizos, nos mesmos termos de réxime xurídico e control da saúde pública que teñen no outro Estado.
3º.- Solicitamos aos Estados o restablecemento progresivo da libre circulación entre países cando rematen os estados dealarma español e portugués, condicionada ás limitacións de control da saúde pública.
4º.- Solicitamos aos estados que no proceso de desescalada haxa coordinación e equilibrio no levantamento das restricións entre ambos os países evitando partir en dous as eurocidades existentes e os territorios transfronteirizos en xeral.
5º.- Consideramos de utilidade a avaliación de danos económicos nos sectores máis afectados, tanto polos estados de alarma e emerxencia, como polo restablecemento temporal da fronteira, promovendo propostas de axuda e estudos de viabilidade, así como a elaboración de políticas de apoio con participación dos axentes locais e dos actores socioeconómicos do territorio.
6º.- A quebra da actividade produtiva e comercializadora do sector primario, e singularmente da pesca de lamprea e da pesca marítima, deben constituír unha oportunidade para aplicar políticas de conservación e rexeneración dos recursos, que teñan efectos favorables na natureza e na xestión do recurso natural no futuro. Neste sentido, é importante pactar entre Estados unha dinámica única e coordinada, de conservación e de explotación, en termos de xustiza e de eficacia das políticas sobre o río e os recursos naturais comúns.
7º.- Solicitamos que se habiliten fondos suficientes da Unión Europea e dos Estados para paliar o dobre impacto producido pola pandemia nos territorios transfronteirizos, dado que estes supoñen o 40% do territorio da Unión e agrupan o 30% do total da súa poboación, e serán con certeza relevantes na recuperación económica pos-pandemia da Unión Europea.
8º.- O AECT Rio Minho, como axente institucional e xurídico compartido, e polo seu coñecemento sobre a realidade do terreo, é tamén o mellor instrumento para propoñer medidas conxuntas que non produzan desequilibrios entre ambas as beiras do río Miño, dado que as propostas que non sexan simétricas e coordinadas entre ambos os Estados, poden provocar problemas de aplicación práctica.
Territorio transfronteirizo galego-portugués do río Miño
28 de abril de 2019