Damos a benvida á Eurocidade Cerveira-Tomiño!

Dende o Smart Miño queremos dar á benvida á Eurocidade Cerveira-Tomiño, que este xoves 4 de outubro se constituíu de forma oficial, dando un paso máis na súa historia de cooperación e irmandamento.

Hai catro anos creouse a Axenda Estratéxica de Cooperación Amizade Cerveira-Tomiño, cunha programación anual conxunta de actividades culturais e deportivas, con participación da cidadanía, dentro do denominado “Orzamento Participativo Transfronteirizo” (OPT). Todo ese traballo conxunto derivou na aprobación da constitución da Eurocidade Cerveira-Tomiño, coa que ambos os dous concellos buscan seguir avanzando na cooperación e na xestión compartida de equipamentos e servizos públicos.

O acto oficial tivo lugar hoxe no medio da Ponte Internacional da Amizade, coa presenza dos dous rexedores locais, Fernando Nogueira e Sandra González; da xefa territorial en Pontevedra da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Marta Mariño, e da vicepresidenta da Comissao de Coordinaçao e Desenvolvemento Regional do Norte (CCDR-N), Ester Silva. Tamén asistiron representantes da Armada Española e da Marina Portuguesa; da Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal, valedoras transfronteirizas, concelleiros, concelleiras e o deputado provincial Uxío Benítez.