1

Comeza a nova fase de participación da ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’ coa celebración de 5 mesas sectoriais

Os cidadás interesados en participar nos encontros poderán inscribirse a través da web www.smartminho.eu/participa


Tamén terán lugar xuntanzas entre os equipos de goberno de ambas marxes do río Miño e realizarase unha enquisa online
 

 

Tras a realización do I Fórum do Río Miño Transfronteirizo, celebrado o pasado 21 de xuño en Valença, ábrese agora un proceso participativo para dar continuidade á elaboración da ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’. Este documento definirá as liñas de actuación da próxima década no referido á cooperación entre Galiza e Portugal no territorio do Miño, e quere buscar un consenso de todas as administracións para un programa de investimento territorial integrado, segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez.

Ao longo de setembro e outubro celebraranse un total de 5 mesas sectoriais sobre os ‘Sectores produtivos’; ‘Gobernanza no territorio transfronteirizo’; ‘Mobilidade, servizos e o turismo sustentable’; e ‘Cultura e o comercio tradicional’, abertas todas elas á participación dos axentes sociais interesados. Tamén, e paralelamente, terán lugar varias xuntanzas cos equipos de goberno dos concellos de ambas marxes do río.

En concreto, a mesa sobre ‘Gobernanza no territorio transfronteirizo’ terá lugar o 24 de setembro en Tui;  as cuestións relacionadas con ‘Cultura e comercio tradicional’ abordaránse o 27 de setembro en Valença; o 3 de outubro, en Valença, tratarase os temas de ‘Mobilidade, os servizos e os turismo sustentable’, e a mesa sobre ‘Sectores produtivos’ celebrarase en Tui o 8 de outubro. Os encontros serán en horario de tarde, para facilitar a participación cidadá, e as inscricións poderán realizarse a través da web de Smart Minho, na pestaña de participa: www.smartminho.eu/participa, onde tamén estará a información ampliada sobre cada un dos encontros.

Detrás da denominación Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo, `Estratexia 2030`, atopamos un programa de actuación conxunta dos actores públicos e privados do territorio do río Miño na área do norte de Portugal e sur da provincia de Pontevedra. Este traballo de análise profunda do espazo transfronteirizo ten como horizonte futuro o novo marco financeiro europeo 2023-2027 e rematará a finais de ano coa celebración do II Fórum do Río Miño Transfronteirizo.

`A Estratexia 2030´ desenvolve un plan de acción e implementa un proceso capaz de involucrar aos actores públicos e privados (axentes económicos e sociais presentes no territorio) e será un documento-guía da orientación das políticas públicas de desenvolvemento da área transfronteiriza do río Miño, orientado e integrado nunha perspectiva de valoración e uso económico e sustentable dos recursos do río internacional.

A encargada de impulsar a Estratexia é Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT-Río Miño),  constituída pola Deputación de Pontevedra no territorio do Miño pontevedrés, e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho portugués (CIM Alto Minho).

A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio Minho Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.