Clementina Ozores

 

O Goianés

 

Clementina ten unha mirada tranquila. É difícil adiviñar que naceu no 1929, en Goián, Tomiño. É complicado, case imposible, augurar o seu percorrido vital e as historias que con orgullo relata cando se lle pregunta. Clementina naceu no seo dunha familia de comerciantes con negocios na vila e cun pai emigrado no Brasil. Foi unha das primeiras mulleres da parroquia que acudiu a estudar a Compostela, licenciándose en Filosofía e Letras. Foi tamén a primeira muller en por pantalóns na aldea, allea ela á incomprensión e ás críticas da veciñanza.

 

Facendo fronte aos prexuízos patriarcais daqueles tempos, e desexosa de estudar inglés, Clementina decidiu deixar o seu posto de profesora en Galiza e marchar a Inglaterra. Alí, lonxe da casa e do seu mundo, durante as mañás traballaba de au pair mentres dedicaba as tardes ao estudo e a seguir aprendendo. Naqueles anos fixo tamén un curso de radiografía grazas ao que acabou traballando como técnica nun hospital en Oxford. Tempo despois, Clementina decidiu volver a Galiza e dedicarse a ensinar en varios institutos da provincia de Pontevedra.

 

Clementina sempre foi unha muller adiantada aos seus tempos, unha pioneira en moitos sentidos, capaz de abrirlle as portas ás novas xeracións de mulleres en moitos sensos. Pero Clementina agocha ademais un valioso tesouro, ela é unha das poucas persoas vivas que conservan o goianés.