1

A AECT Río Miño constitúe a súa asemblea xeral e comeza a traballar no seu plan de actividades para o 2018

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, constituíu hoxe a súa asemblea xeral, nun acto celebrado na sé da agrupación en Valença e presidido pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o presidente da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, José María Costa; e o novo director da Agrupación, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez.

A celebración comezou coa toma de posesión dos integrantes da mesa, composta por vinte alcaldes e alcaldesas de Galiza e Portugal. En representación da franxa galega foron nomeados como delegados os rexedores e rexedoras dos concello de Arbo, As Neves, Salvaterra do Miño, Tui, Salceda de Caselas, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Ponteareas e O Porriño. No referente ao territorio portugués, tomaron posesión os dez concellos que forman parte da CIM Alto Minho: Arcos de Valdevez, Monçao, Melgaço, Valença, Vilanova da Cerveira, Paredes de Coura, Ponte de Lima, Ponte da Barca e Viana do Castelo. Como presidente da mesa da asemblea resultou elixido o alcalde de Viana do Castelo e presidente do CIM Alto Minho, José María Costa, e pola súa parte, Marcos Besada, alcalde de Salceda de Caselas, foi designado como secretario, cargo que ambos ostentarán durante os próximos dous anos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou na constitución da asemblea da AECT Río Miño que “o mundo e os territorios soamente se cambian con xente que ten a forza e convicción de crer que se pode facer. Esta AECT nace porque hai moitas alcaldesas e alcaldes, moitas presidentas e presidentes de Cámaras Municipais, que cren nas potencialidades do seu territorio, que saben cales son as súas necesidades, e están dispostas e dispostos a construílo”.

Neste contexto, Silva amosou a súa satisfacción porque as persoas integrantes da Agrupación “vimos do mundo local e sabemos que neste mundo global o local xoga un papel fundamental para o desenvolvemento do territorio, pero tamén dos dereitos que a cidadanía debe ter e os servizos que se precisan para dar resposta ás súas demandas”. Para acadar estes obxectivos, a presidenta provincial destacou a necesidade de que o local ocupe maior espazo e xogue un papel na xestión e definición dos fondos europeos. “Ata o de agora as decisións están moi centralizadas nos estados e o local xoga moi pouco papel cando, sen embargo, somos nós quen damos resposta ás políticas de proximidade e de desenvolvemento do futuro”, asegurou a presidenta da Deputación.

Sobre a AECT Carmela Silva destacou o importante papel que desenvolve para “conseguir que se escoite ao mundo local tanto en Portugal como en España e para promover de xeito intelixente o territorio”. Neste eido, a presidenta provincial avanzou que neste mesmo mes de xuño a FEMP vai organizar en Pontevedra unha reunión do Norte de Portugal e Galicia para reflexionar sobre os novos retos do mundo local e a necesidade dun maior protagonismo para o municipalismo.

Plan de actividades 2018

O director da AECT Río Miño e deputado de Cooperación Tranfronteiriza, Uxío Benítez, explicou que a constitución da asemblea da agrupación foi “o último paso na formalización do esquema da AECT, e que partir deste momento comeza o traballo de desenvolvemento do plan de actividades para o 2018”.

Uxío Benítez sinalou que “este será un ano de transición dalgunhas das responsabilidades de xestión e seguimento de proxectos e expedientes ata agora asumidos pola xa desaparecida Uniminho”. Así mesmo, o deputado provincial adiantou que “entre as actuacións máis relevantes que afrontará a AECT nos próximos meses estará a consolidación institucional da agrupación na rexión, a promoción da coordinación dos proxectos transfronteirizos Smart Minho e Visit Rio Minho ou a promoción e a participación en novas candidaturas con financiamento europeo”.

A AECT Río Miño nace co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e reforzar a cohesión económica e social do seu territorio. Ten como atribucións articular o espazo común, promover as relacións de cooperación territorial, aumentar a cohesión institucional do territorio de ambas marxes do rio Miño, promover o seu patrimonio cultural e natural, valorizar as potencialidades dos recursos endóxenos e consolidar unha marca turística común para os dous países.

Os dous socios principais da AECT son a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, que aglutinan 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e outros dez do norte de Portugal, abranguendo máis de tres mil quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes.

A creación da AECT Rio Minho foi impulsada polas accións de Estratexia de Cooperación Intelixente Transfronteiriza do proxecto Smart Minho, que conta cunha inversión de orzamento de 942.022,47 euros, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Foto de Familia da Asemblea ACET Río Miño




Día histórico para os concellos transfronteirizos de Pontevedra e do norte de Portugal co nacemento da nova AECT Rio Minho

O territorio transfronteirizo formado polos 16 concellos do sur de Pontevedra e 10 cámaras do norte de Portugal dispón desde este sábado 24 de febreiro dunha nova ferramenta xurídica para optar e xestionar fondos europeos: a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Minho. A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o presidente da CIM Alto Minho José María Costa asinaron ante notario o convenio de colaboración e os estatutos da nova entidade pública nun acto no que estiveron presentes o secretario xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Presidencia do Goberno do Estado, Juan Ignacio Romero; o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo; a vicepresidenta da CCDR-N Ester Gomes e o deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación, Uxío Benítez, como impulsor da nova agrupación.

Todos os presentes na cerimonia pública de constitución da AECT coincidiron en sinalar que era un día “histórico” para o territorio da fronteira do Miño, xa que a agrupación permitirá desenvolver socioeconomicamente a zona e mellorar as condicións de vida da súa cidadanía. A presidenta Carmela Silva salientou que a creación da nova agrupación de cooperación europea é un instrumento para “dar resposta aos retos do século XXI que obrigan a rachar coas fronteiras e a unir persoas e os seus intereses políticos, sociais, económicos e de desenvolvemento”. Silva destacou que o espazo que abrangue a AECT é “extraordinario” e que agora toca convertelo “nun espazo do que a xente estea orgullosa facendo que sexa un espazo de referencia”.

Día histórico para os concellos transfronteirizos de Pontevedra e do norte de Portugal co nacemento da nova AECT Rio Minho

Día histórico para os concellos transfronteirizos de Pontevedra e do norte de Portugal co nacemento da nova AECT Rio Minho

Pola súa parte, o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez insistiu en que foi un día especial “para os que levamos o río Miño no corazón, porque ten que volver a ser o centro do que nos une”. Destacou que o territorio da fronteira “ten que acreditar en si mesmo porque é o centro dunha área cunha forte dinamización económica”, lembrando que está no medio do eixo Vigo-Porto (con 3,5 millóns de habitantes) e reúne o 47 % dos fluxos de vehículos lixeiros entre España e Portugal.

O impulsor da AECT destacou que 350 anos despois do tratado de Lisboa (de 1668) que finalizou coa guerra entre España e Portugal marcando a paz e as fronteiras “nace un instrumento para derrubalas, un instrumento xurídico estable que impulsará o desenvolvemento do territorio e estará ao servizo da cooperación urbana, dará poder de decisión aos territorios e permitirá acceso aos fondos europeos”, indicou, lembrando que en breve se abrirá unha nova convocatoria do POCTEP.

Por último, Benítez quixo lembrar que un dos obxectivos principais da AECT será crear unha marca transfronteiriza para o río Miño que sexa máis competitiva e teña recoñecemento internacional. “Nun mundo global non podemos xestionar o turismo dende un só concello”, afirmou.

Apoio da Xunta de Galicia

Pola súa banda, o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, quixo transmitir ás persoas asistentes ao acto de constitución da AECT “o compromiso da Xunta e do presidente Feijóo” e o seu agradecemento pola constitución da nova agrupación, “xa que para nós é moi importante aumentar as estruturas que fagan na práctica a cooperación transfronteiriza”.

Gamallo salientou que a Xunta ten “un plan” de cooperación baseado en tres eixos. O primeiro, as infraestruturas, apostando polo corredor Atlántico e o tren Vigo-Porto, do que dixo, “agardamos que en 2019 poidamos unir ambas cidades en hora e media” para estruturar o territorio e potenciar os usos turísticos. O director xeral tamén destacou “a aposta pola innovación e o traballo pola demografía e o envellecemento activo co apoio dos fondos europeos”.

Finalmente, o secretario xeral de Coordinación Territorial do Ministerio de Presidencia, Juan Ignacio Romero, lembrou que o seu departamento foi o que autorizou a nova AECT e destacou o seu agradecemento por poder coñecer de primeira man desde o “Goberno de España” o traballo de cooperación que existe no territorio do Miño. “A nova AECT é un reto, posto que está nun ámbito territorial que, cos meus anos de experiencia en cooperación, nunca tiña visto tanto polo volume de poboación como pola transcendencia do territorio. Todos debemos traballar nesta mesma liña de cooperación, e por iso os meus mellores desexos aos fundadores”, finalizou.

Pola parte portuguesa, salientaron tamén os beneficios futuros da AECT o presidente da CIM Alto Minho, o presidente de Uniminho, e a vicepresidenta da CCDR-N, Ester Gomes, quen ao igual que Carmela Silva se parabenizou por que fose unha muller, tamén, a que pechase as intervencións dun día histórico para o territorio do Miño.

Asemblea e nomeamento de presidente

Unha vez que este sábado se asinou oficialmente o nacemento da Agrupación Europea do territorio do Miño coa sinatura do convenio e os seus estatutos polos seus dous principais socios (Deputación de Pontevedra e CIM Alto Minho) reunirase a asemblea xeral da AECT o próximo mes para elixir presidente.

Cando xa se coñeza o nome do máximo dirixente concretaranse as vindeiras accións e proxectos, así como o traballo a realizar para acadar novos fondos europeos, xa que a vindeira convocatoria do POCTEP está próxima.

Hai que lembrar que os dous socios principais da AECT son a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, entes baixo os que se reúnen 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e outros dez do norte de Portugal.

Para ver máis fotos premer aquí.

Vídeo do acto de constitución da AECT Río Miño




Deputación de Pontevedra e CIM Alto Minho asinan a ‘Declaración de Tui’ para potenciar o Miño como “o río que nos une”

A ‘Declaración de Tui’ deixou claro hoxe que o río Miño é un elemento de unión, un elemento central dun territorio con características, cultura e obxectivos comúns. O documento asinado no Parador de Tui é o xerme dunha nova asociación de cooperación entre os concellos pontevedreses e portugueses para potenciar o río Miño, unha nova ferramenta para unir o territorio transfronteirizo aproveitando as súas características e intereses compartidos. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o presidente da CIM Alto Minho, José María da Cunha Costa, así o manifestaron tras asinar o documento que confirma a súa vontade para traballar en conxunto e constituír un novo organismo de cooperación que actúe como foro permanente de debate no que estean representados todos os actores institucionais e sociais que integran a área transfronteiriza e que desenvolva proxectos conxuntos para acollerse a programas comunitarios no ámbito da Cooperación Territorial Europea.

A sinatura realizouse simbolicamente o 13 de febreiro, coincidindo co aniversario do Tratado de Lisboa de 1668 polo que se declarou a paz entre España e Portugal, que permitiu a independencia do estado luso fronte á coroa española. “O Miño é a fronteira de auga que separaba dous territorios que tiñan todo en común e que a falta de intelixencia separou. Hoxe, 348 anos despois da data histórica de separación, nós somos homes e mulleres que nos dedicamos a poñer en valor a intelixencia, que se demostra coa cooperación, a capacidade de entenderse e os proxectos comúns. Temos que poñer en marcha os nosos soños”, salientou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

A presidenta subliñou que a ‘Declaración de Tui’ permitirá o desenvolvemento dos concellos “a un e outro lado deste río de fermosura extraordinaria, coma unha arma pacífica que permita demostrar que hai que mirar para este territorio”. Tamén sinalou que “non se entendería” que os proxectos que se presentaron para obter fondos europeos non fosen aceptados.

O Miño, unha gran potencialidade

A sinatura da ‘Declaración de Tui’ para a creación dunha nova Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) simboliza o inicio do camiño dunha unión natural do territorio que debe ser recoñecida polas administracións. Nela o río aparece como “a nosa maior potencialidade” nunha área de influencia na que se moven uns tres millóns de persoas (entre Vigo e O Porto) e na que hai moitos sectores socioeconómicos que desenvolver.

A cooperación transfronteiriza é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións arraianas e a promoción do desenvolvemento económico, social e cultural dos concellos do Miño. En 2006 a Deputación de Pontevedra subscribiu coa Comunidade Intermunicipal do Vale do Minho un convenio de cooperación para a constitución de Unimiño-Asociación do Val do Miño Transfronteirizo, para promover a cooperación entre ambas as rexións nos ámbitos da cultura, o deporte, o lecer, o patrimonio, o turismo, o ambiente, os recursos naturais e a protección e o aproveitamento conxunto do río Miño. Debido a que a Unimiño rematou o seu cometido fundacional “é preciso continuar este labor empregando os novos instrumentos de cooperación previstos actualmente, aproveitando a experiencia e, ao mesmo tempo, lanzando unha nova estratexia de cooperación no marco da Estratexia 2020 da UE”.

Presentación da candidatura aos programas Interreg VA-POCTEP

Ademais da sinatura da ‘Declaración de Tui’ o acto no Parador de Tui serviu para presentar publicamente os proxectos presentados na candidatura do río Miño aos fondos comunitarios dos programas Interreg V A-POCTEP. Con esta candidatura galego-portuguesa presentada pola Unimiño preténdese conseguir un investimento de máis de 7,5 millóns de euros no territorio transfronteirizo co fin de consolidar a zona como destino turístico de calidade e atraer millóns de potenciais visitantes da área de influencia e do exterior.

O presidente de Uniminho e da Câmara municipal de Melgaço, Manuel Batista, foi o encargado de explicar os pormenores da candidatura no acto do Parador de Tui. Sinalou que se pretende crear a marca “Río Miño” a través de actividades transfronteirizas de preservación, cualificación e valorización ambiental cunha xestión e estratexia conxunta que permita involucrar a todos os sectores da zona.