1

A nova agrupación de cooperación transfronteiriza ‘Río Miño’ recibe a súa autorización definitiva

A nova Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Minho, que reúne á Deputación de Pontevedra e aos 16 concellos do Baixo Miño e Condado-Paradanta xunto coa CIM Alto Minho e dez câmaras do Norte de Portugal, acaba de obter a autorización que faltaba para o seu nacemento oficial. Este novo organismo servirá de ferramenta para a cohesión económica, social e territorial do contorno do Río Miño e, de xeito particular, para solicitar fondos europeos para proxectos conxuntos.

O deputado Uxío Benítez, impulsor da nova asociación, explicou que a CIM Alto Minho acaba de recibir o visto bo do Secretario de Estado do Desenvolvimento e Coesão da República Portuguesa para participar no proxecto, o que dá vía libre á súa constitución formal, xa que a autorización do Ministerio de Presidencia e para as Adminsitracións Territoriais pola parte española chegou á Deputación o pasado ano. A futuro, o paso que resta para formalizar a AECT de xeito definitiva será inminente, xa que no vindeiro mes de febreiro se celebrará a sinatura do acordo entre Deputación e CIM Alto Minho (os dous socios principais) e asinaranse os estatutos ante notario.

Segundo explicou Benítez, a aprobación da AECT por parte de Portugal supón un paso adiante agardado dende hai meses. Subliñou a súa satisfacción e asegurou que existe un interese real para poñer en marcha de xeito inmediato o novo organismo de cooperación galego-portugués logo de ter feito durante os últimos anos “un traballo de consenso que frutificará na AECT e que permitirá dinamizar todo o territorio do Miño e ‘borrar’ a fronteira”.

Os concellos de Pontevedra están a apostar dende hai tempo por aproveitar sinerxias comúns co Norte de Portugal, e a nova AECT Río Miño permitirá traballar de xeito conxunto con máis facilidade: será unha entidade con personalidade xurídica que permitirá optar e xestionar fondos europeos de xeito máis áxil que ata o de agora, promover e organizar accións de cooperación do territorio de forma directa, así como servir de foro estable sobre o río Miño, no que a día de hoxe están implicadas moitas administracións.

A nova AECT estará formada por unha asemblea e un órgano executivo. A dirección será un organismo unipersoal que ocuparán representantes de Pontevedra e Portugal rotatorio cada dous anos, ao igual que ocorrerá coa vicedirección. Tamén haberá un Consello Coordinador, formado por membros das dúas partes, que será o encargado da asesorar á dirección e da xestión do día a día. Finalmente, haberá un Consello Consultivo aberto no que se organizarán foros específicos nos que poderán participar expertos en diferentes materias segundo as necesidades, así como outros representantes do veciños e veciñas da zona.

Os dous socios principais da AECT serán a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho, entes baixo os que se reúnen 16 concellos pontevedreses (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e outros dez do Norte de Portugal. En total abránguense 3.312 quilómetros cadrados de territorio e 375.995 habitantes.




O grupo de traballo da AECT reúnese para supervisar a marcha de todos os proxectos do Miño transfronteirizo


O grupo de traballo da Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT) reuniuse este mércores na sede da CIM Alto Minho e futura sede da AECT en Valença para supervisar os proxectos que se están levando a cabo ao acubillo do Miño transfronteirizo e ter unha visión global da situación na que se atopan cada un destes proxectos, tanto o Smart Minho como o Visit Miño, ambos os dous promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Comunidade Intermunicipal do Alto Minho.

Nesta reunión de traballo estiveron presentes o secretario executivo intermunicipal da CIM Alto Minho, Júlio Pereira; o responsable de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez; os presidentes das cámaras municipais de Vila Nova de Cerveira e Melgaço, Fernando Nogueira e Manoel Batista Calçada, respectivamente; así como técnicos e asesores de ambos os dous organismos promotores dos proxectos.

Durante a reunión, Xabier Martínez Cobas, membro do equipo científico que elabora a axenda estratéxica, explicou a todos os presentes como está a desenvolverse a posta en marcha da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Minho Transfronteirizo.

Ademais de valorar a posta en marcha da estratexia e falar de prazos, durante a xuntanza este grupo de traballo estableceu principios de abril para o lanzamento do I Foro Transfronteirizo e falaron da segunda convocatoria INTERREG VA, que estará aberta a finais de febreiro.

Máis fotos premendo aquí.




A reunión entre Melgaço e Arbo pon fin á primeira rolda de xuntanzas do Smart Minho


A primeira rolda de xuntanzas de traballo entre municipios fronteirizos para abordar o proxecto Smart Minho dun xeito integral chega ao seu fin. E faino coa participación do presidente da cámara municipal de Melgaço, Manoel Batista Calçada, e o alcalde de Arbo, Horacio Gil, nunha xuntanza con representantes dos promotores da iniciativa, a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho.

A principios de decembro comezaban as primeiras reunións de traballo da Estratexia do Río Miño Transfronteirizo, cinco xuntanzas entre o equipo técnico redactor e os alcaldes dos distintos municipios galegos e portugueses integrantes do proxecto para discutir os aspectos máis sobranceiros da cooperación entre vilas limítrofes e as estratexias conxuntas que deben artellarse co fin de que a cooperación se converta nun motor de desenvolvemento do territorio do Miño fronteirizo.

Con esta primeira rolda rematada espérase poder realizar no primeiro trimestre do ano o I Foro Transfronteirizo do Río Miño, onde o equipo técnico formado por científicos de cinco das seis universidades da Eurorrexión (Vigo, Porto, Santiago de Compostela, Minho e A Coruña) coordenados pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) presentará a análise-diagnose sobre este territorio.

Será a primeira vez que o territorio galego e portugués separado e unido á vez polo Miño conte cun estudo en profundidade das súas fortalezas, debilidades e complementariedades con vistas ao deseño dun desenvolvemento estratéxico que permita por en valor os seus recursos comúns a través da cooperación transfronteiriza.

A Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo pretende ser o programa de actuación da cooperación transfronteiriza para as vindeiras décadas, orientada cara un novo marco financeiro europeo post 2020 impulsado pola Deputación de Pontevedra e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho a través da futura Agrupación de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, en vías de constitución.

Máis fotos premendo aquí.




Arranca a elaboración da Estratexia de Cooperación Intelixente para o Río Miño Transfronteirizo

A elaboración da Estratexia de Cooperación Intelixente para o Río Miño Transfronteirizo está xa en marcha. Este xoves finalizarán as primeiras xuntanzas de traballo entre a equipa técnica redactora e os alcaldes dos concellos galegos e portugueses do Miño que participan no programa europeo e, ademais, xa está previsto que no primeiro trimestre de 2018 se celebre o Primeiro Foro Transfronteirizo con científicos das seis universidades da Eurorrexión para presentar unha análise-diagnose sobre as necesidades e potencialidades do territorio.

As xuntanzas entre municipios veciños da ‘raia’ (Tomiño-Cerveira, Tui-Valença, As Neves-Salvaterra-Monçao, A Guarda-O Rosal-Caminha e Arbo-Crecente-Melgaço) comezaron a principios deste mes. Celebráronse cinco encontros aos que acudiron os máximos responsables municipais para discutir os aspectos máis sobranceiros da cooperación entre vilas limítrofes e as estratexias conxuntas que deben articularse co fin de que a cooperación se converta nun motor de desenvolvemento do territorio do Miño Transfronteirizo. Só queda un encontro por realizar, que será o deste xoves en Melgaço entre representantes desta cámara portuguesa e dos municipios de Arbo e Crecente.

Por outra banda, no primeiro trimestre do ano entrante realizarase o Primeiro Foro Transfronterizo do Río Miño, onde a equipa técnica, formada por científicos cinco das seis das universidades da Eurorexión (Vigo, Porto, Santiago de Compostela, Minho e A Coruña) coordenados polo Centro de Estudos Eurorexionais (CEER) presentará a análise-diagnóstico sobre o territorio do Miño Transfronterizo.

Unha vez se finalice a Estratexia de Cooperación Intelixente para o Miño será a primeira vez que este territorio conxunto galego e portugués conte cun estudo en profundidade das súas fortalezas, debilidades e complementariedades con vistas ao deseño de desenvolvemento estratéxico que permita poñer en valor os seus recursos comúns a través da cooperación transfronteiriza.

A Estratexia de Cooperación Intelixente pretende ser un programa de actuación para as vindeiras décadas orientada cara un novo marco financeiro europeo ‘post-2020’ impulsada pola Deputación de Pontevedra no territorio do Miño pontevedrés e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho portugués (CIM Alto Minho) a través da Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT) que está en proceso de constitución.

Ambas iniciativas, a creación da AECT e da Estratexia, foron acordadas pola Deputación e a CIM Alto o pasado na Declaración de Tui, onde se acordou un marco de colaboración permanente entre ambas entidades locais de Galiza e Portugal para a fronteira común definida polo Río Miño. As iniciativas de cooperación gozan dun 75% de financiamento dos fondos europeos do INTERREG V-A / POCTEP.

Que é a estratexia do Río Miño transfronteirizo?

A Estratexia do Río Miño Transfronteirizo pretende ser un documento de orientación das políticas públicas de financiamento da área transfronteiriza orientado e integrado nunha perspectiva de valoración e uso económico e sustentable dos recursos do río internacional. Trátase dun instrumento para apoiar a preparación de solicitudes candidatas a financiamento para rexións fronteirizas e identifica proxectos ‘áncora’ de desenvolvemento do territorio, desenvolve un plan de acción e implementa un proceso capaz de involucrar a actores públicos e privados (axentes económicos e sociais presentes no territorio).




A Guarda, O Rosal e Caminha reúnense para mellorar a eficiencia da cooperación transfronteiriza


Cuarta xuntanza de traballo entre concellos limítrofes para afondar na cooperación transfronteiriza e sentar as bases da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño-Smart Minho. Representantes dos promotores do proxecto, Deputación de Pontevedra e CIM Alto Minho, reuníronse cos alcaldes de A Guarda, Antonio Lomba; do Rosal, Jesús María Fernández Portela; e de Caminha, Miguel Alves, para presentarlles a Estratexia do Minho Transfronteirizo e discutir as vantaxes da cooperación entre vilas limítrofes de países distintos.

Esta estratexia será un documento de orientación das políticas públicas de financiamento desta área transfronteiriza artellada nunha perspectiva de valoración do uso económico e sustentable dos recursos. Ademais, servirá de rede de apoio á preparación de solicitudes candidatas a instrumentos de financiamento para rexións transfronteirizas, así como para identificar os proxectos áncora de desenvolvemento do territorio e poñelos en marcha.

A Estratexia de Cooperación Intelixente irá artellada a través da Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño, ambas iniciativas acordadas pola Deputación e o CIM Alto Minho na Declaración de Tui, onde se deseñaba un marco de colaboración permanente entre ambas entidades locais de Galicia e Portugal para a fronteira común definida polo río Miño. Contan cun orzamento financiado ao 75% polo INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

A derradeira reunión celebrarase o vindeiro 21 de decembro en Melgaço, onde ademais do presidente da cámara da vila, Manoel Batista Calçada, acudirán os alcaldes de Arbo, Horacio Gil, e de Crecente, Julio C. García-Luengo.

Máis fotos premendo aquí.




O Smart Minho reúne a Monçao, Salvaterra e As Neves para traballar en cooperación


Continúan as xuntanzas de traballo nesta primeira rolda de contactos entre concellos limítrofes transfronteirizos. Nesta ocasión, o presidente da cámara municipal de Monçao, António José Fernandes Barbosa, e os alcaldes de Salvaterra de Miño e As Neves, Arturo Grandal e Xosé Manuel Rodríguez, reuníronse con representantes da Deputación de Pontevedra e do CIM Alto Minho e co equipo técnico da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño para seguir buscando aqueles aspectos máis destacados de cooperación transfronteiriza, aspectos que estas vilas levan desenvolvendo dende hai anos.

O obxectivo é que a cooperación transfronteiriza se converta nun motor de desenvolvemento para os concellos de ambos os dous lados do río Miño. Para acadalo, o Smart Minho servirá para crear unha estrutura que permita profundar a nivel organizacional e de eficiencia no profeso de cooperación transfronteiriza a través de experiencias conxuntas de xestión de servizos, consolidándose nunha estrutura formal e oficial preparada para traballar nos novos paradigmas de cooperación.

O primeiro paso será facer unha análise-diagnose da situación do territorio e crear a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño,  que incluirá 16 concellos galegos (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e dez cámaras do Norte de Portugal (Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira, Arcos de Valdevez, Caminha, Ponte da Barca, Ponte de Lima, e Viana do Castelo).

Máis fotos da reunión premendo aquí.




Valença e Tui reúnense para revisar os aspectos máis sobranceiros da cooperación entre as dúas beiras do Miño

Segunda xuntanza entre municipios transfronteirizos limítrofes para seguir traballando nas bases da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo-Smart Minho. O presidente da cámara de Valença, Jorque Salgueiro Mendes, e o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, reuníronse na vila portuguesa con representantes do equipo redactor do proxecto e das entidades promotoras, Deputación de Pontevedra e CIM Alto Minho.

Tratouse dunha xuntanza técnica para revisar os aspectos máis sobranceiros da cooperación entre estas vilas limítrofes e as estratexias conxuntas que deben de artellarse para que a cooperación se converta nun motor de desenvolvemento do territorio nas dúas beiras do Miño transfronteirizo.

O Smart Minho ten como obxectivo principal mellorar a eficiencia da cooperación institucional na área transfronteiriza do río Miño a través da planificación estratéxica do territorio común, que parta das experiencias de cooperación locais e a realización de pilotos de xestión conxunta de equipamentos, actividades culturais e de transporte, que favorezan a mobilidade na fronteira.

Conta cun orzamento de máis de 942.000 euros, cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Máis fotos premendo aquí.




Vila Nova de Cerveira e Tomiño, primeiros concellos en coñecer os detalles do proxecto Smart Minho

Arranca a rolda de reunións para presentar a Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo-Smart Minho aos concellos implicados. Representantes da Deputación de Pontevedra e da Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (CIM Alto Minho) reuníronse esta tarde coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e co presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, na que é a primeira xuntanza técnica de traballo para discutir os aspectos máis sobranceiros da cooperación entre vilas limítrofes e as estratexias conxuntas que deben de artellarse para que a cooperación se converta nun motor de desenvolvemento do territorio.

O obxectivo do Smart Minho é facer un estudo en profundidade do territorio que engloba ao sur da provincia de Pontevedra e ao norte de Portugal, descubrindo as súas fortalezas, debilidades e complementariedades con vistas a deseñar un desenvolvemento estratéxico conxunto que permita poñer en valor os seus recursos comúns a través da cooperación transfronteiriza.

A Estratexia de Cooperación Intelixente pretende ser un programa de actuación para as vindeiras décadas de cara a un novo marco financeiro, un instrumento para apoiar a preparación de solicitudes candidatas a financiamentos para rexións fronteirizas e identificar os proxectos áncora de desenvolvemento do territorio.

Toda esta estrutura será artellada e xestionada a través da Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT), que está en pleno proceso de constitución.

Máis fotos premendo aquí.




Pistoletazo de saída para executar os proxectos financiados con fondos europeos no territorio do Miño


Os proxectos Smart Miño, que pretende crear un instrumento de cooperación estable para os concellos da fronteira da provincia de Pontevedra e o norte de Portugal, e Visit Río Miño para potenciar o turismo no territorio transfronteirizo do Miño, veñen de recibir o seu “pistoletazo de saída”. A Deputación de Pontevedra xa aceptou oficialmente en pleno a subvención de tres millóns de euros para as dúas iniciativas, que están cofinanciadas polos fondos europeos do FEDER (ao 75%) dentro da primeira convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 INTERREG VA.

Este avance, que dará paso ao traballo de campo e á realización de actuacións concretas, foi anunciado nun acto celebrado en Tui coa participación da Deputación de Pontevedra, da CIM Alto Minho, representantes do CETMAR e dos concellos e das cámaras beneficiarios, entre outras autoridades.

O proxecto Smart Minho é unha proposta inmaterial que ten un orzamento total de 942.022,47 euros, o 75% procedente de fondos FEDER, e pretende unha cooperación intelixente entre ambas as dúas partes do Miño. Ao abeiro desta iniciativa deberase propoñer unha estratexia de actuación para o territorio que rodea o río, crear a nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) como ferramenta xurídica institucional para actuar, e demostrar a viabilidade do traballo en conxunto entre concellos pontevedreses e cámaras portuguesas a través de actuacións concretas de xeito ‘piloto’ no ámbito da cultura e da mobilidade, con proxectos sobre o patrimonio inmaterial en colaboración de Ponte nas Ondas, festivais de música transfronteirizos, foros culturais e a posta en funcionamento da liña compartida de transporte público entre o eixo Vigo-Tui-Valença, entre outros.

As institucións españolas e lusas coincidiron en esixir que os fondos europeos do POCTEP se destinen realmente ás zonas de fronteira e que é fundamental que na próxima estratexia do fondos europeos estea contemplado o desenvolvemento de territorios e poboacións de menos de 20.000 habitantes, sobre todo no territorio do Miño.




Preto de 3 millóns de euros para o territorio transfronteirizo do Miño


 

O territorio transfronteirizo do Miño beneficiarase dun investimento de preto de 3 millóns de euros grazas á concesión dos fondos europeos do programa Interreg VA-POCTEP anunciada hoxe. O deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez cualificou de histórica a aprobación dos proxectos presentados pola Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho e subliñou que a contía dos fondos aprobados “é a máis alta destinada desde a UE a un proxecto común e global para a mellora e desenvolvemento da fronteira do Miño” desde a construción das diferentes pontes entre o sur de Pontevedra e o norte de Portugal.

En total investiranse 942.022,47 euros no programa ‘Smart Minho’ e dous millóns de euros dentro no programa ‘Visit Rio Minho’ (dos que a UE aporta o 75 %) que beneficiarán a todos e cada un dos concellos da raia (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente, xunto coas câmaras portuguesas) e se destinarán ao deseño estratéxico do territorio, con intervencións inmateriais e culturais para poñelo en valor e fomentar o turismo. Así mesmo, relanzarase o Plan de transportes transfronteirizo que leva tempo en proxecto. Todas as actuacións, segundo asegurou Benítez, serán xestionadas pola nova Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño que está a piques de ser aprobada de xeito definitivo.

A concesión destes fondos europeos supón un grande paso adiante para o desenvolvemento do territorio do Miño. É a primeira vez que a Deputación de Pontevedra, a través da nova área de Cooperación Transfronteiriza, se implica con éxito ao solicitar fondos europeos nunha candidatura de estratexia común que propón un concepto global do Miño transfronteirizo. É preciso destacar que na península ibérica só foron admitidas 130 candidaturas escollidas entre centos de programas presentados relacionadas coas fronteiras e, en dúas delas, a Deputación de Pontevedra e o territorio do Miño son protagonistas.

Logo da confirmación da concesión dos fondos que chegou hoxe é preciso realizar a sinatura dos convenios co POCTEP, actualizar os proxectos adaptándoos ao territorio de xeito definitivo, e presentar as intervencións finais. A intención é desenvolver os primeiros estudos, proxectos e actuacións no que queda de ano.




Converter a AECT Río Miño nunha ferramenta de desenvolvemento, obxectivo da xornada internacional sobre Cooperación Transfronteiriza

 

A Deputación de Pontevedra reúne durante o día de hoxe en Tomiño aos máximos especialistas en Cooperación Transfronteiriza de toda Europa. A xornada, denominada ‘A nova AECT Río Miño dende unha visión comparada: a raia e Europa’, contou na sesión de apertura coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva, do deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, do secretario territorial da Xunta, Ramón Pereiro, do director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal, Rubén C. Lois, do presidente da Cámara de Vilanova da Cerveira e representante do CIM Alto Minho, Joao Fernando Brito Nogueira, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Nas intervencións de apertura, tanto a presidenta da Deputación como o representante do CIM e a alcaldesa de Tomiño coincidiron nunha reivindicación unánime, ao insistir en reclamar que “os fondos europeos destinados a cooperación transfronteiriza sexan destinados realmente á fronteira”.

O obxectivo deste encontro, segundo indicou o deputado Uxío Benítez, “é o de coñecer experiencias exitosas no eido da cooperación entre territorios a nivel peninsular e europeo, para extraer conclusións e poñelas en práctica na AECT Río Miño”.

O vindeiro 5 de maio o concello de Tui acollerá unha segunda xornada, cuxo tema central será a Mobilidade Transfronteiriza. A día de hoxe a Deputación de Pontevedra e a CIM Alto Minho están á espera da aprobación oficial para a nova AECT do Miño, que busca reforzar as sinerxías existentes entre ambas as beiras do río. Neste sentido, a presidenta do ente provincial, Carmela Silva, salientou que esta Agrupación “deber ser unha ferramenta útil, de desenvolvemento para a veciñanza do territorio da AECT, que cree espazos de oportunidades, que aposten pola creación de emprego, polas infraestruturas e polo medio ambiente”.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, sinalou que “en Tomiño ao igual que no resto da raia do Miño levamos moito tempo facendo cooperación, mesmo de xeito intuitivo”. Lembrou, ademais, que Tomiño e Vilanova da Cerveira plasmaron formalmente esta cooperación fai dous anos na Carta de Cooperación Transfronteiriza. Sandra González afirmou que “agora é o momento de dar máis pasos, e esta AECT é o instrumento que nos permitirá avanzar e chegar aos lugares nos que se toman as decisións con voz propia”.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, que está en proceso de constitución, inclúe 16 concellos galegos (A Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo) e dez cámaras do Norte de Portugal (Melgaço, Monçao, Paredes de Coura, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira, Arcos de Valdevez, Caminha, Ponte da Barca, Ponte de Lima e Viana do Castelo).