1

Constitúese o Consello Coordinador do AECT Río Minho

O alcalde de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, é o novo director do Agrupamento Europeo de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Rio Minho. O acto oficial de constitución do Consello Coordinador celebrouse este xoves en Valença.

Tras as eleccións municipais do pasado 26 de setembro, os alcaldes dos 10 concellos que integran o CIM Alto Minho consensuaron a designación do alcalde cerveirense como director do AECT Rio Minho e a do presidente do municipio de Valença, José Manuel Carpinteira, como membro do Consello de Coordinación. Os representantes da Deputación de Pontevedra permanecen en vigor desde setembro de 2019, concretamente o deputado da Cooperación Transfronteiriça, Uxío Benítez, como subdirector, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, como vogal do Consello de Coordinación.

Na súa primeira intervención como director do AECT Rio Minho, Rui Teixeira amosou o seu “orgullo por asumir este cargo”. Destacando o carácter autonómico, nacional e europeo das eurocidades Cerveira-Tomiño, Valença-Tui e Monção-Salvaterra, Rui Teixeira tamén abordou a importancia de “consolidar a acción do AECT Rio Minho en toda a rexión estratéxica do Alto Minho e Galicia, potenciando a súa posición e dando exemplo a Portugal e España, a prol da posta en valor do río Miño e da rexión”.




AECT Rio Minho participa no evento The European Week of Regions and Cities

O pasado 14 de outubro rematou o maior evento anual dedicado ás políticas de cohesión: The European Week of Regions and Cities (#EURegionsWeek). Debido á pandemia COVID-19, e tal e como sucedeu no 2020, o evento foi online, a través dunha plataforma de comunicación que reuniu a máis de 10.000 participantes de rexións e cidades de toda Europa, incluíndo políticos, técnicos, especialistas e académicos.

Por invitación da ARFE e da DG REGIO, o AECT Rio Minho participou no workshop EU Border Regions: Living labs of European Integration, compartindo un vídeo de testemuños sobre a participación do AECT Rio Minho iniciativa b-solutions co caso MOBITRANS – Boosting Minho River Cross–Border Mobility. Co apoio da iniciativa b-solutions o AECT Rio Minho conseguiu atopar unha solución á escasez de servizos de transporte público transfronteirizo por estrada e construír, en colaboración coas autoridades de transporte da Galiza e do Alto Minho, Xunta de Galicia e CIM Alto Minho, respectivamente, unha guía para implementar un programa piloto de transporte público no contexto do río Miño transfronteirizo.

No vídeo presentado no obradoiro EU Border Regions: Living labs of European Integration, no que participaron representantes do AECT Rio Minho, da CIM Alto Minho, da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia e a experta convidada polo b-solutions, reflectiuse un exemplo dos obstáculos que as rexións transfronteirizas atopan no seu día a día e como o compartir máis servizos permitiría crear unha rexión máis forte e con maior resiliencia.

AECT Rio Minho participa no evento The European Week of Regions and Cities

As rexións fronteirizas están no centro da Unión Europea. Como son territorios onde cruzar a fronteira forma parte da vida diaria, estas rexións son verdadeiros laboratorios de integración europea e as solucións atopadas por estas rexións para obstáculos legais e de cooperación pódense reproducir noutras recións da Unión Europea.




O AECT Rio Miño presenta o proxecto LIVHES ao tecido do patrimonio cultural inmaterial deste espazo transfronteirizo

A equipa técnica do AECT Rio Miño presentou o proxecto europeo LIVHES (acrónimo en inglés de Patrimonio Vivo para o Desenvolvemento Sustentábel) a unha escolma de representantes públicos e privados das diferentes administracións, asociacións e investigadoras que traballan no patrimonio cultural inmaterial no rio Miño transfronteirizo.

O pasado martes 11, nunha exposición que tivo lugar no Auditorio do AECT Rio Minho, presentouse o proxecto LIVHES, un novo proxecto europeo financiado ao 75% con fondos do Programa Interreg SUDOE. Con éxito de asistencia, pois enchéuse o espazo dispoñíbel (reducido, por mor das restricións sanitarias), explicouse en que consistía o proxecto, quen o conformaba e as liñas de traballo, para as que se solicitou aos asistentes que nos acompañasen nos traballos a realizar.

Deste xeito conformouse un grupo transfronteirizo que terá máis xuntanzas nos vindeiros meses para traballar sobre o patrimonio cultural inmaterial. Así, despois de elaborar un pequeno censo de actores que traballan sobre o PCI no territorio, o AECT busca ampliar este rexistro e que entre todos os participantes atopemos boas prácticas e innovadoras que se podan implementar en outros territorios. Ademais, este rexistro que elaboremos servirá para traballos futuros, como pode ser a creación dun Centro do Patrimonio.




Arranca o ‘II Culturmiño’ co obxectivo de crear novos actos culturais conxuntos no Miño transfronteirizo

Creadores e axentes culturais máis persoal técnico dos concellos miñotos traballarán durante este mes para desenvolver iniciativas

Algúns dos proxectos poderán optar a fondos europeos

O AECT Río Minho, da man da CIM Alto Minho e do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), arranca mañá venres o II Foro da Cultura do Rio Miño Transfronteirizo ‘Culturminho’ que se prolongará durante este mes co obxectivo de concretar propostas e iniciativas culturais conxuntas no territorio miñoto coas que optar a fondos europeos. 

Axentes culturais privados e creadores do territorio galego portugués, xunto a persoal técnico de Cultura dos concellos e cámaras municipais da raia reuniranse para realizar un ‘brainstorming’ sobre cales deben ser os eventos transfronteirizos a desenvolver con Portugal que permitirían mobilizar un público conxunto. O traballo xorde despois de analizar a situación da cultura no territorio do Miño o pasado ano nas xornadas organizadas pola Deputación de Pontevedra, que se desenvolveran en formato telemático por motivo da pandemia.

A idea é que neste segundo foro se  desenvolvan varios grupos de traballo presenciais e en liña cunha titorización por parte de persoal experto nos que reflexionar colectivamente sobre as sinerxias creadas en ámbalas beiras do Miño. Búscase aproveitar a industria cultural propia para xerar creatividade e mobilizar a economía aproveitando os equivamentos e actividades xa existentes. 

Programa

As xornadas de traballo vanse desenvolver en catro sesións os venres do mes de maio, comenzando mañá, de maneira alternativa en Paredes de Coura e no Concello do Rosal. As sesións deste venres e a do 14 de maio terán como título ‘Desing Thinking aplicado á creación de proxectos culturais no Río Miño transfronteirizo’ e estarán titorizadas pola consultora e formadora, especialista en Creatividade Aplicada, Katja Tschimmel.

O vindeiro 21 de maio (P. Coura) traballarase sobre ‘Proxectos de estruturación para o financiamento: aspectos críticos no desenvolvemento e a xestión’e ‘Orzamento, financiamento e comunicación’. Xa para finalizar, o 28 de maio farase unha análise crítica dos proxectos desenvolvidos e abordaranse ‘as ‘Redes internacionais: creación e xestión de redes e proxectos europeos’ por parte dos especialistas en eventos culturais Lucía García e Nacho de la Vega. 

Como peche e conclusión do ‘II Culturminho’, o 18 de xuño terá lugar a presentación dos proxectos deseñados polas e polos axentes culturais no Centro Social Polivalente de O Rosal para, unha vez examinados e valorados, decidir a posibilidade de que algún opte a fondos europeos.

Neste sentido, o Vicedirector do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, salientou a importancia de optar a todos os fondos europeos posibles, subliñando que dende esta entidade se traballará por acadar cartos da UE dos programas ‘Europa Creativa-Cultura’ e ‘Europa dos cidadáns’, ademais dos que xa se están xestionando do Interreg e dos que poidan chegar do Plan de Recuperación Económica pos COVID-19 ‘Next Generation’.

“A cultura é unha parte moi importante para a reactivación económica do territorio miñoto. Nestes momentos no que a zona da fronteira sufriu un dobre impacto polo peche con Portugal, hai que multiplicar esforzos, propoñer proxectos e buscar financiamento para recuperar a actividade”, insistiu Benítez.




O AECT Rio Miño pide “coherencia” á Xunta sobre a apertura da fronteira con Portugal

O vicedirector Uxío Benítez subliña que a perimetraxe autonómica non ten sentido por motivos sanitarios, xa que a parte portuguesa ten mellores datos que a galega

Critica o “xogo político partidario con Madrid” que deixa de lado as necesidades da sociedade miñota

O AECT Río Miño vén de solicitar á Xunta de Galicia “coherencia” sobre a apertura da fronteira con Portugal e que deixe sen efecto a perimetraxe autonómica no territorio miñoto. O vicedirector do agrupamento europeo, Uxío Benítez, subliña que as restricións impostas polo goberno galego só deixando cruzar por motivos xustificados “non ten sentido” por motivos sanitarios, xa que a parte portuguesa ten mellores datos de incidencia acumulada que a parte galega.

Segundo destaca Benítez, hai unha contradición manifesta da postura da Xunta cando era o goberno central o que mantiña pechada a fronteira e agora, cando lle corresponde tomar decisións como autoridade sanitaria: inicialmente estaba a favor da apertura de todos os pasos e de flexibilizar a mobilidade e agora avoga por manter o peche.

Solicitude

O deputado provincial lembrou que o pasado 3 de marzo, cando os datos sanitarios eran moito peores, o vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda participou nunha reunión co presidente da CCDR-N e representantes das tres Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ante os que o mandatario galego apoiou que se mantiveran abertos o maior número de pasos fronteirizos posibles e se tiveran en conta as peculiaridades das áreas fronteirizas como a do Miño.

“Por que cambiaron de opinión? Se hai unha semana estaban a favor de abrir, por que piden agora ao goberno central que manteña os controis? Entendemos esa contradición obedece a un xogo político partidario e espúreo con Madrid, que nada ten que ver coa realidade e as necesidades da sociedade miñota galego-portuguesa”, insistiu o nacionalista.

Benítez, amais, abondou afirmando que o territorio miñoto da fronteira é igual tanto na súa parte galega como portuguesa, estando nestes momentos mellor sanitariamente a parte lusa, cunha incidencia acumulada menor. Por iso solicitou ao goberno galego que levante a perimetraxe na fronteira con Portugal e “deixe de afogar” a un territorio que estivo os tres últimos meses na “ruína” por decisións políticas dos gobernos estatais de Madrid e Lisboa.

“Antes tomaban as decisións en Madrid e Lisboa, onde non coñecían o territorio. Agora quen debe tomar as decisións sanitarias unha vez abertas as fronteiras é a Xunta de Galicia, á que presupoñiamos que coñece o territorio e entende a situación do territorio. Agardemos, tendo en conta tamén que o día 9 finaliza o estado de alarma, que a Xunta sexa coherente e actúe seguindo parámetros sanitarios porque a cidadanía está moi confundida coa situación”, finalizou.




O AECT RIO Miño lanza o documental ‘Confinados no río Miño’ para visibilizar o problema do peche da fronteira con Portugal durante a pandemia

Persoas traballadoras, autónomas, empresas, veciñas e veciños do territorio do Río Miño están a sufrir un doble impacto nas súas vidas: o da COVID e o do peche da fronteira con Portugal. Detrás das perdas económicas, dos rodeos de centos de quilómetros para ir traballar, e dos gastos en combustible e de tempo hai historias persoais que son exemplo do que acontece a máis de 6.000 afectados e afectadas e o AECT Río Miño quere darlles voz, polo que vai lanzar un documental, ‘Confinados no Río Miño’, que se estreará nas vindeiras semanas e do que xa está a circular un tráiler nas Redes Sociais da Deputación e do Smart Minho.

Esta iniciativa, segundo explica o vicedirector Uxío Benítez, pretende visibilizar e poñer cara e nome e apelidos ás diferentes casuísticas por só haber un paso aberto na raia 24 horas. “Detrás disto hai persoas, seres humanos, hai vidas, hai realidades vitais que deben ser coñecidas, e que exemplifican o desafortunada que foi a decisión de fechar as fronteiras”, inisiste Benítez, explicando que a intención é chegar coa peza audiovisual ao maior número de xente e ás autoridades galegas, estatais e tamén da Comisión Europea –polo que ademáis de utilizar o galego e portugués tamén se subtitulará en inglés-.

As redes sociais da Deputación e do Smart Minho están xa a difundir o ‘trailer’ de Confinados no río Miño previo á presentación oficial

O documental ‘Confinados no Río Miño’, producido polo AECT foi elaborado polo director, realizador, guionista e actor Suso Pando. Ten unha duración de arredor dunha hora e, con imaxes do territorio transfronteirizo, recolle testemuñas directas de persoas que viviron o impacto do peche da fronteira no primeiro confinamento. Tunha visión económica e institucional de como se reivindicou a apertura dos pasos, insistindo en que o do Miño é un territorio moi dinámico económicamente, cunha interdependencia moi grande entre ambas beiras do río, e cunha fronteira que supón o 5% do total de quilómetros entre España e Portugal pero que asume o 50% do tráfico de vehículos.

Noelia Salgueiro, veciña de Valença e traballadora en Tui,  é Unha das persoas nas que se exemplifica a situación e explica que durante o primeiro confinamento e peche de fronteira tivo que marchar da súa residencia habitual, volver á parte española co seu fillo máis pequeño, e instalarse na casa de seus pais durante mes e medio porque por problemas administrativos non lle permitían pasar o control fronteirizo. “Españois e portugueses estamos todos mezclados, involucrados. Non saben as autoridades como se vive nesta zona”, criticou.

Confinados no río Miño recolle testemuñas de persoas afectadas obrigadas a dar rodeos de centros de quilómetros ou que non podían ver á familia

Outro dos casos narrados é o o da peiteadora Cecilia Puga, que vive en Arbo e ten o seu salón en Melgaço, ata onde diariamente percorre apenas 8 quilómetros que se converteron en centos ao ter que pasar polo paso de Tui obrigatoriamente durante o ‘encerramento’. “Só pido que me deixen traballar. Que os traballadores poidan pasar polos pasos habituais. Que poñan medios, porque se eu soubera isto nunca tería montado o meu negocio do outro lado”, explica.

Finalmente, Andreia Costa, veciña de Ponte de Lima e traballadora en Tomiño, expón que a interdependencia de ambas ribeiras é moi grande e que “o tecido económico que existe nestas vilas da raia queda destruido” co peche da fronteira.

O documental será presentado oficialmente de maneira presencial no territorio do Miño en canto se alivien as restricións da pandemia e os peches fronteirizos. Mentres tanto, nas redes sociais tanto da Deputación como do Smart Minho estase a difundir un ‘tráiler’ reivindicativo.

Rexistro

A posta no foco das persoas afectadas polo peche de fronteira é un dos obxectivos do AECT Rio Minho dende todos os ámbitos. Nestes momentos está activo un rexistro de persoas afectadas co fin de cuantificar as perdas das para reclamar indemnizacións.

No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos, o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio), o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada. Tamén se solicitan datos sobre os perxuízos padecidos: percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, aumento do custo do desprazamento, redución de clientes da outra marxe ou impedimento de atravesar a fronteira.




O AECT Miño reivindica ante a Xunta e a CCDR-N que os territorios do miño afectados polo peche da fronteira teñan prioridade para recibir fondos europeos do ‘POCTEP’ e do ‘Next Generation’

O AECT Rio Miño reclamou hoxe á  Xunta de Galicia e á CCDR-N de Portugal que os concellos do territorio do Miño afectados polo peche da fronteira con Portugal “teñan prioridade” á hora de recibir fondos europeos. O agrupamento insiste en que o prexuízo económico que está a sufrir a zonadebe terse en conta na distribución dos fondos que agorase están a xestionar: os do ‘Next Generation’ e os do próximo cadro comunitario, do programa POCTEP 2021-2027, no que tanto Xunta como CCDR-N teñen capacidade de xestión.

A entidade afirma que o gobernó galego ten capacidade de xestión para asignar partidas “concretas e específicas” ás zonas que sufriron o ‘efecto fronteira’ sumado ao da COVID

O AECT Rio Miño fixo esta reclamación hoxe nun foro convocado polo goberno galego e a Comisión de Coordinação e Desenvolvemento da Region Norte de Portugal (CCDR-N) –o seu equivalente luso- na que participaron os tres agrupamentos europeos de cooperación territorial (AECT) existentes en Galicia, o AECT Galiza-Norte de Portugal  que xestionan as dúas entidades (Xunta e CCDR-N), e os propios da fronteira, o AECT Verín Chaves e AECT Rio Miño. No encontro estiveron presentes tanto os directivos dos AECT como o vicepresidente Alfonso Rueda e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE Jesús Gamallocunha única  temática na mesa: o actual peche de fronteiras e o horizonte dos fondos europeos.

O vicepresidente do AECT Rio Miño e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez,  fixo fincapé unha vez máis na idea de que os concellos da fronteira teñen que ser compensados polo impacto económico ‘extra’ que está a supoñer o peche dos pasos sobre sumado ao que acumulan empresas, traballadorxs e autónomxs pola COVID . Lembrou que no estudo elaborado pola Universidade de Vigo e dirixido polo profesor Xavier Cobas apúntase que hai un ‘efecto fronteira’ que se estima no 12% no comercio e no 19% na hostelería a maiores do xa creado pola pandemia noutros territorios. “Ese ‘efecto fronteira’ foi creado por decisións políticas, e agora que hai uns fondos económicos europeos, ten que terse en conta para que eses territorios que sufriron doblemente teñan partidas específicas para poder revitalizar e recuperar a súa economía”, afirmou Benítez, engadindo que esa é unha petición que o AECT levará a diferentes foros e que se presentou ante a Xunta porque está en debate como vai ser a xestión do POCTEP 2021-2027 do cal a Xunta e a CCDN-R teñen capacidade de xestión.

Insiste en que os fondos deben destinarse a proxectos en concellos transfronteirizos e non aos que nin lindan coa raia

O matiz importante, subliñou Benítez, é que os esforzos económicos “se centren aínda máis no territorio de fronteira” e non en territorios tan extensos como os que veñen sendo habituais para eses programas, que agora chegan a toda Galiza e a case todo Portugal menos Lisboa. “Eses fondos teñen que usarse para compensar os territorios que sufriron o prexuízo económico de non poder relacionarse cos do lado por haber unha fronteira. Sempre houbo un prexuízo económico histórico, por iso naceron os fondos transfronteirizos: foron creados para os territorios que durante centos de anos tiveron unha fronteira que impediu a relación e desenvolverse economicamente como se non fosen da ‘raia’. Durante moitos anos  eses  fondos empregáronse para moitos proxectos que non tiñan que ver coa fronteira, pero creemos que esta volta ao peche de fronteiras pola COVID debe facer volver á orixe, á concepción deses fondos: a atender prioritariamente a fronteira”, insistiu o deputado.

Dende o AECT Río Miño estanse a desenvolver outras iniciativas pola problemática do peche da fronteira con Portugal. A última é a creación dun rexistro de persoas afectadas para reclamar posibles indemnizacións polos rodeos derivados de que haxa só un paso 24 horas aberto na fronteira, o gasto de tempo extra, o gasto en combustible, a perda de clientes ou a imposibilidade de cruzar no control.




O AECT Río Minho habilita un rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira con Portugal para reclamar indemnizacións

O AECT Río Minho ten operativo dende hoxe o rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. Nas primeiras horas dende a súa posta, sen aínda difusión oficial, o rexistro xa recibiu máis dunha ducia de reclamacións, que se prevé aumenten considerablemente nos vindeiros días.

O obxecto deste rexistro é coñecer a casuística de cada unha das persoas afectadas e poñerlle nome e apelidos a unha situación que está a prexudicar a un elevado número de persoas que están a perder tempo e diñeiro diariamente ao non ter todos os pasos da fronteira abertos.

O formulario pode cubrise online na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de prexuízo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela da outra marxe

“Sabemos que hai moitas persoas afectadas e ata o de agora dirixíanse aos seus concellos, as administracións máis próximas, para queixarse e saber como actuar. Con esta iniciativa do AECT queremos centralizar as reclamacións nunha ‘oficina de afectadas’ conxunta e traballar co fin de tramitar posibles indemnizacións, xa que entendemos que o territorio do Miño debe ser compensado economicamente pola decisión dos estados de pechar a fronteira e non deixar máis que un paso. Hai un grande impacto que iso está a ter na economía”, explicou o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT Uxío Benítez.

No formulario online (tamén hai a opción de cubrir un PDF) as persoas interesadas deben deixar os seus datos persoais, aclarar se son particulares, empresas ou autónomos, o sector no que traballan (servizos, industria ou comercio), o número de viaxes que debe realizar entre ambos lados da fronteira, o número de quilómetros que percorren habitualmente coa fronteira aberta e coa fronteira pechada. Tamén se solicitan datos sobre os perxuízos padecidos: percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, aumento do custo do desprazamento, redución de clientes da outra marxe ou impedimento de atravesar a fronteira.

Nas primeiras horas de funcionamento xa se rexistraron máis dunha ducia de reclamacións

Todos estes prexuízos que xa foron constatados polo estudo socioeconómico elaborado polo profesor Xavier Cobas da Universidade de Vigo, no que se puña de manifesto o dano que o peche da fronteira engade á situación da pandemia na economía miñota. As perdas de facturación cifráronse en máis de 92 millóns de euros só nos sectores de hostalería e comercio a consecuencia do primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugal na primeira vaga da pandemia, entre o 17 de marzo e o 30 de xuño do pasado ano. “Para este novo peche de fronteiras -lembrou Benítez- prevese que ‘Efecto Fronteira’ sexa maior, xa que hai máis actividade económica aberta”.

Benítez lembrou que o AECT presentará alegacións ao programa operativo POCTEP 2021-2027 que está en fase de exposición pública para que se garanta que os fondos se destinen ás zonas de raia e se creen partidas específicas para a zona do Miño. Tamén se prevé aprobar unha moción sobre este tema nos 26 concellos para reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.




O territorio do miño reclama na ponte da amizade a apertura da fronteira con Portugal e compensación polo dano económico

Cunha pancarta xigante co lema ‘Open the border’ o territorio do miño reclama na ponte da amizade a apertura da fronteira con Portugal no medio da ponte da Amizade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. Así decidiron hoxe alcaldes e alcaldesas do territorio do Miño (de 26 concellos) chamar a atención sobre o dano económico que está a sufrir o territorio miñoto, tanto empresas como persoas traballadoras dunha e outra banda, polo peche da fronteira con Portugal.

Alcaldes e alcaldesas galegas e portuguesas protestaron de novo hoxe –por separado ao impedir a GNR e a Garda Civil un acto simbólico conxunto- para criticar o maltrato de Madrid e Lisboa

Na protesta de hoxe participaron alcaldes e alcaldesas e outros representantes dos concellos dunha e outra banda do río: A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salceda de Caselas, Salvaterra, As Neves, Arbo, Caminha, Vila Nova de Cerveira, Valença, Paredes de Coura, Monçao e Melgaço. Nesta ocasión non foi posible desenvolver o acto simbólico de maneira conxunta por impedimento expreso da GNR e da Guarda Civil, que non autorizaron á comitiva galega e á portuguesa a xuntarse no medio da Ponte da Amizade: cada parte escenificou a queixa do seu lado. “Esta ponte chámase da Amizade, moi simbólico, pero agora esa amizade está rota non por vontade dos seus veciños e veciñas, senón das autoridades”, criticaron os munícipes.

O AECT Río Miño insiste en que “o mal xa está feito” e pide que os fondos europeos do POCTEP “non se deturpen” e se destinen aos concellos da fronteira directa

O vicedirector do AECT Río Miño, Uxío Benítez, destacou que se trata dun berro de axuda tanto ás autoridades galegas, estatais como europeas para abrir todos os pasos da fronteira, e tamén para que se inxecten axudas económicas que palíen o dano feito na economía da zona pola decisión dos estados español e portugués. “O mal xa está feito ábranse agora os pasos ou dentro dun mes. Non nos fixeron caso nas nosas reivindicacións e agora queremos que nos teña en conta e se nos compense polas perdas”, afirmou o nacionalista.

Estudo de impacto e medidas compensatorias

Segundo o estudo de impacto elaborado pola Universidade de Vigo para o AECT Rio Miño, as persoas traballadoras están a gastar unha media de 200 e 300 euros mensuais en combustible nos rodeos para pasar polo único paso aberto 24 horas (Tui-Valença). Tamén segundo o estudo mencionado, a hostalería da zona do Miño está a perder un 19% de facturación polo ‘efecto fronteira’ a maiores do que perdería pola pandemia calquera negocio noutra ubicación, igual que o comercio ten un 12% máis de perdas por estar na ribeira do Miño.

Os fondos transfronteirizos teñen que compensar aos territorios de fronteira, non poden ser para todo, e tense que facer efectivo na orientación dos vindeiros fondos

É de salientar ademais, que nestes momentos está aberto o debate da orientación dos fondos transfronteirizos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España Portugal POCTEP 2021-2027, polo que o que cómpre compensar ao territorio polo prexuizo económico de decisións políticas dos Estados. É necesario habilitar fondos específicos para territorios directamente de fronteira nos que o perxuizo económico desta pandemia está sendo maior, e garantir que ditos fondos se destinen ás zonas de raia fronteiriza e non se deturpen.

acto protesta baixo o lema open the border

A negativa de poñer controis en todos os pasos entre ambos países para facer efectivo o control sanitario obriga ás persoas traballadoras , máis de 6.000 que se moven na raia do Miño, a utilizar un punto que funciona como funil que é a ponte internacional de Tui-Valença, e persoas con salarios que nesta zona non son moi altos ven incrementados os seus gastos e o tempo dedicado ao desprazamento, co que implica na conciliación.

Creación dun formulario de rexistro de persoas afectadas

Resulta lamentable esta situación porque o erro de non abrir todos os pasos, cos seus correspondentes controis sanitarios, xa se cometeu o ano pasado durante o anterior peche de fronteiras. No AECT RIO MIÑO estamos convencidos de que é unha cuestión puramente efectista, porque a xente que ten que pasar segue a pasar igual. O que hai que facer é habilitar controis nas cinco pontes internacionais e manter estas abertas.

Dende o AECT anunciouse a creación dun rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira que se xestionará a través do formulario creado para esta acción e de todos os concellos implicados co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións.

Así mesmo, presentarase unha moción tipo nos 26 concellos para reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.

Video resumo da protesta simbólica na ponte da amazidade entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira



O primeiro confinamento e o peche da fronteira con Portugal provocou unha perda de facturación de máis de 92 millóns de euros en comercio e hostalería no Miño

A principal conclusión do estudo do impacto socioeconómico encargado polo AECT Rio Miño ao doutor en Economía da Universidade de Vigo, Xavier Covas, é que o primeiro confinamento e o peche da fronteira entre Pontevedra e Portugal na primeira vaga da pandemia, entre o 17 de marzo e o 30 de xuño de 2020, provocou unha perda de facturación de máis de 92 millóns de euros nos 26 concellos do territorio transfronteirizo do Miño.Covas tamén destacou que o perxuízo económico do actual peche será aínda moito maior.

Xunto ao vicedirector e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Covas presentou hoxe o estudo do impacto socioeconómico aos alcaldes e alcaldesas que conforman o Agrupamento Europeo de Cooperación Territerial Río Miño (AECT Miño), que levan revindicando dende hai un mes que se abran todos os pasos fronteirizos con Portugal polo daño que produce na economía. O traballo da UVigo confirmou as teses e para criticar o que consideran unha decisión inxusta para as persoas traballadoras e a economía do territorio miñoto e inútil para o control da pandemia.

Un estudo do impacto socioeconómico do AECT Rio Miño realizado polo profesor Xavier Covas na UVigo reflexa que o efecto fronteira engadiu un perxuizo sobre o da COVID dun 12% e dun 19% respectivamente

O estudo do impacto socioeconómico dá varios datos demoledores sobre o sufrimento da economía nas dúas beiras do Miño, cun impacto na perda de facturación só no comercio e a hostalería (os sectores máis afectados) de 92 millóns de euros –equivalente a 23 millóns de euros de Valón Engadido Bruto-, segundo os datos oficiais facilitados polos gobernos centrais. Tamén se detectaron valores importantes de impacto no transporte e no sector inmobiliario, así como no ámbito fabril.

Segundo destacou o profesor Covas, todos estes ámbitos sufriron, ademais da baixada de facturación pola pandemia, o efecto fronteira aumentando a perda de facturación nun 12% no comercio en un 19% en hostalería e restauración a engadir á caída de ingresos de calquera outro negocio noutra ubicación, simplemente polo feito de que as persoas consumidoras non podían acceder dende o outro lado da ‘raia’.

Outra das cifras que se puxo sobre a mesa o estudo do impacto socioeconómico foi o número de horas de traballo perdidas pola espera no paso de Tui-Valença. Atendendo a un tempo medio de agarda de 15 minutos na ida e outros 15 na volta (cifra moi conservadora por detectarse largas colas de horas diariamente), e sabendo que no primeiro peche pasaron polo control 356.000 persoas, a economía da zona perdeu 180.000 horas efectivas. A estas, non estando contabilizadas, habería que sumar o tempo que as persoas traballadoras perderon tamén nos rodeos de centros de quilómetros por non estar habilitados controis en todas as pontes.

O vicedirector do AECT Río Miño, esixe unha compensación económica ao territorio miñoto “porque o mal xa está feito” e anuncia a creación dun rexistro de persoas afectadas para as reclamacións.

O peche de fronteira, explicou Covas, afectou segundo os seus cálculos, a unas 25.000 persoas en toda a eurorrexión de Galiza-Norte de Portugal e a 10.000 dentro dos distritos de Pontevedra-Viana do Castelo, ben por ser persoas que viven e traballan en ambos dous lados da fronteira, porque viven nun lado e trababallan na outra marxe, ou porque non tendo relación coa zona as empresas operan en todo o territorio e obrigan ao desprazamento.

En canto á repercusión do último peche de fronteiras instaurado dende principios de ano, Covas quixo ser tallante e subliñou que afectará de maneira moito máis negativa á economía, posto que no primeiro confinamento a actividade económica estaba prácticamente parada mentres que agora hai un maior índice de actividade. Así mesmo, o profesor subliñou que o actual peche dos pasos “é redundante e inútil” porque as persoas que van pasar a fronteira son as mesmas, só as autorizadas.

Rexistro para indemnizacións

Subliñou que como primeira medida o AECT presentará alegacións ao programa operativo POCTEP 2021-2027 que está en fase de exposición pública e que, pese a ter como obxecto inxectar fondos nas fronteiras, “está deturpando os seus obxectivos destinando fondos a zonas non fronteirizas”. Solicitou, pois, que se garanta que os fondos se destinen ás zonas de raia e se creen partidas específicas para a zona do Miño.

Por outra parte, anunciou a creación dun rexistro de persoas afectadas polo peche da fronteira que se xestionará a través do AECT e de todos os concellos implicados nunha oficina conxunta co fin de proceder á tramitación de posibles indemnizacións. “Queremos poñerlle cara a esta situación, facer un cómputo, porque as persoas traballadoras transfronteirizas están a perder entre 200 e 300 euros só en combustible polos desprazamentos ao non ter todos os pasos da fronteira abertos”, explicou.

Así mesmo, presentarase unha moción nos 26 concellos para ter o refrendo democrático e reivindicar ante todas as institucións tanto a apertura inmediata dos pasos como as compensacións económicas polo peche.

Para exemplificar o problema da fronteira, Benítez fixo a comparación do peche dos pasos con Portugal cun un posible peche da ponte de Rande para a economía galega. “O que estamos a vivir no Miño é como se para controlar a pandemia entre Pontevedra e Vigo pecharan a ponte de Rande e mandan a todas as persoas e mercadorías por Ponte Sampaio cun único control. Os que poden pasar, pasarán igual, pero sufrindo colas, rodeos e perdas de tempo”, destacou.

Finalmente, o deputado e vicedirector do AECT lembrou que, á fin de facilitar o control de persoas transfronteirizas, é urxente a creación dunha tarxeta cidadá transfronteiriza para que nos controis haxa axilidade e non sexa preciso a comprobación de todos os papeis da documentación.




O AECT elevará á Comisión Europea a situación de desamparo das persoas traballadoras transfronteirizas do Miño polo peche da fronteira

Segundo explica o vicedirector do AECT Rio Miño, unha das decisións da reunión dos 26 alcaldes e alcaldesas foi elevar á Comisión Europea a situación de desamparo das persoas traballadoras transfronteirizas e das empresas, xa que a do Miño é a fronteira máis dinámica de toda Europa e un peche como o existente “non se dá noutros territorios”. “Imos remitir un comunicado e pedir auxilio para que interceda ante os estados”, enfatizou.

Xestionarase unha nova reunión urxente co goberno portugués por unha “fronteira aberta xa na súa totalidade e con horario pleno

“Fronteira aberta xa na súa totalidade e con horario pleno” é a reivindicación na que as alcaldesas e alcaldes do territorio miñoto insistiron hoxe convocados polo AECT Rio Miño e pola que decidiron endurecer as súas accións: continuarán dando pasos pola vía institucional ante a Unión Europea e o ministro de Administración Interna de Portugal, pero tamén organizarán novas accións simbólicas de movilización social para chamar a atención dun territorio que se sinte afogado e tamén “ninguneado” polos gobernos de Madrid e Lisboa.

Tamén se manterán novos contactos co ministro de Administración Interna de Portugal, Eduardo Cabrita, a quen se lle instará a revocar a situación actual nunha reunión convocada de urxencia, xa que ata o de agora o país veciño foi o que amosou as maiores reticencias á apertura de novos pasos autorizados na ‘raia’.

Nos vindeiros días haberá máis accións simbólicas de protesta “intentando conter o ánimo exaltado” de empresas e persoal

Esas medidas institucionais terán acompañamento tamén en novas accións simbólicas de protesta e mobilización social. “Os ánimos das empresas, transportistas e persoas traballadoras transfronteirizas están moi exaltados, e dende o AECT estaremos mediando ante medidas máis drásticas e contendo o malestar, pero amosaremos con claridade que a este territorio do Miño non se lle pode ningunear porque iso só produce máis cabreo e indignación entre a cidadanía”, subliñou o nacionalista.

Hai máis de 6.000 traballadores afectados que teñen un custe en tempo e diñeiro para acceder aos seus postos

O AECT reclamará compensacións económicas para as persoas traballadoras transfronteirizas que están afectadas polo peche. “Non só hai custes de combustible, senón tamén de tempo. Hai persoas que saen unha hora antes para ir ao seu traballo e, ao estar dúas horas no paso da fronteira, chegan tarde e deben recuperar esas horas perdidas quedando ao rematar a xornada nos seus postos… Iso ten un custe non só económico senón tamén anímico. E xa que non se pode compensar polos problemas psicolóxicos, alomenos polos económicos”, insistiu.

O vicedirector subliñou que hai unha profunda indignación e incomprensión nos alcaldes e alcaldesas do territorio miñoto “ante esta decisión dos estados que non escoitan ao territorio e non escoitan a problemática que existe na fronteira máis dinámica e máis poboada e máis relacións sociais entre España e Portugal e unha das máis dinámicas de Europa. Non entenden esta realidade e non fixeron caso ás nosas reivindicacións de abrir os pasos cos controis sanitarios necesarios. Hai máis de 6.000 traballadores afectados que teñen un custe en tempo e diñeiro para acceder aos seus postos”, insistiu.

Finalmente, Benítez fixo fincapé no ofrecemento de colaboración dos concellos dunha e outra ribeira para a loxística da reapertura dos pasos. Reclamou tamén unha maior coordinación entre os estados e entre estes e os municipios afectados, criticando que moitos alcaldes e alcaldesas se enteraron das últimas modificacións dos pasos pola publicación do boletín portugués en lugar de por unha comunicación oficial directa.

“Fronteira aberta xa na súa totalidade e con horario pleno”.

Queremos a apertura de todos os pasos 24 horas cos controis sanitarios necesarios e só para as persoas que están autorizadas, traballadoras, transportistas… Non queremos que pase ninguén máis das persoas que deben”, insistiu.

Audio – O AECT elevará á Comisión Europea a situación de desamparo das persoas traballadoras transfronteirizas do Miño polo peche da fronteira

Outras novas relacionadas: