Apostan pola creación dunha ‘Feira Cultural do Miño’ para reunir industrias e público de ambas beiras do río

image_pdfimage_print

A última mesa de participación para elaborar a ‘Estratexia 2030’ do territorio transfronteirizo propón potenciar o comercio nos centros das vilas fronte ás grandes superficies das aforas

 

Crear unha programación cultural propia no territorio transfronteirizo do Miño e poñer en marcha unha feira, un ‘Culturgal do Miño’, que potencie as industrias e actores culturais de ambas beiras do río e os poña en contacto co público: esas deben ser as apostas no eido cultural dentro da eurorrexión. Así o indicaron os participantes na última mesa de traballo organizada dentro do proceso de elaboración da ‘Estratexia 2030’, un documento-guía que busca desenvolver o territorio transfronteirizo dende múltiples perspectivas.

Estas ideas foron expostas por unha trintena de persoas de asociacións culturais, representantes políticos concellos galegos e cámaras municipais, persoal técnico municipal, comunidades de montes e EURES, na súa participación dentro da mesa sectorial ‘Cultura e Comercio Tradicional’ que se celebrou a pasada semana na sede da Agrupación Europea de Cooperación Terrritorial Rio Minho, en Valença.

Neste encontro, cuxo obxectivo era recoller ideas sobre como potenciar a cultura e o comercio na zona transfronteiriza do río, estiveron tamén os relatores Carmen Villarino, profesora de filoloxía galega e portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, e José Alberto Rio Fernandes, presidente da Asociación Portuguesa de Xeógrafos e Catedrático da Universidade de Porto, que forman parte do equipo científico da Fundación CEER (Centro de Estudios Eurorrexionais) para a elaboración da ‘Estratexia de Cooperación do Río Miño Transfronteirizo 2030’.

En xeral, os participantes na mesa coincidiron en que a día de hoxe a comunidade non ten sentimento de pertenza ao territorio transfronteirizo debido a que este se eliminou da historia común xa dende a escola.  Púxose de manifesto tamén a existencia de trabas burocráticas para contratacións culturais no país veciño, así como  o traballo de voluntariado non remunerado e poucos fondos que desenvolven os colectivos de ambas beiras.

Ante isto,os representantes das asociacións solicitaron a posta en marcha dun circuíto cultural da eurorrexión promovido dende as institucións, que sexa integrante coas entidades locais, e que dispoña dunha maior promoción e comunicación.

Por outra parte, as persoas participantes cualificaron de moi interesante a posibilidade de poñer en marcha unha feira ou evento cultural, un ‘Culturgal’ propio a nivel eurorrexional, onde de xeito anual se reúnan os diferentes actores das industrias culturais da zona e o público xeral nun modelo similar ao que se celebra anualmente na cidade de Pontevedra, con casetas para os promotores participantes, conferencias, presentacións, mesas redondas ou concertos para dar a coñecer as últimas novidades en música, libros, teatro ou cinema galego e portugués, neste caso.

Museo da rexión

Antes do debate conxunto sobre cultura foi a quenda das exposicións dos expertos. A relatora Carmen Villarino destacou a importancia da cultura como elemento diferenciador dun grupo social  e a importancia da identidade cultural. Sinalou que a cultura é unha cuestión transversal, unha ferramenta para a “organización da vida” que aporta un sentimento/orgullo de pertenza a unha única comunidade no territorio. Neste sentido, e dentro do ámbito do territorio transfronteirizo, subliñou que é preciso recuperar e actualizar a historia común e identidade da contorna do Miño.

Para este obxectivo plantexou a posibilidade de crear unha base datos comúns (asociacións, actividades…), mapas de elementos culturais e ferramentas interactivas, así como incluso un posible Museo da rexión ou, de xeito menos ambicioso, exposicións itinerantes con fondos arquivísticos bibliotecarios. Tamén propuxo a denominación de rúas con nomes de persoas galegas ilustres en Portugal e viceversa, aproveitar os instrumentos legais dos que se dispón, e sobre todo, non deixar nunca de lado á poboación local, é quen sustenta a cuestión identitaria.

O comercio, esencia das vilas

Pola súa banda, o relator Rio Fernandes centrou a súa charla na potenciación do comercio tradicional, e subliñou a necesidade de substituír o comercio anónimo das aforas e centros comercias polo comercio do centro das vilas, máis próximo á xente e que aporta calidade de vida. O catedrático lembrou que o comercio ten un papel económico fundamental que non pode ser esquecido, así como unha dimensión social e urbana, posto que é indispensable na constitución das vilas e cidades. Destacou o exemplo da peonalización das rúas de Pontevedra, que definiu como un grande éxito aínda que había unha reticencia inicial porque se consideraba que sería un problema que os coches non puideran chegar ao centro das vilas, cuestión esta última que se demostrou totalmente errónea.

Rio apostou pola cooperación entre comerciantes, e por fomentar a proactividade das institucións con respecto ao comercio. Tamén destacou como interesante facer unha carta de ordenamento comercial, organizar “noites brancas” (establecementos abertos pola noite) en toda a rexión ou por municipios, ou identificar establecementos comerciais singulares (antigos, de mobiliario…).

Mesa sectorial sobre mobilidade

Logo da celebración das dúas primeiras mesas sectoriais, este mércores 3 de outubre terá lugar a próxima, que versará sobre ‘Mobilidade, servizos e turismo sustentable’. Desenvolverase na sede da AECT en Valença ás 17 horas (hora galega)  e contará coa participación de Valerià Paül Carril, Director da Fundación CEER  (Centro de Estudios Eurorrexionais), profesor da Universidade de Compostela, xeógrafo e doutor en Planificación Territorial e Desevolvemento Rexional; e de  Xavier Martínez Cobas, profesor de Economía Financeira e Contabilidade da Universidade de Vigo, que forman parte do equipo científico da Fundación CEER para a elaboración da ‘Estratexia 2030’.

As persoas interesadas en participar nesta mesa sectorial poderán inscribirse a través da páxina web www.smartminho.eu/participa.  Así mesmo, aquelas persoas que non poidan asistir ás mesas sectoriais poderán sumarse igualmente ao proceso de participación cidadá, aportando as súas achegas e suxestións a través da páxina web, no ‘Espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá’ habilitado con esa finalidade e que estará aberto ata finais de outubro.

A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio Minho Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.