12 Xuñ O AECT Rio Minho estudará os problemas de mobilidade transfronteiriza grazas á aprobación dun novo proxecto europeo
O financiamento chega a través da iniciativa B- Solutions de proxectos piloto nas fronteiras da UE.
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Rio Minho (AECT Rio Minho) recibíu a aprobación dun novo proxecto no marco da iniciativa B-Solutions, promovida pola Asociación das Rexións Fronteirizas Europeas (AEBR) baixo a supervisión da DG Regio.
B-Solutions é unha convocatoria para o financiamento de 20 micro proxectos piloto destinados a solventar as barreiras de carácter administrativo e legal que se verifican nas fronteiras en áreas como o emprego, a saúde, o transporte, o plurilingüismo e/ou cooperación institucional, e está orientada principalmente a entidades públicas, como é o caso do AECT Rio Minho.
O proxecto promovido polo AECT Rio Minho, Boosting Minho River Cross-Border Mobility, ten por obxectivo o estudo dos problemas de mobilidade transfronteiriza no ámbito do Río Miño, para o que recibíu un financiamento de 25.000 € destinados a asesoramento.
Con este financiamento, o AECT Rio Minho poderá dispor dun experto xurídico con coñecemento en instancias transfronteirizas que colabore na estruturación, definición e identificación dos obstáculos para a mobilidade transfronteiriza no territorio do Rio Miño, así como na elaboración dunha proposta de solucións para propoñer ás diferentes Administracións e un marco legal desde o que proceder para acometelas. O período de execución do proxecto é de 4 meses.
Segundo explicou o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, “a virtualidade e importancia da aprobación desta candidatura non é tanto o seu monto económico senón o reducido número de propostas que se admiten dando visibilidade ao AECT en Bruxelas”, diante dos órganos comunitarios e permitíndolle “participar en foros internacionais de debate e construíndo relacións institucionais que abren portas cara a outras subvencións”.
Smart Minho e Visit Rio Minho
Desde novembro, o AECT Río Miño é socio do proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente do Rio Minho Transfronteirizo”, Smart Minho; desde o que se impulsou a elaboración da “Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030” e que tamén inclúe a posta en marcha de diferentes plans piloto de mobilidade e cultura, xestionados conxuntamente entre España e Portugal.
Por outro lado, un dos obxectivos do AECT Rio Minho é promover o Río Miño Transfronteirizo como un destino ecoturístico de excelencia, a través da posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a creación dunha marca de identidade, Rio Minho, para que permita dar a coñecer, tanto o territorio como os seus produtos. Estas liñas de actuación están recollidas dentro do proxecto Visit Río Minho, que entre outras actividades tamén contempla a creación dunha rede de sendeiros transfronteirizos, un grande atractivo para aqueles turistas que busquen destinos de natureza, calidade e non masificados.
Visit Rio Minho e Smart Minho son proxectos cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg VA España- Portugal (POCTEP) 2014 -2020”, neste caso aprobados na primeira candidatura.