1

A problemática do peche da fronteira no Miño chega á presidenta da comisión europea Ursula Von der Leyen

A problemática do peche da fronteira no Miño con motivo do COVID-19 chegará á mesa da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen. O secretario xeral da  Asociación de Rexiós Fronteirizas Europeas (ARFE) Martín Guillermo Ramírez, comprometeuse co deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, a dar a coñecer de maneira inmediata e directa á responsable da CE o grande impacto económico que está a sufrir o territorio transfronteirizo do Miño polo mantemento dun único paso na fronteira para as traballadoras e traballadores da zona, unha das máis dinámicas de toda Europa. Martín Guillermo sinalou que “é preciso abrir máis pasos de maneira urxente, ademais de adoptar medidas e políticas de apoio para paliar os danos nos sectores produtivos”.

Uxío Benítez e Martín Guillermo Ramírez reuníronse telematicamente na tarde de onte, ao abeiro dos encontros impulsados polo AECT Rio Minho con diferentes actores, nun encontro no que tamén participou o vicedirector do AECT e presidente da câmara municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Brito Nogueira. A Asociación de Rexións Fronteirizas de Europa foi contactada como medio de facer presión para abrir a fronteira, xa que é a responsable de representar os intereses das rexións limítrofes ante as organizacións europeas e as autoridades estatais. Na actualidade reúne a máis dun cento de rexións fronteirizas e outras unidades territoriais rexionais e locais dos Estados membros da Unión Europea ou do Consello de Europa.

O secretario xeral da Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas (ARFE), Martín Guillermo Ramírez, destaca a importancia e especificidade do territorio miñoto e elevará a situación a diferentes estamentos da cúpula política europea sobre o peche da fronteira no Miño

Benítez explicou a Ramírez as primeiras conclusións do estudo encargado á
Universidade de Vigo pola entidade transfronteiriza, que apunta que o territorio
da fronteira está a sufrir doblemente a situación derivada da COVID-19 tanto
pola restrición de movementos xerais máis polo feito de ser fronteira. O
nacionalista puxo sobre a mesa que o treito pontevedrés supón o 5% da liña de
fronteira con Portugal en todo o Estado Español, se ben asume o 49% de todos os
tránsitos de vehículos e persoas, xa que é unha das áreas transfronteirizas
máis dinámicas economicamente de toda Europa (ao estar no eixo Vigo-Porto), a
que reúne máis poboación e, ao mesmo tempo, ten relacións sociais, culturais e
lingüísticas moi profundas.

Martín Guillermo Ramírez loubou a iniciativa da AECT de ter solicitado un estudo de impacto socioeconómico urxente á Universidade de Vigo, unha entidade que considerou relevante, e quedou impresionado polos datos presentados. Recoñeceu, de feito, que con motivo da COVID-19 os maiores problemas polo peche da fronteira no Miño estanse a producir nos territorios nos que existen estruturas de cooperación estables e nos que as dinámicas de relación son máis intensas.

Guillermo Ramírez aplaude que o AECT Rio Minho tivera encargado á Universidade de Vigo un estudo para coñecer o impacto económico da crise da COVID-19 no territorio

Ante a situación, o secretario xeral da ARFE comprometeuse a interceder
directamente ante a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, para
trasladarlle a problemática das rexións que están a sufrir unha situación tan
grave como a de Pontevedra e o Norte de Portugal coa limitación no tránsito de
persoal laboral en Europa. Ramírez sinalou que exemplificará a difícil
situación das fronteiras concretando no caso do Miño transfronteirizo e nas
eurorrexións xermano-polacas dentro dun amplo dossier, xa que lle parecen os
casos máis significativos. Tamén sinalou que se porá encontacto con todos os
ministros de Exteriores e de Política Territorial dos países da Unión Europea
para tratar de buscar unha solución aos tránstitos transfronteirizos que
involucre a toda a cúpula política europea.

A indignación medra tralo pecha da fronteira no Miño

O AECT Rio Minho, pola súa banda, xa iniciara os seus contactos europeos
previamente. De feito, remitiu xa o pasado 30 de abril á Comisaria de Política
Rexional, Elisa Ferreira, a declaración asinada por todos os alcaldes da
fronteira -tanto da parte pontevedresa como da parte portuguesa- defendendo a
apertura de novos pasos fronteirizos, así como un programa de paliación dos
efectos económicos e sociais do Covid -19 na fronteira.  Este documento fora xa remitido tamén aos
gobernos centrais español e luso, ao delegado de Goberno, ao presidente da
Xunta, así como a diferentes representantes de entidades relacionados cos
intereses do territorio da ‘raia’.

Segundo explica o director da AECT, segundo pasan os días e a fronteira do
Miño sigue mantendo un único paso aberto, a indignación medra tanto na
poboación traballadora como nos representantes locais polo “agravio” con
respecto a outros territorios ante a inacción dos responsables políticos. Como
exemplo, Uxío Benítez, expuxo o da comunidade autónoma de Extremadura que dende
o inicio do Estado de Alarma mantivo varios pasos activos na fronteira e abriu
outro este pasado luns, a pesares de que o número de traballadoras e
traballadores que deben circular entre Extremadura e Portugal apenas chega á
cuarta parte dos do territorio do Miño.