A elaboración da ‘Estratexia 2030’ do río Miño Transfronteirizo entra nunha nova fase de participación social

image_pdfimage_print

Tras o importante éxito de asistencia ao I Fórum do Río Miño Transfronteirizo, que se celebrou en Valença o pasado mes de xuño, a elaboración da ‘Estratexia 2030’ entra agora nunha nova fase de participación cidadá. Os axentes sociais do territorio interesados poderán seguir colaborando coa creación do documento estratéxico, ben a través da web www.smartminho.eu, onde se habilitou espazo virtual para este propósito, ou ben sumándose á celebración das novas mesas sectoriais que terán lugar nos próximos meses. As opinións e propostas, tanto individuais como de colectivos e institucións, serán recollidas pola equipa científica para a redacción do documento Diagnóstico e Plan De Acción da Estratexia de Cooperación Intelixente do Río Miño Transfronteirizo, que será presentada no II FORUM, a finais de ano.

O documento preliminar, que foi sometido a debate no I Fórum, xunto coas conclusións recollidas nas distintas mesas sectoriais que se celebraron o pasado 21 de xuño, estará dispoñible na páxina web ao longo das próximas semanas, onde xa hai habilitado un espazo virtual transfronteirizo de participación cidadá, a través do cal as persoas interesadas poderán facer chegar ás súas aportacións en forma de propostas e opinións, utilizando as diferentes caixas de correo habilitadas. 

Así mesmo, a partir de finais de xullo e ata finais de outubro, tamén estará activo neste espazo web, un bloque de consulta cidadá sobre diferentes aspectos e medidas relacionados coa cooperación entre ambas beiras do río Miño.

Pola súa banda, durante os meses de setembro e outubro convocaranse novas mesas sectoriais ao redor de catro eixos: os sectores produtivos; a gobernanza no territorio transfronteirizo; a mobilidade, os servizos e o turismo sustentable; e a cultura e comercio tradicional”. Para inscribirse nelas bastará con cubrir un formulario a través de www.smartminho.eu ou ben enviar un correo electrónico a riominho.interrreg@depo.es.

Detrás da denominación Estratexia De Cooperación Intelixente do Rio Minho Transfronteirizo, ‘Estratexia 2030’, atopamos un programa de actuación conxunta dos actores públicos e privados do territorio do río Miño na área do norte de Portugal e sur da provincia de Pontevedra. Este traballo de análise profunda do espazo transfronteirizo ten como horizonte futuro o novo marco financeiro europeo 2023-2027.

A ‘Estratexia 2030’ desenvolve un plan de acción e implementa un proceso capaz de involucrar aos actores públicos e privados (axentes económicos e sociais presentes no territorio) e será un documento-guía da orientación das políticas públicas de desenvolvemento da área transfronteiriza do río Miño, orientado e integrado nunha perspectiva de valoración e uso económico e sustentable dos recursos do río internacional.

A encargada de impulsar a Estratexia sería a Agrupación de Cooperación Territorial Río Miño (AECT-Río Miño),  constituída pola Deputación de Pontevedra no territorio do Miño pontevedrés, e pola Comunidade Intermunicipal do Alto Minho portugués (CIM Alto Minho).

A Estratexia de Cooperación Intelixente do rio Minho Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está cofinanciado ao 75 %, cun orzamento total de 942.022,47 euros.