1

A Deputación e o AECT Rio Minho encargan un estudo de urxencia sobre o impacto socioeconómico do peche das fronteiras no río Miño a causa do Covid-19

O AECT advirte de que “o efecto da pandemia nas fronteiras é dobre” e reclama “unha especil atención por parte das autoridades europeas cara estes territorios”

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Rio Minho, realizará un estudo de urxencia sobre o impacto socioeconómico que o peche de fronteiras provocado pola pandemia do Covid-19 está a ter sobre o territorio transfronteirizo do río Miño.

O director do AECT e deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez, explicou que o territorio do río Miño transfronteirizo vese afectado á súa vez polo decreto de estado de alarma español e o estado de emergência portugués. A recuperación das fronteiras, xusto cando se está a producir o 25 aniversario do Tratado de Schengen, e a supresión do tránsito en lugares de paso, “supoñen unha limitación adicional ao do resto de territorios”, indicou o deputado provincial. “O efecto da pandemia na fronteira é dobre, incide sobre a saúde e a economía local, como en todas partes, pero ademais afecta aos fluxos transfronteirizos nun territorio fortemente interrelacionado”.

“Atopámonos nunha etapa na que se están a construír Eurocidades, servizos
públicos e organismos compartidos, e sobre todo na que a vida cotiá das
persoas, das familias e das empresas desenvólvese nas dúas beiras do río, de
xeito que as limitacións teñen aquí un impacto diferente e máis profundo ao que
é necesario atender”, advertiu o director do AECT Rio Minho.

Por outro lado, Uxío Benítez dirixiuse ás autoridades europeas para reclamar
“unha especial atención e medidas concretas para os territorios
transfronteirizos que son os que máis están acusando esta crise”.

O estudo realizarase a través de entrevistas, telefónicas ou por
videoconferencia, con representantes políticos e sociais de todos os concellos
do Miño de ambas beiras e un seguimento dos medios de comunicación e das redes
sociais. “Este informe permitiranos dimensionar nun primeiro achegamento o
impacto territorial e tomar decisións de modo inmediato con independencia da
necesidade de maiores e máis amplios estudos posteriores”, aclarou Benítez.