A Deputación de Pontevedra conmemora o Día Mundial do Patrimonio coa presentación do proxecto “Tesouros Humanos Vivos”

Uxío Benítez destacou que
esta é unha das accións “máis bonitas e simbólicas” do proxecto Smart Minho

O traballo realizase en
colaboración coa Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas!,
consultora acreditada pola UNESCO, con 25 anos de experiencia

A Deputación de Pontevedra, a través do proxecto Smart Minho, presentou con motivo da véspera do Día Mundial do Patrimonio Cultural a iniciativa “Os Tesouros Humanos Vivos”, un traballo de recuperación e posta en valor da memoria cultural galego – portuguesa no territorio do val do río Miño. Coñecementos como as técnicas de pesca tradicional, os traballos artesanais, os contos e lendas e mesmo as variedades dialectais que dende tempos inmemoriables se transmitían de xeración en xeración,  vense agora ameazados pola falta de revelo xeracional e os drásticos cambios na forma da vida da xente nos últimos 50 anos. O acto contou coa presencia da  presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; do deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez; da deputada de Patrimonio, María Ortega, e do coordinador da Asociación Ponte…nas Ondas!, Xerardo Feijoo, organización consultora da UNESCO, con quen se está a desenvolver este traballo.

Segundo
explicou o deputado Uxío Benítez, esta é unha das accións “máis bonitas e
simbólicas” enmarcadas dentro do proxecto Smart Minho que desenvolve a
Deputación de Pontevedra co cofinanciamento do 75% do Fondo Europeo de
Desenvolvemento Rexional. O obxectivo é documentar estes coñecementos
intanxibles, “que son a base da nosa cultura e da nosa identidade”, pólos en
valor e transmitilos ás novas xeracións evitando así a súa desaparición.

Para
iso realizouse un traballo de campo de máis dun ano xunto coa asociación Ponte…
nas Ondas! que entrevistou ao redor de 15 persoas do territorio miñoto galego
portugués, a maioría delas de máis de 70 anos, e nun dos casos chegando ata os
99. As entrevistas foron gravadas e documentadas e estarán á disposición de
todo o mundo na páxina www.smartminho.eu co obxectivo de garantir a súa
divulgación e transmisión.

Nesta
mesma liña, Benítez anunciou que en 2020 realizaranse actividades lúdicas e
educativas relacionadas cos tesouros humanos vivos en escolas, editaremos un
libro infantil, organizarase unha exposición itinerante e haberá un acto
homenaxe a todos os “tesouros humanos vivos” que forman parte do proxecto”.

Pola
súa banda, a deputada de Patrimonio, María Ortega, dixo sentirse orgullosa de
que a Deputación de Pontevedra leve a cabo un proxecto coma este que debería
ser extensible a todas as administracións. Ortega aproveitou a ocasión para
reivindicar “a lingua como o elemento máis importante do noso patrimonio
inmaterial, a lingua fainos ser quen hoxe somos, unha lingua, que na raia nos
une co pobo irmán portugués, e que nos sirve para transmitir o nosa cultura,
sentir e emocións”.

Por
último, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou na
súa intervención que proxectos como “Tesouros Humanos Vivos” son “fundamentais
para que poidamos transmitir e seguir vivo todo ese coñecemento ancestral e que
amais nos fai ter máis recursos para facer fronte aos novos retos”. “Ese
patrimonio inmaterial nos fai únicos, diferentes e diversos nun mundo global e
ademais amosa a humanidade, o máis fermoso do ser humano; non podemos permitir
que se perda”, manifestou.

Silva
fixo fincapé en que o patrimonio inmaterial “está maiormente nas mans das
mulleres, porque vivimos máis anos”. “E poñerlles a elas voz con ese
coñecemento inmaterial –engadiu- tamén visibiliza a esas mulleres galegas
extraordinarias, cuxos rostros tamén son tesouros humanos vivos, e fala de todo
o que teñen aportado. Por iso paréceme relevante e quero poñer en valor que son
elas as que poden transmitir ese patrimonio inmaterial”.

A
presidenta recalcou que o Proxecto Smart Minho “fala de dous países, pero un
pobo” e está a aportar ideas e accións “que van facer que todo este territorio,
e máis alá, teña posibilidades de construír futuro poñendo as raíces no
extraordinario pasado que temos; non podemos esquecer que fai 2000 anos este
territorio era o centro do mundo, aquí acontecía todo”. Tras agradecer a labor
do colectivo Ponte nas Ondas, concluíu que “nese patrimonio inmaterial nós
somos unha grande referencia no mundo; temos moita cultura e moito orgullo que
defender”.

A
Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! desenvolve dende hai 25
anos a súa actividade de recuperación da cultural inmaterial a través do
recoñecemento de ‘tesouros humanos vivos’ en todo o territorio
transfronteirizo, realizando este labor de xeito ininterrompido dende a súa
fundación. O seu traballo de recuperación do patrimonio inmaterial a través
desta metodoloxía establecida pola UNESCO foi premiada en varias ocasión por
entidades nacionais e internacionais.

Smart
Minho é un proxecto da Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación
Centro de Estudos Eurorrexionais e a Agrupación Europea de Cooperación
Transfronteiriza Río Miño (AECT Río Miño), cofinanciado ao 75% por fondos
FEDER.