A Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal recibe á AECT Río Miño

A entidade amosou a súa preocupación ao respecto da redución de fondos europeos de cooperación transfronteiriza para o período 2021 – 2027

 

A AECT Río Miño reuniuse esta semana co presidente e a vicepresidenta da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDRN), Fernando Freire de Sousa e Ester Gomes da Silva, para tratar o marco financeiro 2021–2027 dos fondos europeos e achegarlles as conclusións da Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030. No encontro participaron o director da entidade, Uxío Benítez; o vicepresidente, Jõao Fernando Brito Nogueira, e o secretariado técnico da AECT.

Durante a reunión, Uxío Benítez transmitiu súa preocupación ao respecto da redución de fondos para cooperación transfronteiriza no próximo marco financeiro plurianual dos orzamentos europeos para o período 2021 – 2027, que afectarían directamente aos proxectos desenvolvidos entre a fronteira do sur de Pontevedra e norte portugués. Dende a AECT sinalouse a importancia destes fondos para o territorio transfronteirizo, historicamente menos desenvolvido, e que hoxe en día se enfronta á problemáticas cruciais como o avellentamento ou a emigración por falta de perspectivas laborais.

Esta mesma preocupación foi transmitida á Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do goberno de España, durante a reunión mantida o pasado 11 de decembro, na que foron presentadas as candidaturas promovidas pola AECT Río Miño e a Deputación de Pontevedra á segunda convocatoria do Poctep 2014 – 2020.

Próximas reunións

Así mesmo, o 18 de xaneiro está previsto un encontro co Secretário de Estado da Valorização do Interior de Portugal, João Paulo Catarino, para seguir tratando estas cuestións e a planificación dos próximos investimentos no territorio.

A AECT Río Miño tamén ten solicitada unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para tratar estas mesmas cuestións, así como a proposta de formulación dunha Inversión Territorial Integrada (ITI) no territorio do Río Miño Transfronteirizo.